14 de febreiro de 2012. Neste día a maioría da sociedade polo simple feito de ter unha parella vese case obrigada a mercar agasallos que moitas veces poden ter graves implicacións sociais e ambientais. Diversos colectivos (ADEGA, Amarante, A Gentalha do Pichel, Equisol e Panxea) sairemos este día á rúa en Conmpostela (praza do Toural, 17h) para denunciar os excesos e as consecuencias dun día no que semella máis importante consumir que amar. Baixo o lema PARA CONSUMAR SEN NOS CONSUMIR, tentaremos concienciar sobre os impactos de consumir determinados produtos e propoñeremos alternativas máis ecolóxicas para que o día dos namorados/as non o acabe pagando o planeta.
Un dos máis socorridos agasallos para a nosa parella pode ser unha “simple” caixa de bombóns. Pero sabemos de onde ven ese cacao? quen o produce? como se comercializa? quen se beneficia coa súa venda? Neste negocio máis de 300.000 nenos e nenas traballan recolectando cacao en África Occidental en condicións perigosas e de escravismo. Alén diso son poucas as multinacionais que controlan o prezo, os salarios e case a totalidade do mercado do cacao (Nestlé, Mars, Hershey Foods, Kraft e Cadburys).
Outro dos agasallos tradicionais son os ramos de flores (rosas na súa maioría). Hoxe en día milleiros de toneladas de flores abandonan cada día países pobres e explotados como son Ecuador, Colombia ou Kenia, refrixeradas en avións cara os países consumidores (Rusia, Estados Unidos e Europa). Ao mercar estas flores estamos favorecendo o emprego de pesticidas e funxicidas que contaminan acuíferos. Por outra banda con esta compra tamén colaboramos coa explotación de miles de mulleres que gañan o prezo dun só ramo por un mes de traballo.
Algunhas persoas con máis poder adquisitivo optan por agasallar xoias. Dende sempre os diamantes son o símbolo do amor eterno, pero alén de favorecer prácticas pouco sustenñábeis como a minaría a ceo aberto, tamén agochan un sórdido tráfico e irregularidades no seu comercio. Centos de millóns de dólares que xorden do comercio ilícito de diamantes nalgúns países africanos van parar a mans dos señores da guerra e dos exércitos que practican o troco de diamantes por armas.
Co obxectivo de denunciar e concienciar á sociedade ante estas explotacións e inxustizas silenciadas, os colectivos participantes reunirémonos este 14 de febreiro, na praza do Toural (Compostela) ás 17:00 para falar coas namoradas e cos namorados. Nesta xornada haberá degustación de chocolates, obradoiro de flores con material de refugallo, proxección de documentais, e espazo para o debate. Preténdese dar alternativas como pode ser o chocolate de comercio xusto, as flores de comercio xusto, ou de viveiros locais e próximos ou incluso flores artesanais; a alternativa nos diamantes serán aqueles que teñan certificación da súa orixe. Outras alternativas moito máis válidas serán os agasallos non materiais como unha cea romántica, un paseo nun lugar bonito, ou escribir un lindo poema.
Consumir xusta e responsablemente é a mellor opción, pero sobre todo ter en conta que nesta data estar namorado ou namorada e demostralo é moito máis importante que consumir! |