Balanzo ambiental de 2010 e perspectivas ecoloxistas para 2011 |
Xaneiro de 2011. Se 2009 foi o ano da "deconstrución" dos tépedos avanzos ambientais da etapa anterior, no 2010 asistimos á consolidación dunha auténtica involución ambiental. O obxectivo: o territorio no seu conxunto; a excusa: a crise económica; o instrumento: as políticas públicas; e as consecuencias: a perda por veces irreversíbel do noso patrimonio natural. Urbanismo á carta, máis muíños a dedo, máis minicentrais, máis incineración, máis asfalto e cemento... e hábitats e especies menos protexidas, menos atrancos ao ladrillo, menos mobilidade sustentábel... En definitiva, as vellas políticas agresivas sustentadas en planificacións sectoriais retrógradas (Planos de Residuos, Eólico, Acuícola, MOVE etc.), actualizadas con instrumentos baleiros de contido como as DOT e o POL, e aferrolladas con modificacións lexislativas á carta (Lei do Solo, Lei de Ordeamento Territorial, Lei Eólica...)
A actual crise ten unha forte compoñente ambiental: ao cambio climático hai que engadir a explotación insustentábel dos recusos naturais propiciada polas economías especulativas, que colocan a moitos ecosistemas naturais ao borde do colapso. As administracións subvencionan economías especulativas como as baseadas na construción ou no automóbil mentras o mundo rural e o patrimonio natural esmorece. Como se poden soterrar millóns de euros nos rescates dos bancos, responsábeis da actual crise, ou en subvencionar a produción e consumo de coches mentres ése cómplice dunha política de terra queimada co patrimonio natural?
Neste marco xeral, un dos obxectivos das políticas insustentábeis da "nova" Xunta foi o territorio no seu conxunto. Para iso, non escatimaron instrumentos: modificacións lexislativas á carta (Leis 9/2002 -do solo- e 10/1995 -de ordeamento territorial-), para meterlle man ao chan rústico protexido, dar cobertura legal ás desfeitas (Barreiros, polígonos e naves irregulares) ou simplesmente "bula" para calquera proxecto sectorial que precise chan barato. As DOT e o POL reveláronse como simples escusas, pomposos instrumentos convintemente baleirados de contidos: as DOT renuncian a intervir sobre as principais causas e consecuencias da degradación do territorio, ao deixar vixentes as sectoriais planificacións sectoriais responsábeis desa degradación. O POL, presenta tal cúmulo de indeterminacións, excepcións a arbitrariedades, que na práctica é coma se non existise: os proxectos sectoriais vixentes (acuícola, eólico, portos deportivos, polígonos industriais, MOVE...) quedan fóra e os que se aproben poderían ser obxecto de excepción a criterio da Xunta . O POL non existe para Pescanova, Stolt, Iberdrola, Fenosa, etc. pero sí para os concellos, anque con numerosas excepcións á carta. O 2010 foi tamén o ano do parón e marcha atrás na conservación da biodiversidade galega. Malia a ter sido declarado "Ano Internacional da Biodiversidade", a Xunta non ampliou nen sequera unha hectárea os nosos espazos protexidos, e Galiza segue na última posición a nível estatal. E non só iso: prodúxose un parón nos instrumentos de xestión de espazos e especies, baleirados de orzamento; houbo inoperancia e desleixo na xestión dos lumes en espazos protexidos; incumpríronse e retrasáronse as convocatorias dos organismos consultivos; comezouse a desmontar e privatizar os parques naturais; reducíronse as axudas para a previr e a compensar polos ataques do lobo; xeralizouse a "caza preventiva"... e como colofón, a Xunta negouse a criar o Parque Natural no Monte Pindo solicitado por amplos sectores sociais, institucións, veciñanza e ecoloxistas. No tocante aos residuos, a Xunta aposta novamente por seguir queimando o lixo con outra incineradora no Sur, e as continuas ampliacións da de Cerceda. Fronte á realidade das cifras que amosan o rotundo fracaso de SOGAMA, co novo Plano de Residuos a Xunta só pretende cumprir o expediente fronte a Europa: fala de compostaxe pero o groso dos investimentos vai para a incineración. A realidade é que a nova incineradora no sur financiada integramemte con capital privado só é unha fuxida cara adiante: malia á cambadela de megawatios por lixo que entrega a Estela Eólica a xestión dos refugallos no sur, ningunha empresa vai adiantar 230 M€ para a incineradora sen ter producido megawatio algún. O certo é que a Xunta dase por satisfeita cos "recrecidos" do vertedoiro da Areosa en Cerceda (máis lixo enriba do lixo) que lle permitirán seguir soterrando os residuos até as eleccións de 2013. A deficiente xestión climática das administracións tivo en 2010 e terá en diante graves efectos sobre o ambiente. Á lixeira esperanza con que pechou o enésimo cumio do clima hai que opor as políticas insustentábeis da Xunta e o estado: máis asfalto e coches propón Feijóo; máis carbón receita Zapatero. O Plano MOVE, refritido do Plano Director de Estradas, aposta polas grandes infraestruturas de transporte por estrada (subvencións aos coches incluidas) ignorando que as emisións dos veículos aumentaron no estado 75% máis que a media europea. Mentres, o tren de proximidade esmorece en Galiza e conceptos como a intermodalidade e a eficiencia están ausentes das políticas de transporte da Xunta. Pola súa banda, o decretazo do carbón (subsidio encoberto ás térmicas máis contaminantes) confirma o duplo raseiro do estado á hora de realizar esforzos para reducir as emisións e supón un retroceso xeralizado nas políticas activas de loita contra o cambio climático. Concurso eólico con graves erros de tramitación e feito para os amigos; Lei Eólica que reduce as garantías ambientais e sociais; Plano Hidrolóxico que pretende "coar de rondón" novas minicentrais; esquecemento da Educación Ambiental; tentativa de silenciamento dos colectivos ambientalistas e supresión das axudas públicas aos que tantas veces lle sacamos as castañas do lume á administración... En definitiva, un annus horribilis dende o punto de vista ambiental que semella vai ter continuación neste 2011. Mais dende ADEGA non imos asistir impasíbeis a esta involución ambiental. O ecoloxismo e a sociedade debemos facer fronte a este transcendental desafío con valentía, intelixencia e sentido da responsabilidade. Reclamamos un futuro digno para o noso territorio e os que habitamos nel, o recurso non renovábel máis valioso, centrado na conservación e uso sustentábel dos seus valores fronte á depredación, a mercantilización ambiental e o lucro desmedido que pretenden as actuais políticas públicas. |