Adega
INICIO Últimas novas Balanzo ambiental de 2011 e perspectivas ecoloxistas para o 2012
Balanzo ambiental de 2011 e perspectivas ecoloxistas para o 2012 PDF Imprimir Correo-e
Envia Balanzo ambiental de 2011 e perspectivas ecoloxistas para o 2012 a FaceBookEnvia Balanzo ambiental de 2011 e perspectivas ecoloxistas para o 2012 a Twitter
2012Compostela, xaneiro de 2012. Coa natureza do país abandonada á súa sorte en 2011, 2012 comeza coa dúbida de se o enésimo machetazo ao ambiente virá dende a Xunta ou o Estado. Atrás queda un Ano das Florestas no que os montes galegos de maior valor ecolóxico sufriron cos lumes un retroceso histórico. Coma nun bucle, a incineración rexurde 20 anos despois en perversa metástase no sur, outra volta da man da Xunta do PP. O territorio, o noso máis valioso recurso, viu multiplicadas as agresións con recortes lexislativos e unha planificación insustentábel. O acontecido en Barreiros, onde o incumprimento das leis e o desbaldimento de cartos públicos promovidos dende as administracións, dá a medida da corrupción dun sistema agresivo co ambiente, co patrimonio e cos dereitos sociais. 2012: un ano de crise ambiental e social que ADEGA afronta coa experiencia e o compromiso de máis 36 anos de loita ecoloxista.

Residuos: o que mal comeza, mal acaba. O Plano de Residuos do PP trouxo debaixo do brazo o agardado: máis incineración. No entanto tivo que pasar case un ano para coñecer a ubicación proposta para a nova incineradora (O Irixo), logo de que a Xunta atendera primeiro aos seus intereses políticos para esquivar posíbeis repercusións eleitorais. Feijóo e Hernández pretenden reproducir no sur o fracaso de SOGAMA, un modelo caduco, ruinoso para os concellos, insolidario coa cidadanía e perigoso para a saúde e o ambiente. No 2012, esta vai ser unha das principais loitas, na que ADEGA non vai escatimar recursos. Informar á cidadanía, estimular a resposta social, interpoñer denuncias administrativas e xudiciais perante todas as instancias competentes, todo para levantarlle as saias a SOGAMA e amosar as vergoñas da incineración á sociedade. A incineración en Galiza é unha opción política, non técnica nin moito menos legal. O camiño para tombala fica pois claro.

No ano das Florestas, máis lume e especulación; e en 2012, máis eucaliptos: A maquinaria da especulación capitalista ten en 2012 un obxectivo claro: penetrar nos nosos montes e afortalarse no mundo rural. O instrumento: os seus factótums políticos na Xunta e no sector forestal e pasteiro; o veículo: a castración da lei de Defensa contra os incendios, e as novas leis de Montes e de Man Común, cos seus regulamentos que verán a luz en 2012. ADEGA continuará tecendo redes e promovendo sinerxias coas organizacións con presenza no mundo rural e que acreditan no seu futuro sustentábel, fronte ao derrotismo e a inoperancia do conselleiro "el mundo rural está condenado a desaparecer", para o que pedimos o cese despois dos catastróficos lumes do outono pasado. Non nos resignamos ao andazo dos lumes: teñen cooperadores necesarios por acción ou omisión dende as institucións. Esa é a broza que cómpre limpar axiña. Tampouco imos ficar impasíbeis vendo como millóns de eucaliptos transxénicos recolonizan os montes mentres os responsábeis da conservación da biodiversidade convirten ao país nun enorme couto de caza no que pululen nenos armados: a escopeta nacional de Juárez e Borregón.

Enerxía: privilexios para uns poucos, impactos para tod@s. Para a ONU, o 2012 será o ano da "enerxía sustentábel para todos". En Galiza, o 2012 será o dunha nova vaga de eólicos en prácticamente calquera curuto. E de novo, coma durante o fraguismo, os beneficios para uns poucos amigos, xa non masaxistas, cuñados e mulleres de alcaldes, senón grupos de investidores afíns ao poder e ás grandes empresas enerxéticas, retiro dourado de políticos xa amortizados. O concurso eólico do PP foi concebido para camuflar a enaxenación dos nosos recursos naturais aos tabeiróns da especulación enerxética, alén de levar como un parasito apegado unha nova incineradora. Tratábase de privatizar o vento e os refugallos, privatizando de paso os beneficios e socializando os impactos: desenvolvemento para uns poucos sustentado por todos/as.

No litoral, rodaballos e salmóns que non falten. Co Plano Director de Acuicultura, Feijóo non só deu por boas as ubicacións do contestado Plano Acuícola do bipartito, senón que foi máis aló: as piscifatorías poderán ir... onde diga a consellería (vale dicer Pescanova). Todo comezou en 2010 co pomposo POL, que de tantas execepcións, na prática permitía case todo a criterio da administración. Despois chegou o "experimento" das gaiolas de salmón, e a Xunta deixou claro de que lado estaba: do da macroacuicultura industrial, a que pretende convertir o noso litoral nun inmenso polígono industrial para lucro das multinacionais do peixe con antibióticos, ao estilo do acontecido en Chile. E ao igual que no cono Sur, serán a pesca tradicional, o marisqueo e o ecosistema das nosas rías os que pagarán as consecuencias. Nestes intres, fronte á ameaza das macroplantas de peixes de plástico só estamos os ecoloxistas e a crise: a falla de subvencións europeas á macroacuicultura está a demorar desfeitas coma a de Touriñán, mais en 2012 podería racharse esta situación.

Rede Natura? Barata, barata... canto lle poño? Despois de agardarmos 7 anos pola ampliación da Rede Natura galega, este pasado decembro pariron os montes: o resultado, unha ampliación misérrima que fai que sigamos á cola do estado. Galiza, malia a contar cunha das biodiversidades máis ricas de Europa, acadará en 2012 o 15% de Rede Natura, lonxe da media estatal (28%) e do territorio protexido nas autonomías veciñas: Castela e León, 26% e Asturies, 29%. A isto hai que engadir un Plano Director, orientado á deconstrución dos valores naturais destas áreas: permítense case todos os usos, incluidos os construtivos, en máis do 70% da Rede Natura, e nas zonas de maior valor permítense piscifatorías, incineradoras, caza, rallys, recualificar solo rústico... a discreción do Sr. conselleiro. Marchando "cuarto y mitad" de Rede Natura!

Territorio e urbanismo: malversando a toda costa. En 2011 caiu definitivamente a careta do boom urbanístico confirmándose tamén a perversa interconexión entre o ladrillo e o poder. O caso Barreiros supón a demolición controlada dun marco legal que puña algún límite ao todo vale, incluido desviar cartos públicos aos bandullos dos especuladores. Esta vía de auga aberta pola Xunta na xestión do territorio deixa baleira de contido toda a lexislación urbanística previa substituíndoa pola arbitrariedade e a discrecionalidade do governo. É o "urbanismo real" que invocaba Hernández para "solucionar os problemas" do urbanismo legal: as leis e normas teñen o feo vicio de limitar e prohibir a política dos feitos consumados. Mais os ataques ao territorio non se limitaron a Barreiros: modificacións á carta da Lei do Solo, eliminación de molestos trámites ambientais e como colofón, unha Lei de Industria que permitirá montar unha incineradora na mesma praza do Obradoiro se fixera falla e inxectarlle a dedo cantos fondos públicos precise.

O 2012 xa non traerá a fin do mundo supostamente pregoada polos maias, mais en Galiza a nosa natureza está a piques de irse polo sumidoiro. Dende ADEGA animámosvos a loitar connosco por un futuro digno para o territorio e os que habitamos nel, centrado na conservación e uso sustentábel do noso patrimonio (natureza, cultura, lingua...) fronte á depredación, a mercantilización ambiental e o lucro desmedido que promoven os de sempre.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA