Roteirríos 2010: fin de semana en Trevinca cos ríos de montaña |
20 de setembro de 2010. ROTEIRRÍOS é un programa de itinerarios organizado polo Proxecto Ríos que pretende unir ríos e persoas, achegando os cursos fluviais á cidadanía nun ambiente lúdico e dar a coñecer o seu patrimonio natural, cultural e social. A temática escollida para este ano é os ríos de montaña. O noso país acolle unha extensa rede fluvial de ríos e regatos de montaña moi ben conservados e cun grande valor ecolóxico. Nesta edición realizaremos un roteiro na fin de semana do 25-26 de setembro por Pena Trevinca, que ademáis coincide co Día Mundial dos Ríos (26-S)
O Día Mundial dos Ríos (World Rivers Day) é unha celebración mundial que pretende destacar os valores de moitos dos nosos ríos, aumentar a conciencia pública e incentivar a xestión mellorada de todos os cursos fluviais. Con motivo deste día, organízanse eventos lúdicos e reivindicativos por todo o mundo. Os actos poden variar de limpezas das canles a paseos educativos e celebracións coas comunidades ribeirás. ADEGA organiza en Galiza, dentro do seu programa anual "Roteirríos" un percurso ecolóxico-reivindicativo polos ríos de montaña do macizo de Trevinca. Os ríos de montaña son depositarios dunha riquísima biodiversidade, cada vez máis ameazada polo cambio climático e, principalmente, polas actuacións humanas sobre a paisaxe: incendios forestais, canteiras e moi especialmente, minicentrais hidroeléctricas. Por iso neste día, ADEGA esixe da Xunta un ambicioso programa orientado a recuperar os nosos ríos decretando a caducidade dalgunhas concesións hidroeléctricas obsoletas e de alto impacto. Tal e como están levando a cabo, anque timidamente, algunhas confederacións hidrográficas, é posíbel declarar caducos certos aproveitamentos por incumpriren algunha das condicións da concesión: obras irregulares, déficit no mantemento, ausenza ou incumprimento do caudal ecolóxico, falta de vías para a ictiofauna, deterioración do subministro de auga... Aplicando algún ou varios destes criterios, a Xunta podería recuperar con custo cero, instalacións tan agresivas como os encoros do Xallas, Eume, Umia e ducias máis, e deixar así de ser cómplice do vergoñento saqueo do noso patrimonio fluvial que ven acontecendo dende hai décadas. PROGRAMA PROVISORIO Sábado 25 08:00 Saída de Compostela
11.00 Encontro no punto de información de A Veiga
12.00 Saída cara ao roteiro da Lagoa da Serpe
17.00 Volta cara ao Albergue 21.00 Cea na Veiga 24.00 Paseo nocturno opcional Domingo 26 A quen vai dirixido? Roteirríos vai dirixido a toda a cidadanía, tanto aos participantes do Proxecto Ríos como aquelas persoas interesadas en coñecer o noso patrimonio fluvial. Nos roteirríos poderán participar maiores de idade ou menores acompañados dalgún familar ou responsábel. Prazas e Preinscripcións: As prazas para os roteiros son limitadas, ao entendermos que un grupo reducido axudará a coñecernos mellor, facilitará o achegamento á zona e causará un menor impacto no espazo visitado. O custo do roteiro é de 15€ e, a cea do sábado e o almorzo do domingo. (asumindo o Proxecto Ríos os gastos do aloxamento e guía da ruta). Correrá a cargo dos participantes o desplazamento ata a Veiga, e os xantares do sábado e domingo.
O aloxamento realizarse no refuxio de montaña Roxelio Pereira Muiños, polo que compre levar saco de durmir. Tamén recomendamos levar calzado cómodo e roupa de abrigo. Se estás interesado/a en participar ponte en contacto coa coordinación do Proxecto Ríos. Proxecto Ríos Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo ; tel.: 616 238050 / 981 570099 |