![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
|||
![]() |
O PRUX das Fragas do Eume: 15 anos nun caixón. A Xunta, culpábel por omisión |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() Fronte ao discurso interesado de que o progreso (en particular o de algúns) está enfrontado á protección ambiental, a conservación da biodiversidade pode e debe ser motor de desenvolvemento sustentábel, comezando polo dos habitantes dos lugares protexidos. A conservación da diversidade natural fica sempre ao cabo das prioridades reais e dos compromisos orzamentarios das administracións. Galiza segue tendo a menor superficie en Rede Natura 2000 de todas as autonomías (o 12%) moi por baixo da media estatal (28%), e a ampliación presentada pola Xunta en 2011 (15%) non é nin de lonxe suficiente.
Por outra banda, os instrumentos de xestión dos espazos protexidos, chave para garantir a conservación e o uso sustentábel seguen ausentes: o retraso na redacción e aprobación dos PORN (Planos de Ordenamento dos Recursos Naturais) e PRUX (Planos Reitores de Uso e Xestión) é escandaloso, por no falar dos Planos de Conservación e Recuperación das especies ameazadas, práticamente inexistentes. Estes documentos, que debería redactar a Xunta nun prazo de dous anos após da declaración de espazo protexido, son vencellantes para todas as administracións con competencias (hidráulicas, de costas, enerxéticas, etc.). A día de hoxe, practicamente ningún espazo da Rede Natura conta con PRUX e mesmo no Parque Nacional das Illas Atlánticas (2002), ou os parques naturais das Fragas do Eume (1997) e Corrubedo (1992) están logo de moitos anos aínda en redacción.
Deste xeito, proxectos acuícolas, eólicos, mineiros, hidráulicos, desenvolvementos urbanísticos, etc. ao non estar expresamente excluidos nos preceitivos PRUX (porque non existen) poden implantarse en espazos protexidos cunha simples declaración de impacto favorábel, moitas delas de dubidoso rigor e con escandalosas omisións. Tal aconteceu cos aproveitamentos hidroeléctricos do Sil (Santo Estevo II), coa liña de alta tensión Trives-Aparecida, coas canteiras e parques eólicos do Xistral ou coas piscifatorías de Cabo Vilán, Rinlo, e Touriñán. E nos espazos que deberían integrarse na Rede Natura, segundo a proposta que a Xunta elaborou en 2008 (bipartito, 18% do territorio), proxectos como canteiras e minas van reducindo día a día as posibilidades de contarmos cunha Rede Natura coerente, á altura da nosa riqueza natural.
A Xunta amosou pois unha escandalosa complicidade coa política dos feitos consumados e un intolerábel agravio comparativo para a cidadanía en xeral e os habitantes dos espazos protexidos que vén como limítanse os seus usos e impídese o seu desenvolvemento mentres piscifatorías, canteiras, encoros e eólicos teñen patente de corso para arramplar coa nosa biodiversidade. ADEGA insta á Fiscalía a investigar a renuencia da Xunta no cumprimento da lei 9/2001, que non dubidamos en cualificar de criminal: hai uns responsábeis directos da catástrofe das Fragas (aínda por atopar) e outros cooperadores necesarios con cadeira en San Caetano que polo seu desleixo e neglixencia son cómplices tamén deste e doutros atentados contra o noso patrimonio natural.
|