Adega
INICIO Últimas novas Estratexia de conservación da Xunta: 0 en protección, 0 en transparencia
Estratexia de conservación da Xunta: 0 en protección, 0 en transparencia PDF Imprimir Correo-e
Envia Estratexia de conservación da Xunta: 0 en protección, 0 en transparencia a FaceBookEnvia Estratexia de conservación da Xunta: 0 en protección, 0 en transparencia a Twitter
27 de outubro de 2010. ADEGA vén de solicitar amparo ao Valedor do Pobo para que inste á Xunta a convocar con carácter urxente o Observatorio Galego da Biodiversidade. Este organismo consultivo, integrado polas 3 universidades galegas, ecoloxistas e a administración, leva sen reunirse 2 anos e 3 meses cando por lei debe facelo anualmente. As reiteradas peticións feitas por ADEGA, a SGHN e a USC, para tratar temas chave para a conservación da nosa biodiversidade seguen sen ser atendidas pola D. X. de Conservación. Esta actitude escurantista e autoritaria é froito da incompetencia e completa desidia que amosa a Xunta pola nosa natureza, precisamente no Ano Internacional da Biodiversidade. Espazos protexidos sen instrumentos de xestión, proxectos agresivos e lumes en Rede Natura, asalto urbanístico a Corrubedo, barra libre para a caza... Nestes intres, o principal risco para a biodiversidade galega é a Xunta! Queixa_VALEDOR (121 Kb)

A crónica do escurantismo e do incumprimento do artigo 4.1 Decreto 260/2007  (criazón e funcionamento do Observatorio) por parte da D. X. de Conservación da Natureza (Medio Rural) é a seguinte:

-En maio de 2010 a SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural) solicitou a reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade porque un proxecto de "acondicionamento" en Dodro, en pleno LIC Ulla-Deza, tamén alegado por ADEGA, puña en grave risco o 3% da poboación mundial da escribenta da canaveiras (Emberiza schoeniclus subesp. lusitanica).

-Hai case dous meses, ADEGA solicitou novamente a reunión do Observatorio para debater a proposta, avalada cun informe asinado por máis de 30 investigadores e profesores universitarios, de criazón do Parque Natural para o Monte Pindo, un dos espazos galegos de maior biodiversidade e interese ambiental.

-O Departamento de Botánica da USC solicitou tamén a reunión do observatorio para a catalogación do fento Cheilanthes guanchica como especie protexida polas súas escasas poboacións en Galiza, limitadas á Ribeira Sacra e illadas do resto das poboacións distribuidas pola rexión macaronésica (Madeira, Canarias, Açores e Cabo Verde).

A respeito da solicitude de ADEGA para tratar a proposta de creación dun Parque Natural no Monte Pindo, a D.X. de Conservación da Natureza respostou que "en  breve", convocaríase unha reunión sobre o tema. Porén, e logo de que a proposta colleitara entusiastas apoios da veciñanza, sectores económicos, institucións... seguimos sen noticias do Sr. Borregón, tan só recibimos a calada como resposta, ao igual que as outras peticións dos membros do Observatorio. Deste xeito, ADEGA recurre ao Valedor do Pobo para que afee a conduta da Xunta e ínstelle a cumprir a lexislación vixente.

Nestes intres, a inacción e a desidia da Xunta en materia ambiental -consentidora das políticas de feitos consumados- constitúe o principal risco para a natureza galega. Non nos vale a excusa da "austeridá": anúlanse orzamentos imprescindíbeis para a biodiversidade (sabemos que os Planos de Conservación están paralisados por falta de fondos) mentres gástanse 8 millóns de € nun "ecomausoleo". No Ano Internacional da Biodiversidade, a Xunta retrátase coa incompetencia, a inacción e a censura.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA