Adega
INICIO Documentación A Estratexia Galega de Educación Ambiental... en ponto morto
A Estratexia Galega de Educación Ambiental... en ponto morto PDF Imprimir Correo-e
Envia A Estratexia Galega de Educación Ambiental... en ponto morto a FaceBookEnvia A Estratexia Galega de Educación Ambiental... en ponto morto a Twitter

O que puido ter sido un punto de inflexión na educación ambiental no noso pais, quedouse só nunha caricatura. O 9 de novembro de 1999 aprobouse no Consello Galego de Medio Ambiente a Estratexia Galega de Educación Ambiental (EGEA), sen nengún voto en contra pero coa abstención de Adega. Esta abstención foi explicada con precisión e resultou premonitoria: criticábase a diverxencia entre un documento teórico e a política ambiental da Xunta, e dubidábase da intención desta de levar á práctica os seus contidos e recomendacións. Catro anos despois, estas dúbidas parecen plenamente confirmadas.

A EGEA foi considerada no seu momento como un fito na educación ambiental (E.A. en diante) en Galiza dende diversos ámbitos sociais, que se viron ilusionados polos interese propagandísticos, da Xunta. ADEGA fíxolle xa daquela varias críticas ao documento aprobado (véxase o nº 28 de Cerna, pax 16-17) entre as que destacamos as seguintes

- A exclusión de ADEGA da mesa de negociación e as presas por aprobar un documento, pola única razón de ser presentado como a primeira estratexia de EA do Estado.

- A falta de compromisos concretos por parte da Consellería na consolidación da EA.

- A concepción dunha educación ambiental claramente mercantilista, pola recomendación ás asociacións para que acudan a empresas e fundacións de carácter privado para acadar financiamento, prescindindo de calquera liña de axudas procedente do sector público.

- A concepción dunha EA como fin en si mesma, en lugar de considerala como unha ferramenta dos planos de xestión ambiental, esquecéndose da retroalimentación que os contidos e obxectivos destes planos deben ter sobre a EA.

As propostas de ADEGA de elaborar unha programación anual ou bianual que indicara as liñas de acción prioritarias en función da problemática ambiental, seguida dunha memoria e unha avaliación anual xa non foron aceptadas para formaren parte do texto definitivo.

Postas de manifesto estas lagoas de tipo práctico, unha vez aprobado o documento, ADEGA tomouno como referencia teórica e guia a seguir na aplicación da Estratexia, do que cada sector social debería facer, e en especial as administracións como encargadas da xestión dos cartos públicos e das políticas educativas.

Catro anos mais tarde?

A propria Estratexia acordou un horizonte temporal de seis anos (2000-2006) para unha primeira aplicación das suas recomendacións, simultanemaente en todos os sectores, co obxectivo de conquerir uns cambios significativos no desenvolvemento da Educación Ambiental na Galiza. Cando xa temos sobrepasado o ecuador deste periodo, pouco ou nada se ten avanzado, estando diante dun balanzo globalmente negativo e desesperanzador, en coincidencia coa avaliación feita pola Sociedade Galega de Educación Ambiental .

A EGEA prevía para o seguemento da sua aplicación un Observatorio Galego de Educación Ambiental (OGEA), aínda que non o definía con claridade. O OGEA constituiuse o 29 de outubro do 2002, como “órgano colexiado de participación, consulta e asesoramento dos axentes sociais implicados en relación coa Consellería de Medio Ambiente en materia de Educación Ambiental en Galicia”. A día de hoxe non ten avanzado en ningunha cuestión relacionada co seu cometido, e só cabe destacar o incumprimento da convocatoria do mesmo por parte da Conselleria, xa que pasou ano e medio entre a sua primeira xuntanxa e a segunda (2 de marzo do 2004), cando debería de se reunir polo menos unha vez cada seis meses. Mesmamente, esta segunda reunión só tivo lugar tras unha queixa da FEG ante o valedor do pobo.

Por qué tanto desinterese?

Segundo se pode desprender do texto da Estratexia, as intervencións educativas deben prentender mudar unha sociedade con serios problemos ambientais mediante a participación social que guie cara un novo rumbo.... Sendo esta a teoría, o desinterese da Conselleria de Medio Ambiente é comprensíbel se temos en conta que a administración autonómica ten unha responsabilidade importante nese deterioro ambiental, e de sobra amosou a sua incompetencia e desinterese en temas tan graves como o do Prestige.

Obviamente, non só está a fallar a Conselleria e a Xunta, senon que a maioria dos sectores sociais implicados na Estratexia pouco ou nada teñen avanzado na sua aplicación. Son excepción unicamente algunha administración local, contados concellos, e algunha outra actuación sectorial, ligadas por exemplo á xestión local do lixo. Aínda que unha avaliación pormenorizada farémola proximamente nun ADEGA-Cadernos, podemos adiantar o importante esforzo realizado por Adega neste eido: a Asociación realizou un importante traballo nesta área nestes últimos anos, e está a cumprir polo menos sete das oito recomendacións feitas na Estratexia ás asociacións ecoloxistas.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA