Adega
INICIO Novas de EA Montañas en Rede 2010: AS MONTAÑAS, SI IMPORTAN !
Montañas en Rede 2010: AS MONTAÑAS, SI IMPORTAN ! PDF Imprimir Correo-e
Envia Montañas en Rede 2010: AS MONTAÑAS, SI IMPORTAN ! a FaceBookEnvia Montañas en Rede 2010: AS MONTAÑAS, SI IMPORTAN ! a Twitter
Faixa-MONTANHAS-10Os días 29 e 30 de maio ADEGA e RedMontañas convocan a 5ª edición de “MONTAÑAS EN REDE”, unha iniciativa reivindicativa dirixida a todas as persoas preocupadas polo futuro das montañas. O 2009 houbo 179 ascensións en toda a península, 20 delas na Galiza para reivindicar a protección das montañas. O lema deste ano é AS MONTAÑAS SI IMPORTAN !! Participar é moi doado: 1. Descarrega a túa FAIXA MONTAÑAS 2010 (1 Mb) ; 2. Sobe á montaña/cumio/outeiro que prefiras e con quen prefiras (tamén podes ir ti só/a, pero ten moito coidado!!); 3. Facede unha foto no curuto coa vosa faixa; 4. Cando volvas a casa, sobe a túa foto á Galería Montañas en Rede 2010.  Este ano hai tamén un CONCURSO FOTOGRÁFICO. Baixa as BASES (61 Kb) e participa!

Por que as montañas precisan atención? Olla para todo o que fica comprometido se os nosos políticos non xestionan as montañas:
Persoas: As persoas que habitan os vales son moitas veces as únicas depositarias de prácticas e técnicas úteis para o futuro sustentábel destas áreas. Noutros casos, son a chave para novas solucións e xeitos de vida capaces de preservar e valorar o patrimonio, asegurando a presenza humana en equilibrio cos valores naturais.
Culturas: O amplo patrimonio cultural aínda presente en áreas de montaña reflicte a variedade de estratexias mediante as cais os pobos antigos foron quen de sobrevivir de conformidade con un ambiente difícil, manexando o ambiente sen degradalo e controlando un gran número de factores de risco. Portanto, estes modelos ofrécennos hoxe guías para a sustentabilidade.
Auga: A maioría dos recursos hídricos da Península dependen directa ou indirectamente das zonas de montaña. Por este motivo, tanto o estado de conservación das montañas como o que ocorre nelas é importante para a cantidade e calidade da auga en toda a bacía hidrográfica afectada.
Os bosques: bosques de montaña favorecen a recarga dos acuíferos, controlan as escorrentías, proporcionan o hábitat para moitas especies e contribúen á seguridade humana nos vales e ao benestar da sociedade através de recursos renovábeis e dunha serie de beneficios adicionais entre os que está o de actuar com o sumidoiro de CO2.
Biodiversidade: As zonas de montaña reúnen unha grande variedade de especies e de ecosistemas únicos destes ambientes, incluíndo numerosas especies endémicas. Cada unha destas especies ten unha función determinada no equilibrio natural. Ademais, moitas desas especies son altamente sensíbeis aos cambios climáticos e outras alteracións humanas o que lles dá un carácter de bioindicadoras.
Paisaxes: As montañas son aínda unha grande reserva de paisaxes naturais de enorme calidade e valor, cenarios para o para lecer e o descanso, e espazos para o reequilibrio espiritual que proporcionan paz e soidade, propician a contemplación e permiten a vivencia e a evocación do inalterado.

Por este motivo, as organizacións participantes nesta iniciativa demandamos das administracións a protección efectiva das nosas montañas, máis aló de declaracións institucionais e actos propagandísticos. En Galiza, moitas áreas de montaña carecen de protección efectiva e están sometidas á depredación das eléctricas, canteiras... Mesmo as áreas formalmente protexidas (Rede Natura, Parques Naturais, etc.) seguen sen contar cos instrumentos de xestión obrigatorios por lei que deberían permitir harmonizar a conservación dos seus valores naturais co desenvolvemento sustentábel e os beneficios para os seus habitantes.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA