ADEGA pide máis sensibilidade ambiental para conservar os valores naturais do Camiño |
3 de maio de 2010. Varias queixas recibidas en ADEGA de usuarios/as e camiñantes alertan do preocupante estado do cabo Fisterra, chanzo final do Camiño. Roupa e plásticos abandonados, fogueiras ardendo e rochas renegridas, son o "tradicional" espectáculo que nos recibe ao chegar ao cabo do mundo. ADEGA chama a atención sobre os danos que estas práticas están a causar na paisaxe e no ambiente, alén do risco de incendio que supoñen as improvisadas cacharelas. Os distintos costumes para celebrar o remate do camiño non deberían degradar a contorna e supoñer un risco para o ambiente. Dende ADEGA propomos varias alternativas e pedimos maior implicación aos visitantes e administracións. Algunhas ideas para ambientalizar o teu camiño: Guía de BOAS PRACTICAS 1.80 Mb Como alternativa ao abandono e á queima da roupa vella e outros elementos nas rochas do Cabo Fisterra, ADEGA propón a colocación de máis contentores, debidamente sinalizados e integrados na contorna, con información aos usuarios/as en diversas línguas para unha correcta recollida do lixo. A roupa e demáis elementos da impedimenta dos peregrimos susceptíbeis de seren reutilizados, poderían recollerse nun contentor específico como doazón a aquelas entidades e ONGs que realizan labouras solidarias e de apoio social.Pola súa banda, as administracións deberían informar á cidadanía sobre os impactos e os riscos derivados destas prácticas, prohibindo as verteduras e as queimas, para garantir o bo estado de conservación dunha das paisaxes máis emblemáticas e visitadas de Europa. Determinados "costumes" de discutíbel tradición e visíbeis impactos, non achegan nada positivo ao patrimonio inmaterial do Camiño e si degradan o marco natural no que se desenvolve. Dende ADEGA facemos un chamado aos usuarios/as e visitantes a implicárense de xeito activo na conservación desta paisaxe senlleira, e en xeral, de todo o percorrido do Camiño de Santiago. O primeiro itinerario cultural de Europa debería ser tamén un exemplo de sustentabilidade e respecto polo noso patrimonio natural. |