Adega
INICIO Últimas novas Plano Director de Acuicultura: Pescanova apunta e Feijóo dispara
Plano Director de Acuicultura: Pescanova apunta e Feijóo dispara PDF Imprimir Correo-e
Envia Plano Director de Acuicultura: Pescanova apunta e Feijóo dispara a FaceBookEnvia Plano Director de Acuicultura: Pescanova apunta e Feijóo dispara a Twitter

10 de febreiro de 2012. O Plano Director de Acuicultura (PDA) é o instrumento legal que vai permitir á patronal do peixe plano asaltar a Rede Natura, comezando por Touriñán. Toda a costa é susceptíbel de albergar piscifatorías: non hai zonas de exclusión. A planificación resposta únicamente ás necesidades da industria e non ás características e valores do medio receptor. Tendo en conta ademais que “a propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” fica claro o papel da Xunta: ser o brazo executor da patronal acuícola eliminando molestos atrancos ambientais e sociais. Para iso fíxose o POL, o Plano Director da Rede Natura, declarouse a acuicultura "de interese público de primeira orde" e castrouse a lexislación de avaliación ambiental. Con este PDA, Feijóo aposta por unha acuicultura modelo Chile, Guatemala ou Indonesia: desfeita ambiental, contaminación e man de obra cuase-escrava. Mais este PDA non será máis que outro "powerpoint" publicitario da Xunta mentres os fundos europeos de pesca sigan excluindo a macroacuicultura industrial: Pescanova dificilmente dará un paso sen ter garantido o 50% de subvencións públicas.

VALORACIÓN DE ADEGA DO PLANO DIRECTOR DE ACUICULTURA

1. Consideracións xerais: o absurdo de cultivar peixes en terra nun dos litorais máis ricos do mundo

O Plano Director de Acuicultura (en diante PDA) presentado en maio de 2011 fai referenza ao contexto mundial, europeo, estatal e galego da actividade acuícola. Cítase a un informe da FAO que aponta á necesidade de incrementar a produción de alimentos nun 70% para o 2050, para concluir que para a Xunta, a acuicultura pode asumir ese papel. Deixando á marxe a cuestión de que para atallar a fame no mundo non é tan importante incrementar a produción de alimentos, controlada maioritariamente por grandes corporacións transnacionais, como rematar coa especulación e sobre todo mellorar o seu reparto para garantir o acceso da poboación á comida, supoñer que o incremento da acuicultura vai ser chave na consecución destes este obxectivos, parécenos como mínimo inxenuo e desenfocado, cando non demagóxico.

Mais ainda, a Xunta pretende que a acuicultura industrial en terra (maioritariamente de peixes planos), obxecto deste Plano Director, sexa o principal proxeso xerador de alimentos para conquerir os obxectivos da FAO. A este respeito, a administración pretende tomar unha parte moi pequena en termos económicos e de emprego (piscifatorías en terra) polo todo (acuicultura e cultivos mariños). A proipa FAO, no documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” sinala entre os dez principios para o ordenamento sustentábel do sector:

- Consultar coa poboación local e todos os participantes.
- Planificar a pequena escala, proxectos flexíbeis.
- Deixar que a xente tome as decisións.
- As solucións deben axustarse estrictamente ás necesidades locais.
- Manter ao mínimo os investimentos externos para reducir a dependencia. As axudas, suplementos e tecnoloxías inapropiadas no son sustentábeis.
- Edificar sobre o que a xente está facendo ben. Adoptaranse novas ideas só se non son contrarias á práctica local.
- Avaliar os impactos: deberianse examinar os aspectos económicos, sociais, culturais e ambientais.
- Considerar insumos e resultados. Os proyectos non poden estar enfocados a un único resultado, como a produtividade.
- Manter ou mellorar o nivel de vida dos participantes.

No entanto, este PDA vai desenvolver a acuicultura industrial en terra partindo das necesidades do sector dominado por dúas grandes transnacionais (Stolt Sea Farm, do grupo Stolt-Nielsen Limited, e Pescanova). Planificar grandes instalacións e macropolígonos; obviar a poboación local e a realidade socioeconómica do sector, dominado polos cultivos mariños e a pesca de baixura; adicar cuantiosas subvencións públicas ao sector da acuicultura terrestre; e planificar exclusivamente co obxecto de que as empresas incrementen a produción de peixes planos, obxectivos que contradín frontalmente as recomendacións da FAO.

O presente Plano Director de Acuicultura pretende “definir as directrices para a instalación de establecementos de cultivos mariños en zona terrestre”. No entanto, no contexto socieconomico galego, as cifras indican que a acuicultura terrestre ten unha moi unha baixa representatividade dentro do sector acuícola: así dunha produción total de 236.580 Tm, a acuicultura industrial de peixe supón un 3,7% (8.753 Tm, 7.433 delas de rodaballo). E termos de emprego, os postos de traballo no total do sector (calculados como a tempo completo e durante todo o ano) supoñen 3.974. No entanto, e asumindo unha relación de emprego similar á da produción, isto é do 3,4% sobre o total (malia que a acuicultura industrial ten obxectivamente unha menor xeración de emprego por cantidade de produto no mercado), a acuicultura industrial de peixe (fundamentalmente rodaballo) xera en toda Galiza 147 empregos, calculados como a tempo completo e durante todo o ano.

Reiteramos pois o alegado no seu momento ao Plano Sectorial de Acuicultura (2007), no senso de que que a elaboración dun plano sectorial non está xustificado posto que ordena só unha pequena parte (a acuicultura mariña en terra) da actividade acuícola, esquecendo ao groso do sector. Ademais, non contribúe a poñer en valor os recursos mariños do litoral galego, xera poucos postos de traballo e está dominado por unhas poucas corporacións transnacionais. Portanto, neste Plano Director non está en absoluto xustificado a declaración automática de utilidade pública e interese social dos proxectos autorizados aos efectos de expropiación forzosa. Este feito supón ao noso entender un atentado contra os usos e o interese público dun espazo tan sensíbel como é o litoral, e un agravio comparativo co sector produtivo autóctono que ten na pesca de baixura, o marisqueo e os parques de cultivo mariños a súa principal fonte de recursos.

2. Marco xurídico: crónica dunha deconstrución planificada

O PDA fai, con respeito á súa fundamentación legal, referenza aos sucesivos planos sectoriais aprobados en 2005 e 2007, e xustifica a súa razón de ser nos requerimentos das DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) e do POL (Plano de Ordenamento do Litoral). Menciónase tamén, no tocante á protección do ambiente, a Directiva 92/43/CEE de Hábitats que consagra, xunto coa Directiva de Aves, a Rede Natura 2000. Efectivamente, no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE fálase da obrigatoriedade de establecer medidas de conservación através de diversos instrumentos. No entanto, a inclusión desta referenza á Directiva de Hábitats na fundamentación xurídica do Plano Director de Acuicultura, como se este fóra o instrumento ao que se refire o artigo 6, carece de sentido. Este Plano Director en absoluto pode equipararse e moito menos substiuir a un plano de xestión específico ou integrado para un espazo da Rede Natura 2000, ao que debería someterse.

É por isto que a Xunta aprobou en xuño de 2011 un Plano Director da Rede Natura que permitía a construción de macropiscifatorías mesmo nas zonas de máxima protección dos LICs e ZEPAS. Con isto, Feijóo pretendía socavar as garantías legais que protexen os hábitats e as especies dos espazos da Rede Natura, e permitir a Pescanova asaltar Touriñán, emblema da conservación e da defensa da costa galega fronte á depredación.
Mais previamente, en maio de 2011 a Xunta xa amosou por onde pretendía ir coa afección da Rede Natura polas piscifatorías: A declaración da acuicultura como "utilidade pública de primeira orde" realízouse unicamente para permitir ás empresas do rodaballo ocupar espazos da Rede Natura con hábitats prioritarios, ponteando o artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE, tal como fixera o governo portugués coa macroplanta de Mira, declarada "projeto de interese nacional". Resulta vergoñento que a Xunta utilizara este recurso para supostamente beneficiar ao "sector acuícola" cando o que pretende é que só as multinacionais do peixe plano (unha parte moi minoritaria do sector acuícola galego) teñan acceso libre ao litoral para verter antibióticos e químicos, en perxuízo da pesca e o marisqueiro tradicional.

Mais no tocante aos hábitats e especies recollidas nos anexos I e II da Directiva de Hábitats, e malia ao que aprobe Feijóo no Consello da Xunta, o artigo 6 desta directiva, no seu punto 4, é meridianamente claro:

4. …No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

Portanto, calisquera proposta de ubicación, delimitación ou ordeamento que o PDA poida establecer con respeito a un determinado espazo costeiro que albergue hábitats considerados de protección prioritaria ficará sen efecto mentres non se desenvolva o procedemento recollido na Directiva 92/43/CEE e no Real Decreto 1997/1995 que a traspón.

Apesar disto, a Xunta continuou insistindo na súa estratexia de demolición da lexislación ambiental orientada a favorecer os intereses das empresas amigas, Feijóo derrogou vía "lei de acompañamento" dos orzamentos de 2012 parte da lexislación de impacto ambiental: a referida á avaliación de efectos ambientais aprobada por Fraga e á que debían someterse as instalacións de menos de 500 Tm de produción anual.

3. Criterios e localizacións: o que diga o Sr. conselleiro

Entre os obxectivos específicos do PDA para acadar definir as directrices para a instalacións de fatorías acuícolas en zona terrestre non está o de establecer zonas de exclusión. Fálase unicamente de fixar criterios de compatibilidade para as plantas centrados nos procesos e características destas instalacións e non nos valores intrínsecos do medio receptor. Isto significa que de entrada, toda a costa é considerada apta de entrada para o desenvolvemento acuícola (mesmo Rede Natura, Parques Naturais...), e é en función das propias características das plantas e da súa afección nos lugares nos que se pretenden implantar, polo que poden ser compatíbeis ou non. Esta concepción do territorio e dos seus valores (naturais, paisaxísticos, ecosociais, culturais…) como supeditados aos usos potenciais e non ao revés, amosa unha visión caduca e interesadamente sesgada da xestión territorial. Introdúcense elementos de discrecionalidade na interpretación que a administración pode facer dos diferentes criterios e variábeis para declarar unha instalación compatíbel ou non.

Chama a atención que entre os criterios de viabilidade ambiental considéranse só como únicas variábeis a “distancia á costa” e a “capacidade do enclave para abastecerse con enerxías renovábeis”. Non hai mención como variábeis relevantes nos criterios da presenza de espazos protexidos, paisaxes singulares, hábitats ou especies ameazadas, etc. Máis aínda, na análise realizada neste estudo contémplase a exclusión de determinadas áreas por razóns físiográficas e técnicas, nunca ambientais. E como resultado da aplicación dos “criterios de viabilidade ambiental” obtense un chamado “índice de potencial enerxético sostible”.

Resulta pois patente que a clasificación da zona costeira en base a estes indicadores resposta únicamente ás necesidades da industria e non as características e valores do medio receptor, feito que queda demostrado ao comprobar que só os criterios técnicos (altura, distancia á costa, etc.) son os únicos excluintes, quedando a “adecuación económica, social e o potencial sostible” para un “segundo paso” e en todo caso, sen ser excluintes. A proposta resultante de “zonas aptas” fica pois trucada dende o inicio, pois son só os condicionamentos relacionados coa viabilidade empresarial os que determinan de entrada a consideración dunha zona como apta para a acuicultura. A maiores, o feito de que as ubicacións preferentes teñan que ser “o máis baixas posíbeis e con maior superficie plana posíbel”, ou dito doutro xeito, deban ocupar a primeira liña de costa, a franxa máis sensíbel e con maior valor paisaxístico, ambiental e turístico, indica claramente a vocación deste PDA: a entrega á patronal acuícola, concretamente á do peixe plano, que polas características do proceso produtivo precisa de enormes superficies, dos millores espazos de costa.

Polo que respeita ao modelo de desenvolvemento industrial, este PDA aposta pola concentración de instalacións en grandes polígonos. Este modelo que aumenta o impacto paisaxístico e ambiental, está orientado a favorecer ás industrias xa implantadas, maioritariamente transnacionais, que reforzarán a súa presenza no sector e aforrarán custos, acadando vantaxes na competencia coas empresas pequenas. Este modelo contradí as recomendacións da FAO que no antedito documento “Orientacións para o ordenamento medioambiental do desenvolvemento da acuicultura costeira” propón “planificar a pequena escala proxectos flexíbeis”.

A esta “torta” precociñada xa ao gusto da patronal do peixe plano engádenselle finalmente os criterios ecolóxicos, paisaxísticos, económicos e sociais recomendados pola Comisión Europea, mais outra volta de xeito discrecional. Serán as empresas as que tendo en conta determinadas “recomendacións” poidan dispoñer medidas de adecuación ambiental e social e a administración quen interprete se estas son suficientes

4. Implantación no territorio: a chantaxe da patronal = ou vendes ou a Xunta exprópiache

Tendo en conta que “o réxime de acceso á propiedade dos terreos corresponderá á iniciativa privada e que as actuacións levaranse a cabo por expropiación forzosa só no caso que sexa necesario” as industrias contan xa cunha reserva de terreos libres de cargas mesmo antes de ter o seu proxecto aprobado, ou sequera de iniciar a súa tramitación, co que a negociación cos propietarios das terras ficaría deturpada a favor dos intereses do promotor.

Semella que o único que lle interesa á Xunta é deixar as mans libres ás empresas para arramplar co millor da nosa costa e atropelar impunemente os dereitos dos propietarios e da cidadanía.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA