Plano Director da Rede Natura: tarde e mal |
1 de agosto de 2011. ADEGA vén de apresentar alegacións ao Plano Director da RN 2000 (149 Kb) proposto pola Xunta. Á marxe de que o plano chega con 6 anos de retraso e "por imperativo legal" baixo a ameaza de sancións de Europa, o seu contido confirma a estratexia de liquidación da actual Xunta cos espazos protexidos. De entrada, resulta chamativa que a zonificación difira substancialmente da do documento de 2008: desaparecen as zonas de reserva integral e xúntanse as de uso restrinxido con outras con menor valor, de xeito que na poposta actual a protección rebáixase un chanzo para o 53,54% do territorio con respecto ao plano de 2008. No tocante aos usos, permítense case todos, incluidos os construtivos, nada menos que no 73,7% da Rede Natura. E nas zonas de maior valor ambiental permítense piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico... a discreción do Sr. conselleiro. PLANO DIRECTOR DA REDE NATURA DE 2000 DE GALIZA PREGO DE ALEGACIÓNS DE ADEGA 1. Encol da ZONIFICACIÓN A zonificación proposta neste Plano Director (en diante PDRNG) di basearse naquela fixada para os Parques Nacionais no Plano Director da Rede de Parques Nacionais de España (en diante PDPN), aprobado por R.D. 1803/1999 do 27 de novembro (BOE 297, 13/12/2009). Tal documento deseña para o ordeamento e xestión dos Parques Nacionais un sistema de 5 zonas xerarquizadas e diferenciadas polo grao de protección dos compoñentes da biodiversidade (en función do seu estado de conservación, ameazas, representatividade, fraxilidade, etc.) que da lugar a unha diferente regulamentación das actividades e aproveitamentos en cada zona. Atendendo a isto, e tendo en conta que o principal obxectivo da Rede Natura 2000 consagrada através da Directiva 92/43 CEE, de Hábitats e a Directiva 2009/147 CE que designa ás ZEPAs (Zonas de Especial Protección de Aves), é “…contribuir a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres no territorio europeo dos Estados membros…”, (art. 2.1), entendemos que a zonificación proposta polo presente PDRNG non asegura de xeito suficiente a consecución dos obxectivos anteditos polas seguintes razóns: a) O establecemento de tres zonas 1) Área de Protección; 2) Área de Conservación e 3) Área de uso Xeral difire da zonificación proposta no PDPN e non contempla, por exemplo, o establecemento dunha zona de reserva para os territorios cos máximos valores ou necesidades de conservación en función da presenza de hábitats e especies raras, fráxiles, de grande singularidade, ou moi ameazadas. En función disto, nestas áreas non estaría permitido uso algún agás para usos científicos ou de manexo do medio natural por parte das administracións competentes. Cómpre subliñar que na proposta de Plano Director da Rede Natura de Galiza elaborada para a Xunta de Galiza polo IBADER en 2008, sí se recollía no apartado de zonificación esta figura, denominada “zona de reserva” (ZDPG-1). b) No presente PDRNG, a denominada “Área de Protección” ou zona 1, asimílase á denominada “zona de interese prioritario para a conservación” ou ZDPG-2 na proposta de 2008, mentres que a “Área de Conservación” ou zona 2 corresponde a unha fusión das categorías de “zona de uso restrinxido” (ZDPG-3) e “zona de uso moderado” (ZDPG-4). Nesta “Área de Conservación” poderanse desenvolver actividades non tradicionais, maila á presenza de hábitats prioritarios, e que o seu obxectivo fundamental e o aproveitamento ordeado dos recursos naturais, alén de servir como “área de amortecemento” ou tampón entre a zona 1 e a 3. Entendemos que esta zonificación perxudica aos obxectivos de conservación por canto non contempla a presenza, nada menos que no 53,54% do total do territorio da Rede Natura Galega de áreas (denominadas “zonas de uso restrinxido” na proposta de 2008) cun valor de conservación alto ou moi alto integradas en espazos cun alto grao de humanización, sen presenza de asentamentos rurais e nas que deberiase prohibir calquera uso diferente do aproveitamento pesqueiro, marisqueiro, agropecuario ou forestal de carácter tradicional, consonte á Directiva 92/43 CE. O feito de fusionar esta zona de uso restrinxido (53,54% do territorio RN) coa zona de uso moderado (39,17%) e denominala “Área de Conservación” ocupando nada menos que o 67,7% do territorio total da Rede Natura Galega, e de permitir en toda ela actividades non tradicionais, claramente rebaixa o grao de protección de máis da metade da RN 2000 e ameaza aos obxectivos de conservación tanto desta área como da de maior interese para a conservación. c) Deberían pois diferenciarse entre as zonas de “interese prioritario” e de “uso restrinxido” en función do grao de conservación (moi alto/alto), da proporción de hábitats prioritarios/de interese europeo e do menor/maior grao de antropización, resultado este da intervención secular e do aproveitamento tradicional por parte das comunidades humanas. As zonas de “uso restrinxido” e de “interese prioritario” poderían considerarse a efectos prácticos unha mesma área na que non estarían permitidos usos alleos aos tradicionais que non sexan compatíbeis cos obxectivos de conservación, tal como recolle a proposta de PDRN elaborada pola Xunta en 2008. d) Asemade, deberían tamén diferenciarse as zonas de “uso restrinxido” das de “uso moderado”, tal como propón tamén o Plano Director do 2008, en función do grao de conservación alto/medio, o grao de naturalidade/antropización e a presenza/ausenza de asentamentos rurais tradicionais. Esta última zona de “uso moderado” é a que serviría como tampón entre a de menor protección (de “uso xeral”) e as de maior valor de conservación (de “uso restrinxido”, de “interese prioritario” e de “reserva”). En consecuencia, toda a zonificación particular de cada ZEPVN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) integrante da Rede Natura 2000 galega, debería ser reformulada consonte á distribución pentazonal proposta no Plano Director da Rede Natura 2000 de Galiza, elaborada para a Xunta de Galiza polo IBADER en 2008. En todo caso, e como adaptación práctica da zonificación proposta no devandito documento, poderiase considerar a integración da categoría de “interese prioritario” (ZDPG-2) na de “uso restrinxido” (ZDPG-3), consonte ao expresado anteriormente no apartado c), e mantendo como criterios diferenciadores coa zona de uso moderado os expostos nos apartados c) e d). Polo mesmo, todas as medidas de xestión propostas dentro do apartado 9 do presente PDRNG, en tanto que atinxan a aspectos vencellados á zonificación, deben ser reformuladas consonte ao novo modelo de zonificación que propoñemos. 2. Encol das MEDIDAS DE XESTIÓN (Doc. de síntese)
2.1 Medidas e normativa xeral No punto 3 (Alcance e ámbito de aplicación, p. 109), parágrafo 1, bloque 3, con referenza ás actuacións, planos e programas sectoriais que “só poderán contradicir ou non acoller o contido do Plan Director por razóns imperiosas de interese público de primeira orde...”, débese engadir “consonte ao establecido no artigo 6 da DC 92/43/CEE e no artigo 45 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. No punto 4 (Exclusión de actividades da Rede Natura 2000, p. 110) parágrafo 2, débese engadir como actividade específica para a que a totalidade do territorio da Rede Natura Galega considérase área de exclusión, a piscicultura industrial intensiva tanto en terra como no mar. Neste mesmo punto 4, parágrafo 2, no apartado correspondente á enerxía hidroeléctrica como actividade excluida, ao considerar as excepcións (“modernización dos aproveitamentos hidráulicos existentes”), débese engadir o condicionante “sempre e cando non supoñan un aumento do caudal turbinado e/ou unha diminución do caudal ecolóxico”. No punto 5 (Normativa xeral dos espazos da Rede Natura 2000, p. 111), no referido aos usus autorizábeis, débese suprimir por completo o parágrafo 1 que fai referenza ás “...actividades directamente relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública ou con outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde... etc”, por canto estas categorías de usos considéranse excepcións e non usos normais autorizábeis, como establecen os artigos 6 da DC 92/43/CEE e 45 da Lei 42/2007 do Patrimonio Natural e da Biodiversidade. Neste mesmo punto e no parágrafo 4 (final) dos usos autorizábeis dise “Non obstante, existe outro tipo de actividades incluidas na presente normativa que, de acordo aos contidos do presente Plan, pasan a ser autorizadas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, en base ás atribucións da mesma”. Entendemos que deben listarse estas actividades. No punto 6 (Fomento de actividades socioeconómicas, p. 111), no apartado a) no que se listan as actividades vencelladas coa “explotación racional” dos recursos naturais, propoñemos substituir esta expresión pola de “aproveitamento sustentábel”. Asemade e con respeito a esta listaxe de actividades débese engadir: para a agricultura, “agricultura tradicional non industrial e preferiblemente ecolóxica”; para gandería “gandería tradicional, extensiva, preferiblemente ecolóxica e con castes autóctonas”; para silvicultura “silvicultura sustentábel con exclusión das especies pirófitas, alóctonas e cultivos enerxéticos”; para pesca, “pesca artesanal”, e para acuicultura, “acuicultura non intensiva nen industrial”. 2.2 Medidas e normativa por compoñentes No apartado correspontente as usos marisqueiros e pesqueiros (9.2.3), no punto 2 (Directrices, p. 162) débese facer expresa referenza ao fomento das reservas mariñas e á posibilidade por parte destas de acadar financiamento preferencial, axudas directas á conservación dos seus recursos e á promoción e comercialización dos seus produtos fronte a outros espazos non incluidos baixo esta fórmula. No apartado correspondente aos usos agropecuarios (9.2.4), no punto 2 (Normativa xeral, parágrafo 1, pp. 163-164) débense considerar como usos autorizábeis a aplicación de xurros, fertilizantes e biocidas, e non como usos permitidos. Do mesmo xeito, os 7 primeiros usos da listaxe de usos autorizábeis do parágrafo 2, a saber: cambios de usos que supoñan a desaparición ou diminución de hábitats, novos pasteiros sobre hábitats protexidos, eliminación de sebes e bosquetes, uso de biocidas, fumigación con equipas aéreas, liberación de transxénicos e introdución de invasoras, deben ser considerados todos eles como usos prohibidos. No apartado correspondente aos usos forestais (9.2.5), no punto 3 (Normativa xeral, p. 166) cítanse no parágrafo 1 algunhas actividades permitidas consideradas como tradicionais vencelladas á explotación forestal dentro da Rede Natura 2000. A este respeito, propoñemos eliminar a referenza ás plantacións de especies do xénero Pinus das actividades permitidas pasando a considerarse como autorizábeis. Do mesmo xeito acontece coas cortas dos tipos de bosques do anexo I da DC 92/43/CEE, que pasarían a ser actividades autorizábeis. Polo que atinxe á “introdución, plantación ou sementeira de especies exóticas”, esta actividade debería deixar de considerarse permitida e pasar a ser un uso prohibido en toda a superficie da Rede Natura 2000 de Galiza. No parágrafo 7 deste mesmo apartado (p.167) e con referenza aus usos forestais sometidos a autorización, deberían considerarse como usos prohibidos os seguintes: introdución, plantación ou sementeira de exóticas en todos os casos; rozas, sangrados e subsolados sobre queirogais húmidos e turbeiras; o uso extensivo do lume en todos os casos (queimas controladas, de restrebas, etc); o uso de biocidas e herbicidas sobre hábitats e especies incluidos na DC 92/43/CEE e a fumigación con equipas aéreas. No parágrafo 8, relativo ás actividades sometidas a avaliación de impacto ambiental, deberiase reducir a superficie proposta das primeiras repoboacións de 50 a 10 hectáreas. No apartado correspondente a infraestruturas e obras (9.2.7), no punto 2 (Directrices, p. 170), débese incluir como nova directriz a prohibición do uso de herbicidas e biocidas para a limpeza das marxes das vías de comunicación e outras infraestruturas e o fomento do rozado mecánico selectivo. No apartado correspondente ao usos públicos e actividades deportivas (9.2.8), no punto 2 (Directrices, p. 174) débense suprimir nos puntos donde apareza toda referenza ás actividades cinexéticas. A este respeito, toda a Rede Natura 2000 galega debe ser considerada zona de exclusión para a caza e portanto, calisquera actividade ou aproveitamento cinexético considerado permitido ou autorizábel debería ser incluido dentro dos usos prohibidos. 2.2 Medidas e normativa zonal Consonte ao expresado nestas alegacións no apartado de zonificación, a normativa zonal debe ser reformulada tendo en conta a nova proposta de zonificación en 5 (ou a efectos prácticos 4) áreas. Dentro do apartado correspondente á ordenación do territorio e urbanismo (punto 1, p. 181), e encol das normas específicas para a área de protección (zona 1) débese suprimir como actividade autorizábel, considerándoa xa que logo prohibida, o cambio de clasificación de terreos de solo rústico de especial protección de espazos naturais (parágrafo 4). Asemade, e dentro do parágrafo 5, débese suprimir a excepcionalidade da autorización para exceder o aumento de volume dunha edificación por riba do 10% (incluso superando o 50%), de xeito que en nungunha circunstancia poida superarse este 10% de exceso. Tamén dentro das actividades autorizábeis na zona de protección, débese suprimir a instalación de establecementos de acuicultura (parágrafo 11). E polo que respeita ás infraestruturas de tratamento de residuos, estas tampouco deben autorizadas nesta zona. As piscifatorías e as instalacións para o tratamento de residuos tampouco deben ser autorizábeis nas eventuais zonas de “uso prioritario” e “uso restrinxido” que propoñemos na zonificación alternativa que figura no apartado 1 das presentes alegacións. Polo que atinxe ás normas específicas da área de conservación e no referente ao ordeamento do territorio e urbanismo (p. 186) terase en conta a proposta de nova zonificación realizada no apartado 1 das presentes alegacións, de xeito que os usos e actividades autorizábeis que figuran neste apartado, deberano ser en referenza á nova proposta de “zona de uso moderado”, definida como área de amortecemento ou tampón e na que están presentes asentamentos rurais tradicionais. No referente aos usos prohibidos en todas as zonas, para o caso das infraestruturas e obras (punto 2, p. 188), deberá engadirse de xeito explícito a esta listaxe as minas e canteiras e as instalacións de piscicultura industrial intensiva tanto no mar coma na terra. Finalmente, no apartado de uso público (punto 3, p. 189 a 191) deberá suprimirse como uso autorizábel en calquera das zonas toda actividade relacionada coa caza (realización de actividades cinexéticas, entreno de cans, etc). O voo de aeronaves e os rallys estarán autorizados só na área de uso xeral e prohibidos nas demáis. Por todo o anteriormente exposto, SOLICITAMOS que se teñan por presentadas as alegacións de ADEGA ao Plano Director da Rede Natura 2000 de Galiza, aceptándoas e modificando este consonte ás propostas efectuadas. |