Adega
INICIO Últimas novas Anllares, o bosque atlántico máis occidental do continente, camiño da degradación
Anllares, o bosque atlántico máis occidental do continente, camiño da degradación PDF Imprimir Correo-e
Envia Anllares, o bosque atlántico máis occidental do continente, camiño da degradación a FaceBookEnvia Anllares, o bosque atlántico máis occidental do continente, camiño da degradación a Twitter
3 de maio de 2012. A Devesa de Anllares, un dos bosques atlánticos millor conservados de Europa e o máis occidental do continente, está a sufrir as consecuencias da nefasta política de conservación da Xunta. Malia a estar proposta dende 2008 para a súa inclusión na Rede Natura 2000, o desleixo das administracións e a cobiza de Ferroatlántica poden facer que esta xoia do noso patrimonio natural teña os días contados. Nos últimos meses, esta singular paraxe sufríu as consecuencias das talas e da apertura de pistas para o "servizo" das 3 minicentrais que a Xunta autorizou definitivamente a Ferroatlántica o pasado 2 de febreiro, convertindo ao Xallas no río máis sobrexplotado de Galiza-Costa. Paralelamente, na ribeira do concello de Mazaricos, abríronse pistas (probabelmente da concentración parcelaria) que como vemos nas imaxes, non lenvan a ningures e sí provocaron unha importante fragmentación e deterioro do bosque atlántico.

O feito de que esta singular fraga figurara na proposta tanto do bipartito (2008) como do PP (2011) para formar parte da ampliación da RN2000, incorporándoa ao LIC Carnota-Monte Pindo, supón o recoñecemento explícito dos seus valores naturais por parte da administración. No entanto, e nunha nova demonstración da inexistente vontade de conservación da Xunta, minicentrais e eólicos seguiron a súa tramitación administrativa con todos os parabéns oficiais, malia ás denuncias dos colectivos ecoloxistas e cidadás.

As tres minicentrais coas que Villar Mir quería poñer o colofón ao seu dereito de pernada no Xallas, iniciaron (como tantas outras) a súa tramitación co governo Fraga en funcións. Continuaron o seu periplo administrativo co bipartito "esquivando" a moratoria hidroeléctrica (Decreto 555/2005) para finalmente seren aprobadas por Feijóo o 2 de febreiro deste ano, coa excusa que criarían 700 (!?) postos de traballo. A Xunta tivo a oportunidade en 2009 de decretar a caducidade destas instalacións xa que Ferroatlántica esgotou os dous anos para executar as obras sen inicialas, e tivo que pedir prórroga. Estivo na man de Hernández denegar esa prórroga, iniciar un expediente de caducidade e salvar a Devesa de Anllares, mais...
Finalmente, en marzo de 2011 a estas ameazas uníronse tamén as derivadas dun parque eólico próximo e da apertura de varias pistas (parcelaria?) de dubidosa utilidade que disgregan este reduto boscoso pola banda do concello de Mazaricos.

Se a Xunta tivera amosado unha mínima vontade para a preservación da Devesa de Anllares, hai tempo que este espazo gozaría de protección oficial. Mais como en tantos outros espazos de interese, para a administración resultou prioritario que eólicos, canteiras e minicentrais foran "collendo sitio", deixando a conservación para os retallos que ficaran sen "aproveitar".

E nos poucos espazos naturais protexidos tampouco foi prioritario desenvolver os instrumentos de xestión para garantir a súa viabilidade, malia a ser un imperativo legal. Despois, cando chegan as "catástrofes" como nas Fragas do Eume, a Limia-Xurés, Macizo Central, Courel, Trevinca... a Xunta só sabe chorar (bágoas de crocodilo) pola natureza derramada, agochando a súa responsabilidade como cómplices e cooperadores necesarios das desfeitas.
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA