Máis de 500 voluntarias e voluntarios participaron na V Limpeza Simultánea de Ríos |
1 de outubro de 2012. O sol brillou nunha fin de semana que moitos e moitas que pasamos mollándonos polos ríos na V Limpeza simultánea de ríos. Houbo grupos grandes e pequenos, de nenos e nenas e de maiores, limpáronse grandes ríos e tamén pequenos regatos. Pero todas e todos tiñamos o mesmo obxectivo: Coidar os nosos ríos e concienciar á sociedade da necesidade de que estén ben conservados. Recolléronse refugallos de todo tipo, e coma sempre abundaron os plásticos (botellas, garrafas, bolsas, sacos...) Apareceron tamén rodas de automóbiles, paragolpes, cristais e asentos, e os electrodomésticos tampouco faltaron, con tambores de lavadoras e televisións. Apareceu tamén algún tellado de uralita, roupa, calzado... Algúns dos grupos adicaron tamén parte da xornada a eliminar flora exótica invasora que medraba nas beiras do río. Mira as fotos da xornada. View V limpeza de ríos in a larger map Todo isto e de seguro moito máis está no fondo e nas beiras dos nosos queridos ríos. Ano tras ano voluntarios e voluntarias inverten o seu tempo nesta xornada de voluntariado ambiental. Este ano aumentou o número de participantes, o que nos fai ver que cada día hai máis xente concienciada, con ganas de axudar e mudar as cousas. Porén o triste é que sempre hai lixo que sacar. A nota positiva son os grupos que comezaron esta actividade fai cinco anos e observan que no mesmo treito cada vez hai menos lixo. Isto é indicativo que cando achegamos a xente concienciada aos ríos é máis doado conservar o espazo. Calculamos que os residuos de tódolos concellos suman un total de 10 toneladas, pero debemos lembrar o noso principal obxectivo non era este. O voluntariado ambiental non é man de obra barata que poida suplir o traballo da administración, somos, por outra banda, unha masa de xente que axuda a concienciar á sociedade. O voluntariado denuncia que a situación dos nosos ríos debe mudar, e para iso facemos actividades como esta.. Dende ADEGA e Proxecto Ríos agradecemos o tempo e dedicación de todos os colectivos implicados na coordinación da limpeza na súa zona. Agradecer tamén aos concellos o compromiso na conservación dos ríos que regan os seus municipios, especialmente os concellos que apoiaron esta limpeza que foron: A Estrada, Arbo, Arzúa, Cambre, Cuntis, Fene, Gondomar, Lugo, Moraña, Muxía, Ourense, Poio, Pontevedra, Pobra de Trives , Redondela , San Sadurniño e Zas. Proxecto Ríos é un proxecto financiado por Augas de Galicia e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe. Para esta actividade contamos coa colaboración de Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Pero sobre todo e ante todo queremos agradecer o traballo de todas as persoas que onte se meteron no río para limpalos, e axudar entre todos a denunciar e solucionar este gran problema. Sen vós isto non sería posible. Moitas Gracias!! |