Participa con ADEGA e o Proxecto Ríos no calendario fenolóxico 2010 |
Primavera de 2010. Ao igual que en 2008 e 2009, ADEGA e o Proxecto Ríos convídanvos a participar no informe sobre a fenoloxía aplicada aos cursos fluviais. Parte do principio de que os ciclos dos seres vivos son valiosos indicadores do clima, servindo para valorar a repercusión que a mudanza climática está a ter sobre as especies. Mediante saídas á natureza e cubrindo unha sinxela ficha pretendemos elaborar un mapa sobre a situación anual das árbores de ribeira. Esta actividade, concentrada no periodo do 5 ao 11 de abril, mostraranos unha “instantánea” da situación das especies seleccionadas ao longo do país, analisando o estado de floración no se atopan diferentes árbores e plantas. Baixa a Ficha Fenolóxica 2010 (248 KB)
A elaboración deste calendario representa un achegamento á realidade natural e medioambiental dende o eido da fenoloxía. Representa tamén unha ferramenta de traballo que facilita a investigación continuada e a adquisición de coñecemento neste eido, e tamén no desenvolvemento de actividades tan esenciais coma a labranza, pastoreo ou a xestión dos recursos forestais entre outros. Tendo en conta a capacidade que posúen as aves, insectos e plantas como rexistradores dos cambios e fenómenos asociados ao clima, e polo tanto do condicionamento da actividade humana, dende ADEGA e o Proxecto Ríos consideramos unha boa iniciativa a elaboración deste material didáctico para facilitar o traballo de indagación e construción do coñecemento neste senso. Todas as especies recollidas neste material representan unha parte importante e senlleira da biodiversidade autóctona de Galiza, aínda que como é comprensible non están recollidas todas as especies posibles, pero as fichas de rexistro elaboradas permiten unha incorporación daquelas especies que puidesen ser susceptibles de estudo.
O obxectivo principal da fenoloxía é establecer a cronoloxía deses acontecementos en relación con aspectos morfolóxicos e fisiolóxicos do desenvolvemento en diferentes lugares e/ou climas. A información fenolóxica é unha peza chave para a comprensión dos procesos de interación atmosfera-biosfera. A partir dela podemos ordenar o territorio en divisións naturais, definindo climas e microclimas, deducir rotas de migración de aves e insectos, interpretar anos agrícolas, avaliar a evolución de pragas, etc. É, por tanto, unha axuda inestimable na planificación agronómico-forestal, nos estudios de ordenación do territorio, e unha ferramenta indispensable no coñecemento autoecolóxico das especies.
É moi interesante que os que xa iniciáchedes o traballo en 2008 e 2009 o continuedes nesta xeira e os que esteades interesados/as en participar no lo fagades saber mandando un mail a
Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo
.
|