Adega
INICIO Últimas novas ADEGA esixe ao Ministerio e á Xunta que rematen co franquismo ambiental nos nosos ríos
ADEGA esixe ao Ministerio e á Xunta que rematen co franquismo ambiental nos nosos ríos PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA esixe ao Ministerio e á Xunta que rematen co franquismo ambiental nos nosos ríos a FaceBookEnvia ADEGA esixe ao Ministerio e á Xunta que rematen co franquismo ambiental nos nosos ríos a Twitter
amizadesperigosas11 de agosto de 2011. Os novos proxectos de aproveitamentos hidroeléctricos no Miño (Belesar III e Os Peares III, de U. Fenosa) e no Sil (Santa Cristina, de Iberdrola) son consecuencia dun franquismo ambiental ao que ningún goberno atreveuse a facer a "transición". As concesións que o ditador realizou a finais dos 50 por un periodo de 99 anos deron a estas empresas dereito de pernada sobre os nosos ríos e cos seus proxectos incumpriron sistemáticamente durante décadas e xa en plena democracia, normas como as leis de Pesca Fluvial ou de Augas. En calquera outro país estas aberracións estarían corrixidas dende hai anos, as instalacións derrubadas, as empresas responsábeis multadas e os seus directivos imputados. En Galiza, váiselles premiar con novas instalacións, incluido o delirante proxecto de lago suspendido e central de bombeo en caverna nos canóns do Sil, en plena Rede Natura. ADEGA esixe da Xunta e do Ministerio o rexeitamento destes proxectos e a apertura dun expediente para a recuperación destas concesións polo incumprimento sistemático de U. Fenosa e Iberdrola da normativa de pesca, de augas e ambiental.

Co Plano Hidrolóxico das bacías do Miño e Sil aínda en tramitación, as eléctricas voltan á carga para chuchar aínda máis enerxía destes ríos, os máis sobreexplotados e curtocircuitados de Europa. Se ben os proxectos de Belesar III, Os Peares III e Santa Cristina non van supoñer a constución de novas barreiras, as faraónicas obras xerarán gravísimos impactos no ecosistema destes ríos, obrigándo ao seu secado temporal en varias ocasións ao longo dos máis de 5 anos de traballos. Particular impacto terá o proxecto de central reversíbel de Santa Cristina que partindo do encoro de Santo Estevo, vai elevar a auga até un lago de situado na parta alta do canon do Sil de 35 Ha de extensión. A paisaxe da Ribeira Sacra, Patrimonio da Humanidade e LIC da Rede Natura, mudará para sempre, e as especies protexidas do canón, entre as que se inclúe a aguia real (en perigo de extinción) terán que soportar anos de voaduras e o depósito dos millóns de toneladas de entullos procedentes da perforación das cavernas e conducións soterradas que furarán o macizo.

A razón destes proxectos, en particular os de ciclo reversíbel, é tan só a especulación: trátase de aproveitar a "luz barata" xerada cando a demanda é baixa (pola noite) para bombear auga ao lago elevado, turbinándoa cando a demanda fai que o prezo do kilowatio esté alto. Tal acontece, por exemplo, con instalacións de bombeo próximas a centrais nucleares (como a de Iberdrola en Cofrentes, Valencia): úsase a enerxía nuclear que non se vendeu para "transformala" en enerxía verde e colocala con sobreprezo no mercado eléctrico... a costa dos fondos públicos en primas e da prioridade que o kilowatio hidroeléctrico ten sobre as demáis fontes de xeración.
Tanto este proxecto como as centrais reversíbeis no Miño e Sil son para ADEGA un inmenso timo e unha estafa argallada polas eléctricas coa cooperación necesaria das administracións, cómplices desta malversación de fondos públicos.

ADEGA esixe do Ministerio e da Ministra Rosa Aguilar que sexa fidel á súa palabra de non autorizar novos aproveitamentos nos nosos ríos. Non se trata só de non facer máis encoros, senón de reducir a insoportábel presión sobre os ecosistemas destes ríos, atendendo ao recollido na Directiva Marco da Auga e na Lei de Defensa dos Ríos Galegos. Por iso, o Ministerio debería tamén, visto o historial de incumprimentos sistemáticos de Fenosa e Iberdrola da lexislación de pesca fluvial, de augas e dos caudais ecolóxicos, iniciar os expedientes de caducidade das concesións franquistas que estas empresas teñen nos nosos ríos.

Polo que atinxe á Xunta, o Sr. Feijóo debería rexeitar estes delirantes proxectos atendendo ao mandado da Lei para a protección e Millora dos Ríos Galegos que o seu grupo aprobou (xunto go PSdG e o BNG) en 2006. O contrario, voltaría a amosar a submisión da actual Xunta aos intereses empresariais máis espúreos en perxuizo do patrimonio ambiental de toda a cidadanía.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA