Adega
INICIO Últimas novas Plano Director da Rede Natura: a nova ferramenta de demolición de Feijóo
Plano Director da Rede Natura: a nova ferramenta de demolición de Feijóo PDF Imprimir Correo-e
Envia Plano Director da Rede Natura: a nova ferramenta de demolición de Feijóo a FaceBookEnvia Plano Director da Rede Natura: a nova ferramenta de demolición de Feijóo a Twitter
14 de xuño de 2011. A Xunta vén de apresentar o Plano Director da Rede Natura, o instrumento que debería permitir compatibilizar a conservación destes espazos co seu aproveitamento sustentábel. Independentemente dos criterios e contidos do plano, ao que ADEGA fará achegas no prazo de alegacións, o documento nace morto. Como é posíbel que a acuicultura industrial en terra, unha actividade que "lamina" o territorio e inxecta grandes cantidades de contaminantes no medio acuático, vaia ser declarada compatíbel por decreto, mesmo nos espazos de maior valor ecolóxico? Como entender que a Xunta dé carta branca a Pescanova e Stolt para instalarse onde queiran mentres establece limitacións a veciños, propietarias e pequenos produtores? Con esta norma na man, ningún espazo costeiro estará libre das gadoupas da patronal acuícola. Noraboa Sr. Feijóo: acaba de poñer a Galiza ao mesmo nível en conservación que Moçambique ou Guatemala, dous "paraísos" para Pescanova.

O entreguismo da Xunta diante da patronal acuícola ten precedentes. Xa dende o pomposo POL (Plano de Ordenamento do Litoral), quedou ben claro que os intereses das empresas acuícolas, eólicas, etc. estaban a salvo: os Planos Sectoriais en vigor, non están afectados polo POL. O POL non existe para Pescanova, Stolt, Iberdrola, Fenosa, etc. pero sí para o resto da cidadanía.

O seguinte chanzo é socavar as garantías legais que protexen os hábitats e as especies dos espazos da Rede Natura, e permitir a Pescanova asaltar Touriñán, emblema da conservación e da defensa da costa galega fronte á depredación. A este respeito, a Directiva de Hábitats é clara (artigo 6.4 da Directiva 92/43 CE de Hábitats):

6.4. Si, apesar das conclusións negativas da avaliación das repercusións sobre o lugar e a falla de solucións alternativas, debera realizarse un plano ou proxecto por razóns imperiosas de interese público de primeira orde, incluidas razóns de índole social ou económica, as Administracións públicas competentes tomarán cantas medidas compensatorias sexan necesarias para garantir que a coherencia global de Natura 2000 quede protexida. No seu caso, as Comunidades Autónomas comunicarán ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación as medidas compensatorias que teñan adoptado e este, através da canle correspondente, informará á Comisión Europea. No caso de que o lugar considerado albergue un tipo de hábitat natural e/ou unha especie prioritarios, unicamente poderanse alegar consideracións relacionadas coa saúde humana e a seguridade pública, ou relativas a consecuencias positivas de primordial importancia para o medio ambiente, ou ben, outras razóns imperiosas de interese público de primeira orde. Neste último caso, através da canle correspondente, haberá que consultar, previamente, á Comisión Europea.

A estratexia de Feijóo consistiu pois en declarar "pulpo como animal de compaña". Se as piscifatorías deben ser consideradas "de interese público de primeira orde", ao mesmo nível que, poñamos por caso, un porto refuxio ou unha instalación de salvamento marítimo, pois acórdase no consello da Xunta e listo. Neste tipo de declaracións absurdas tamén hai precedentes: en 2001 o Decreto 302/2001 declaraba a compatibilidade das instalacións eólicas coa Rede Natura. Curiosamente, a recente lei eólica 8/2009, tamén aprobada polo PP,  establece como zonas de exclusión os espazos da Rede Natura... 9 anos tarde, coa metade dos parques eólicos xa instalados sobre espazos protexidos, e unha desfeita ambiental sen precedentes en Europa.

Con todo, e maila ás indecentes trécolas da Xunta, a Rede Natura segue a estar baixo o paraugas da UE e calquera actuación, de afectar a hábitats prioritarios, debe contar co visto bó de Europa. Dubidamos moito que a Comisión Europea acepte como aproveitamento compatíbel unha actividade, a acuicultura industrial en terra, que o primeiro que fai é explanar a cota cero centos de hectáreas dos hábitats costeiros máis valiosos.

E con respeito á prometida ampliación da Rede Natura galega, unha das máis cativas do estado, non nos cabe dúbida que chegará cando Pescanova, Stolt, Iberdrola, GN-Fenosa, Endesa... etc, teñan "collido" sitio.

ADEGA fai un chamado á cidadanía para saír na defensa do noso patrimonio natural, facendo de Touriñán outro símbolo do conservacionismo galego fronte á depredación de determinadas empresas e os seus factótums políticos.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA