Adega
INICIO Novas de EA 14 parques eólicos (e unha minicentral) listos para ocupar valiosos espazos sen "protección oficial"
14 parques eólicos (e unha minicentral) listos para ocupar valiosos espazos sen "protección oficial" PDF Imprimir Correo-e
Envia 14 parques eólicos (e unha minicentral) listos para ocupar valiosos espazos sen "protección oficial" a FaceBookEnvia 14 parques eólicos (e unha minicentral) listos para ocupar valiosos espazos sen "protección oficial" a Twitter
Viln24 de xuño de 2010. Como os colonos no salvaxe oeste correndo por ocupar novas terras (esquecendo a propiedade secular dos nativos), estamos asistindo outra competición por facerse cos dereitos de explotación enerxética sobre os nosos montes e ríos (os poucos que aínda quedan libres). Ducias de proxectos eólicos apúranse por ser autorizados denantes de que Europa obrigue a Feijóo a ampliar a Rede Natura e daquela, fágase efectiva a prohibición de instalar muiños nestes espazos. Nesta estampida de proxectos hai de todo: afeccións á proposta de ampliación Rede Natura, a hábitats prioritarios, humidais, xacementos arqueolóxicos, e mesmo ao Camiño de Santiago (xa pasou o Xacobeo). Unha verdadeira política de "terra queimada" co terrirorio, para que os que veñan detrás (e os indíxenas), queden só coas migallas do banquete.

guiapropietarioseolDiante desta situación, os veciños/as e comunidades de montes titulares das terras teñen pouca marxe de manobra fronte ao atraco das eólicas, perpetrado coa colaboración necesaria da Xunta. Para iso eliminou do concurso as condicións que permitían dispensar un trato xusto a concellos, comunidades de montes e propietarios das terras e garantirlles legalmente o acceso a unha porcentaxe da "torta eólica". Substituiuse a participación pública nos proxectos por un canon, que recada a Xunta e cede aos concellos. Un canon que non grava os impactos ecolóxicos dos parques e limítase a cobrar polo número de muíños, independentemente da produción.
Por iso, e fronte ás chantaxe das empresas eólicas que mesmo están repercutir o custo do canon nos propietarios dos montes, ADEGA recomenda dotarse de instrumentos que permitan á cidadanía minimizar as consecuencias do atraco eólico. Unha proposta interesante é a recente "Guía para os propietarios de terreos eólicos" (PDF 2,6 MB), do grupo de investigación en economía ecolóxica e agroecoloxía (GIEEA) da Universidade de Vigo, e editada pola Fundación Juana de Vega.

CONSIDERACIÓNS DE ADEGA AOS PROXECTOS

Parque eólico ‘A PASTORIZA’ (Mondoñedo, A Pastoriza e Riotorto), Norvento
Parque eólico ‘ALTO DA TELLEIRA’ (A Cañiza e O Covelo), Vector Verde
Parque eólico ‘CADEIRA’ (Trabada, Riotorto e A Pontenova), Norvento
Parque eólico ‘CAMPO PEQUENO’ (A Baña), Eólica Galenova
Parque eólico ‘CARRACEDO’ (A Pastoriza), Norvento
Parque eólico ‘CERNEGO’ (Vilamartín de Valdeorras), Airosa Vento
Parque eólico ‘COTO FRÍO’ (Dozón, Piñor e O Irixo), Vector Verde
Parque eólico ‘MONTE FESTEIROS’ (Silleda e Forcarei), Airosa Vento
Parque eólico ‘MONTES DE ABELLA’ (Triacastela, Láncara e Becerreá), Norvento
Parque eólico ‘OLEIRÓN’ (Roi se Brión), Norvento
Parque eólico ‘PICATO-COTORROSO’ (Friol e Guntín), Enel Unión Fenosa
Parque eólico ‘PICO SECO’ (Dozón, Lalín e o Irixo), Aerogeneración Galicia
Parque eólico ‘VALDEPEREIRA’ (Lalín e O Irixo), Aerogeneración Galicia
Parque eólico ‘VENTOSA’ (Agolada), Enerfín Elecnor
Minicentral  de Santo Tomé no río Cancelada (Cervantes)

ENCOL DAS AFECCIÓNS AOS ESPAZOS PROTEXIDOS:

PE-CernegoAs instalacións do parque eólico “Cernego” promovidas por Airosa Vento no concello de Vilamartín de Valdeorrras sitúanse sobre unha área incluida na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 elaborada pola Xunta de Galiza en 2008 (Ramil et al) e designada como “LIC Serra de Vilamartín”, código ES1130010, cunha extensión de 3.837,23 hectáreas (ver figura 1). Este novo LIC resposta á necesidade de establecer un corredor ecolóxico entre o LIC/ZEPA da serra da Enciña da lastra e o LIC Ancares.

Minicentral_Santo-TomePola súa banda o proxecto de aproveitamento hidroeléctrico (figura 2) Santo Tomé no río Cancelada (concello de Cervantes) inclúese dentro do LIC Ancares-Courel. Esta minicentral e as súas obras asociadas afectarán a un río de montaña ben conservado cunha comunidade acuática en moi bo estado, treito alto salmonícola con augas de grande calidade (A1) e cun bosque de ribeira ben estruturado. Entre los hábitats presentes no LIC Ancares-Courel máis afectados polo proxecto atópanse:

• Ríos de pisos de chaira a montano con vexetación de Ranunculion fluitantis e de Callitricho-Batrachion
• Bosques aluviais de Alnus glutinosa e Fraxinus excelsior (Alno-Padion, Alnion incanae, Salicion albae)
• Prados ibéricos silíceos de Festuca indigesta
• Prados secos semi-naturais e facies de mato sobre substratos calcarios (Festuco-Brometalia)
• Megaforbios eutrofos higrófilos das orlas de chaira e dos pisos montano a alpino
• Prados pobres de sega de baixa altitude (Alopecurus pratensis, Sanguisorba officinalis)
• Faiais acidófilos atlánticos con sotobosque de Ilex e ás veces de Taxus (Quercion robori-petraeaeo Ilici-Gagenion)

Á marxe dos impactos sobre estes valores, que nós consideramos críticos, dase a circunstancia que actualmente está en tramitacón o Plano Hidrolóxico da bacía do Cantábrico Occidental, en cuxa fase de participación pública ADEGA e outros colectivos ambientalistas temos solicitado a suspensión de novos aproveitamentos hidroeléctricos. Neste senso, toda a bacía alta do Navia debería ser considerada Reserva Natural Fluvial e, por tanto, libre de calquera aproveitamento hidroeléctrico.

PE-Picato-CotorrosoOs parques eólicos “Montes de Abella”, “Carracedo”, “Pastoriza” e “Picato-Cotorroso” (figura 3) sitúanse dentro da delimitación da Reserva da Biosfera “Terras do Miño”, e o parque eólico “Cadeira” afecta á Reserva da Biosfera Oscos-Eo-Terras de Burón, ambas figuras de protección de carácter internacional declaradas pola UNESCO (2002 e 2007, respectivamente) dentro do programa “Man and Biosphere” (MaB). Atendendo aos requerimentos e características desta figura de protección internacional, as alteracións derivadas do aproveitamento eólico industrial resultan incompatibles co obxectivo de promover un desenvolvemento económico e humano sustentábel baseado na conservación dos recursos naturais e dos hábitats presentes na reserva.

PE-Campo-PequenoO parque eólico “Campo Pequeno” (figura 4) afecta ao humidal “Brañas de Ferreiros” incluido no Inventario dos Humidais de Galiza (Decreto 127/2008) co código 1110270.

ENCOL DAS AFECCIÓN AOS HÁBITATS:

Os parques eólicos “Cotofrío” (figura 5), “Pico Seco” (figura 6), “Pastoriza”, “Cadeira”, “Carracedo” e Valdepereira sitúanse sobre áreas con presenza de hábitats prioritarios, fundamentalmente breixais húmidos atlánticos, códs. 4020* e/ou 4040*; para os que a Directiva 92/43 CE de Hábitats establece a necesidade de adoptar medidas especiais de protección. Portanto, e como sinala o  artigo 6.4 da devandita Directiva 92/43/CE, para calquera actuación sobre estes hábitats deberiase elevar consulta á Comisión Europea e xustificar que os proxectos respostan a “…consideracións relacionadas coa salúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, previa consulta a la Comisión, outras razones imperiosas de interés público de primera orde”. PE-CotofrioDase tamén a circunstancia de que os proxectos “P.E. Pastoriza” e “P.E. Carracedo” promovidos pola empresa Norvento constitúen de facto un único parque eólico por situarse na mesma área e a menos de 2Km entre si. As sinerxias e afeccións destas instalacións aos hábitats naturais de interese europeo e prioritarios, así como ás especies e demáis patrimonio natural, non fican convintemente estudadas ao avaliar independentemente os dous proxectos.

As instalacións eólicas dos parques “Cernego”, “Montes de Abella”, “Monte Festeiros”, “Oleirón”, “Telleira” e “Ventosa” sitúanse sobre teselas correspondentes a hábitats de interese europeo (Directiva 92/43 CE). PE-Pico-SecoConsiderando que tanto a presenza de hábitats prioritarios como de interese europeo en determinadas áreas constitúe un dos requisitos para a súa integración na Rede Natura 2000, e tendo en conta que a lei eólica 8/2009 establece como zonas de exclusión para o aproveitamento eólico os espazos da Rede Natura galega (independentemente da presenza ou non de hábitats prioritarios), non deberían autorizarse parques eólicos en zonas coa presenza destes hábitats.

ENCOL DAS AFECCIÓNS AO PATRIMONIO:

Os parques eólicos “Alto da Telleira”, “Cotofrío” e “Picato-Cotorroso” (figura 3) amosan importantes afeccións coas súas instalacións (cimentacións, pistas, gabias e outras actuacións temporais ou permanentes) a elementos patrimoniais inventariados, fundamentalmente xacementos megalíticos. No caso do parque eólico “Ventosa”, a cartografía incluida no proxecto a exposición pública non resulta o suficientemente detallada para valorar convintemente a afección aos elementos patrimoniais listados. Algunhas instalacións do parque eólico “Cotofrío” (figura 5) sitúase ademáis a menos de 200 m do Camiño de Santiago, Vía da Prata.

Por todo o anteriormente exposto, dende ADEGA SOLICITAMOS que se teñan en conta as presentes consideracións e que por parte das administracións competentes rexéitese autorizar os proxectos dos 14 parques eólicos anteditos, así como a minicentral de Santo Tomé no río Cancelada.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA