Lagoa da Frouxeira: dende carreiras de quads a rozas de hábitats prioritarios |
28 de abril de 2010. Dende que ADEGA denunciara as actuacións de sangrado e baleirado da lagoa da Frouxeira, o estado de conservación deste humidal protexido foi de mal en peor. A maior parte do espazo atópase nun estado ecolóxico lamentábel tras case 5 meses sen auga e sen que a D. X. de Conservación da Natureza, malia a recoñecer as afeccións, tomara ningunha medida de recuperación. A lagoa fica convertida nun ermo polo que pululan sen control cans, cabalos e quads e, por se fora pouco, a administración vén de perpetrar unha roza de hábitats proiritarios e especies protexidas, cuxa conservación debería garantir. Se os espazos protexidos están así, calquera POL será papel mollado! Consulta o Informe_XUNTA-FROUXEIRA (446 Kb) e o Informe_ADEGA-FROUXEIRA (260 Kb) Durante este tempo, o humidal protexido da lagoa da Frouxeira convertiuse nunha chaira areenta pola que pululan sen control, ante a inexistencia de vixianza e sinalización, persoas, cans, cabalos e quads que están a alterar os hábitats e as especies protexidas comprometendo a súa conservación. Mentres, a Consellería do Medio Rural, responsábel desta lamentable situación, permanece impasíbel. De nada servíu urbanizar un bo anaco da zona de inundación e das marxes naturais da lagoa para facer un impactante paseo de pedra, que é aproveitado agora como coartada para realizar sangrados inxustificados sen criterio e á marxe da legalidade. Dende a propia Consellería do Medio Rural veñen de recoñecer en sede parlamentaria que “non é a 1ª vez que a lagoa se deseca pola acción do home e que se seguirá facendo cando sexa necesario” apesar de non ser unha medida necesaria para a conservación do espazo protexido e sen a avaliación previa á que obriga a lei, saltándose impunemente a súa responsabilidade. A inacción do organismo responsable deste humidal amosa a incapacidade e neglixencia dos xestores da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, tanto en relación coas arbitrarias aperturas da lagoa como coa pasividadeá hora de tomar decisións para paliar ou endereitar esta situación. A maiores, dende ADEGA vimos de denunciar os recentes desbroces indiscriminados realizados este mesmo mes sobre o sistema dunar e a vexetación palustre. As rozas danaron hábitats prioritarios como as dunas grises, breixais sobre dunas, a vexetación higrófila da lagoa e outros hábitats de interese europeo como dunas brancas e pasteiros salinos, incumprindo a Directiva de Hábitats e a lexislación estatal e galega de protección da biodiversidade. Estes desbroces poñen en perigo o estado de conservación das especies protexidas como a Omphalodes littoralis subsp. gallaecica ou o Antirhinum majus subsp linkianum, incluídas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas baixo a categoría “en perigo de extinción”. O seu deterioro ou destrución prohibido está totalmente prohibido, como indica recolle o Decreto 88/2007 (CGEA) que no seu artigo 10º di: “a inclusión dunha especie vexetal no catálogo implica a prohibición de destruilas, mutilalas, cortalas ou arrincar exemplares completos ou parte deles,..e en xeral a destrucción do seu hábitat”. A gravidade destes feitos vese incrementada ao observar que o desbroce que destrúe hábitats e especies protexidos respecta as especies alóctonas e invasoras!! Estes gravísimos feitos só veñen a confirmar o desleixo e a incompetencia de Costas e Medio Rural á hora de xestionar e conservar os nosos espazos protexidos, e supoñen un grave incumprimento da normativa estatal e comunitaria, así como dos acordos internacionais asinados polo estado español en relación á protección dos humidais (RAMSAR), que ADEGA continuará a denunciar.
|