5 de outubro de 2012. O consello de Ministros vén de dar o visto bo á polémica modificación da Lei de Costas que anunciara Cañete hai algúns meses. A Lei de Costas, aprobada en 1988, garantíu até o de agora a protección ambiental e o uso público do litoral fronte á especulación e os intereses dos grandes grupos inmobiliarios e industriais. Unha lei que en moitos casos, foi a última liña de defensa da cidadanía para salvagardar este patrimonio público fronte ás desfeitas, malia a que non poucas veces foron as propias administracións as principais promotoras do seu incumprimento. Agora o PP vén de desartellar por completo esta lei ao antepoñer os intereses privados aos públicos e condenar ao "ladrillo" a milleiros de quilómetros de costa, comezando polas rías galegas. Dende ADEGA, integrante da plataforma estatal "Non á nosa Costa" mantemos que defender as nosas rías, praias, dunas, cantís, coídos e xunqueiras, é protexer un ben común e garantir un futuro sustentábel para as comunidades que viven do litoral.
Porén, coa reforma aprobada polo actual goberno, favorécense os intereses privados en detrimento do ben público mediante a modificación do dominio público marítimo-terrestre (DPMT), a redución da servidume de protección e a ampliación do prazo das concesións. É xusto o que quería ENCE para botar outros 70 anos máis emporcando a ría de Pontevedra.
Para a plataforma "Non á nosa Costa", esta modificación que aprobou o PP:
- Dá a razón a particulares e empresas que perderon pleitos contra o Estado en relación á Lei de Costas.
- Non menciona, e portanto ignora totalmente, os impactos do cambio climático sobre o litoral.
- Supón a perda dos cartos públicos investidos na delimitación, recuperación e conservación do dominio público marítimo-terrestre que agora fica desprotexido.
- Implica aumentar o gasto de cartos públicos en novos deslindes e indemnizacións dos que no seu momento sí acataron a Lei.
- Amplía a concesión e os dereitos de explotación de 30 a 75 anos trasladando o problema da ocupación privada ás futuras xeracións.
- Exclúe do DPMT ecosistemas importantes como as marismas mediterráneas, salinas, esteiros, certas zonas inundábeis así como as dunas que non estén en movemento (por certo hábitats prioritarios) perdéndose a servidume de protección de 100 m asociada a eles.
- Exclúe aleatoria e discrecionalmente del DPMT núcleos urbanos e boa parte del litoral de Formentera sen argumentar nen dar motivos científicos polos cais foron son elixidos eses treitos de costa.
- Desprotexe grandes treitos do litoral cantábrico e atlántico ao reducir de 100 a 20 metros a servidume de protección nas rías.
- Permite declarar chan urbano na fronte litoral os dous años posteriores á aplicación da reforma, reducindo tamén a servidume de protección a 20 metros nestes treitos.
- Supón traspasar terreos públicos a mans privadas, tanto por reducir a definición do DPMT como pola ampliación das concesións a 75 anos.
Dez motivos para defender a Lei de Costas
Nos últimos vinte anos, cada día perdeuse unha superficie de costa similar a oito campos de fútbol. A Lei de Costas non debe ser reformada, senón que debe ser aplicada correctamente porque:
- Garante o uso público e libre da costa. Defender as nosas praias, dunas, cantís e rías é protexer un ben común.
- É un seguro contra a especulación e contra a corrupción no noso litoral.
- Salvagarda o valor económico do litoral. Unha costa ben conservada xera beneficios de uns 8.000 millóns de euros ao ano e máis empregos que unha costa degradada.
- Asegura o bon estado do litoral. Unha costa saudábel é a base para a pesca e o marisqueo, xa que é o viveiro de especies cruciais para o futuro do sector.
- Permite a instalación nas praias de establecementos, como restaurantes, terrazas, etc, sempre que cumpran a lexislación.
- Apoia novos modelos de desenvolvemento turístico, investindo en reformar as infraestruturas existentes sen necesidade de construir outras novas.
- Vela pola seguridade cidadá, evitando que se edifique en zonas perigosas por risco de enchentes ou temporais.
- Evita que se produzca unha amnistía para aqueles que danaron o litoral.
- Resposta ao esixido pola Unión Europea encol da transparencia urbanística e a loita contra a corrupción.
- Conta con refrendo dos tribunais, que fallaron no 95% dos casos a favor do interese xeral general e non de intereses particulares.
|