A Xunta amosa o seu desleixo coa biodiversidade galega e rexeita criar un Parque Natural n'O Pindo |
22 de decembro de 2010. A pasada reunión do Observatorio Galego da Biodiversidade, a primeira co PP de volta na Xunta, deixou ben claro que a conservación do noso patrimonio natural non é unha prioridade da adninistración Feijóo. Convocada a golpe de queixa ao Valedor por incumprimento dos prazos legais, a xuntanza tiña como punto estrela a proposta para a declaración do Monte Pindo como Parque Natural. Esta iniciativa, apresentada por ADEGA, avalada por investigadores das tres universidades e apoiada por amplos sectores sociais e económicos da Costa da Morte, "non está na axenda" e terá que agardar “a outra lexislatura” segundo declarou hoxe García-Borregón, Dir. Xeral de Conservación. Ampliación da Rede Natura, planos de xestión e conservación de espazos e especies… ningún avanzo dende hai ano e medio. A conservación da nosa biodiversidade esta en punto morto.
O Observatorio Galego da Biodiversidade levaba sen reunirse máis de dous anos (dende o bipartito) cando a lexislación fixa un periodicidade mínima anual. As reiteradas solicitudes de universidades e ecoloxistas e a petición de amparo ao Valedor feita por ADEGA, conseguiron que por fin a Xunta decidírase a cumprir a lei. Sen ter recibido previamente a documentación da xuntanza, os membros do Observatorio asistimos ao lamentábel espectáculo dunha administración empeñada en “facer que se fai”, aínda ao rebufo de iniciativas postas en marcha durante a etapa anterior sobre as que nada novo se fixo, e o que é pior, poñendo atrancos ás propostas que através dos grupos ecoloxistas ilusionan á sociedade, como a do Monte Pindo. Polo que atinxe ao Catálogo Galego e aos planos de conservación e recuperación de especies amezadas, todo está prácticamente igual que hai ano e medio. A Xunta di traballar nunha “estratexia” pero de seguido recoñece a imposibilidade de atender axeitadamente ás especies ameazadas dado o seu “número”, a complexidade técnica dos traballos e, sobre todo, pola falta de cartos (este ano, un 31% menos de orzamento para Conservación). Tamén a respeito das especies ameazadas, resultou patético que Xunta sorprendérase de que o carballo anano, última especie en ser incluida no Catálogo (acordo do Consello da Xunta de 17 de abril de 2009), a instancias de ADEGA, non teña aínda publicado no DOG o decreto correspondente... Se son eles os que teñen que facelo! Polo que respeita á ampliación da Rede Natura, ao seu Plano Director e aos instrumentos de xestión dos espazos protexidos, ningún avanzo en case dous anos. Este desleixo e inoperancia por coidar do noso patrimonio natural como Galiza merece, precisamente no Ano Internacional da Biodiversidade, fai que a Xunta non só estea a incumprir as leis (2 anos de prazo para que os espazos protexidos conten con instrumentos de xestión PORN, PRUX e PC, e xa van 6 de retraso), senón que pode derivar en importantes multas e perda de axudas por parte da UE de non estaren listos ao remate de 2010 (Rede Natura). Xa no tocante ao Monte Pindo, ADEGA defendeu a proposta por canto é a única figura (o Parque Natural) que garante a participación social (concellos, propietarios, sectores sociais) através do Padroado, un orzamento fixo para a conservación do espazo e a dinamización socioeconómica da contorna, pero sobre todo, porque xurdiu da propia sociedade e concitou amplos apoios dende os máis diversos sectores. Cantos espazos protexidos, non só en Galiza senón no mundo xurdiron a iniciativa da propia sociedade que vive ao seu carón? Ben certo que sería un Parque Natural pequeno, similar a Corrubedo ou ao Monte Aloia, mais a extensión non debería ser factor limitante, de feito a proposta non incluia límites. Habería, como se apontou, que completar o catálogo de valores faunísticos e botánicos, xa de por sí importante, mais a singularidade xeolóxica, xeomorfolóxica e etnográfica faríano por si só merecedor desta categoría. O argumento de que o espazo xa está actualmente protexido (está integrado na Rede Natura) esgrimido pola administración para xustificar a non necesidade dunha nova figura de protección, ademáis de ser ben feble é certamente irónico: as Illas Atlánticas, Corrubedo, ou mesmo Valdoviño, por poñer algúns exemplos, acumulan varias figuras de protección galega, estatal, europea e mesmo mundial. E se a Xunta confía en que a Rede Natura protéxase soa, sen os instrumentos de xestión e conservación necesarios por lei, sen orzamentos fixos nen posibilidade de participación da sociedade na súa xestión, non só pecará de inxenuidade senón tamén de cinismo. Finalmente, ADEGA fai un chamado á sociedade galega e en particular á da Costa da Morte para que, malia este inicial rexeitamento, sigan manifestando o seu apoio ao Monte Pindo para que sexa declarado Parque Natural. A iniciativa, polo que ADEGA atinxe, vai perdurar e se non sae agora farao máis adiante. Poden dicir o mesmo os políticos que acaban de pecharlle a porta á iniciativa? |