ADEGA participa na feira de bioconstrución e renovábeis "Alternalia 2010" |
A semana do 21 ao 27 de xuño celébrase no paseo marítimo de Moaña a Feira Alternalia 2010, unha feira adicada ao medio ambiente, a bioconstrución e as enerxías renovábeis. Do 21 ao 24 de xuño terá lugar o ciclo de xornadas técnicas e conferencias no centro sociocultural de Caixanova. Como na Mancomunidade do Morrazo ADEGA está a encetar un programa de compostaxe doméstica e comunitaria, colocaremos un stand informativo na feira realizaremos obradoiros de compostaxe dende o venres 25 ao domingo 27, en horario é de 10:00 a 14:00 e de 18:00 a 22:00. O proxecto de compostaxe caseira e comunitaria que se iniciou neste mes de xuño na Mancomunidade do Morrazo pretende achegar coñecementos sobre a xestión dos residuos orgánicos como é a compostaxe ademais de reducir o volumen de residuos que son destinados a incineración e vertedoiro aforrando os custos económicos e ambientais do transporte dos mesmos. De este xeito repartiranse 60 composteiros entre as parroquias de Nerga (Cangas), Beluso (Bueu) e O caeiro (Moaña) para o programa de compostaxe caseira.Do mesmo xeito implantarase a compostaxe comunitaria en tres puntos estratéxicos da mancomunidade como son A Choupana (Cangas), As Lagoas (Bueu) e O Rosal (Moaña). Este proxecto require a participación e cohesión da comunidade de veciños, para tal fin instalarase un composteiro dunha capacidade de 1000L nun espazo común ás vivendas e os veciños poderan aportar os seus residuos orgánicos e os restos de podas trituradas do xardín, despois de sete meses obterán o compost que serve como fertilizante para as prantas. Tanto o proxecto de compostaxe caseira como o de compostaxe comunitaria irá acompañado dun programa de educación ambiental e asesoramento por parte de ADEGA. Do 25 ao 27 de xuño terá lugar a mostra no paseo marítimo de Moaña, no que tamén participaremos cun stand con información de ADEGA e un obradoiro de construción dun vermicomposteiro. |