Proxecto Ríos leva as súas experiencias de custodia fluvial a Catalunya |
O Proxecto Ríos participará esta semana na I Xornada de Custodia Fluvial e Participación Cidadá da Associació Hàbitats de Catalunya. O encontro que se celebrará os días 9 e 10 de abril en Manlleu, pretende ser un espazo de intercambio de experiencias e reflexións sobre as estratexias de conservación e mellora dos espazos fluviais, desde a óptica da participación cidadá. Descarrega o cartaz JORNADES (284 KB) As actividades deste 9 de abril serán no Museo Industrial do Ter en Manlleu e consistirán en conferencias e mesas redondas sobre as oportunidades da custodia fluvial. Na xornada do sábado 10 de abril realizaranse duas saídas de campo para coñecer diferentes experiencias de restauración fluvial; pola mañá visitaremos o río Ripoll ao seu paso por Sabadell e pola tarde achegaremonos aos traballos realizados da man do concello de Vic. Pola sua parte o Proxecto Ríos presentará as suas experiencias de custodia, nomeadamente o Proxecto Tea e o Proxecto Castieixas. Dos diferentes impactos atopados; vertidos, lixo, presenza de especies exóticas invasoras, etc., a equipa de educadoras ambientais, o voluntariado e expertos consultados, valoraron desenvolver accións encamiñadas a divulgar a problemática das especies exóticas invasoras e experimentar e estudar métodos de eliminación. Acacia negra, falsa acacia, mimosa, tintureira, Tritonia sp, falso bambú ou garrapatón, son algunhas das especies exóticas invasoras sobre as que se está a traballar. O proxecto Pozos de Castieixas, pretende achegar solucións ao problema do abandono e a perda das pozas e regos e con elas das poboacións de anfibios, mediante unha iniciativa de custodia do territorio e voluntariado ambiental. |