Adega
INICIO Últimas novas ADEGA solidarízase co veciño de Cambados multado por tentar eliminar a invasora herba da Pampa
ADEGA solidarízase co veciño de Cambados multado por tentar eliminar a invasora herba da Pampa PDF Imprimir Correo-e
Envia ADEGA solidarízase co veciño de Cambados multado por tentar eliminar a invasora herba da Pampa a FaceBookEnvia ADEGA solidarízase co veciño de Cambados multado por tentar eliminar a invasora herba da Pampa a Twitter

13 de setembro de 2012. ADEGA quere expresar a súa solidariedade con veciño de Cambados Lois Baúlo, que vén de ser multado polo concello con 80€ por tentar eliminar unha mata de herba da Pampa (Cortaderia selloana), popularmente coñecida como "plumachos", especie exótica de alto potencial invasor. Lois Baúlo, técnico ambiental formado no Centro de Formación Agroforestal de Lourizán, é tamén un activo colaborador do movemento ecoloxista e ten participado en numerosos programas de voluntariado ambiental de ADEGA, nomeadamente para a erradicación das especies exóticas e invasoras. Dende ADEGA pedimos ao concello de Cambados que retire esta sanción e que, lonxe de reprimir ás persoas que perante a inacción institucional tentan preservar a nosa biodiversidade, cumpra coa responsabilidade de erradicar as especies exóticas e invasoras.

A acción do noso compañeiro Lois vén de poñer de manifesto o desinterese e o descoñecemento das institucións polo que atinxe ás especies exóticas e invasoras. Dase a circunstancia de que hai uns días (10 e 11 de setembro) celebrouse en Pontevedra o 4º congreso estatal de especies exóticas e invasoras no que participou ADEGA-Proxecto Ríos, cunha comunicación encol do destacado papel do voluntariado na loita contra as invasións biolóxicas, como prólogo ao congreso Neobiota 2012.

Mentres a comunidade científica e as organizacións conservacionistas acendemos as alarmas sobre as nefastas consecuencias desta "globalización biolóxica" e a introdución de especies exóticas e invasoras, principal causa actual da perda de biodiversisdade, as administracións semellan non estar á altura deste desafío. Plantas, insectos, moluscos, vertebrados e aínda fungos e fieitos usan as actividades humanas (tráfico de especies, transporte, aplicacións comerciais ou mesmo actividades de lecer e xardinería ornamental) como vector para a conquista de novos hábitats, xerando importantes danos económicos e por suposto ecolóxicos.

O descoñecemento, a tolerancia e mesmo a introdución accidental ou por descoñecemento que algunhas administracións practican coas especies invasoras, están a poñer en perigo o noso patrimonio natural e poden supoñer tamén importantes perdas económicas para as arcas públicas. Fronte a esta preocupante realidade, a formación, a información pública e a educación ambiental para a implicación activa da cidadanía nesta problemática é tanto ou máis importante que os recursos que as administracións (moi insuficientes) están adicar á loita contra as bioinvasións.

Por iso dende ADEGA lamentamos a desafortunada actuación do concello de Cambados, multando a un dos seus veciños por tomar a iniciativa para defender o noso ambiente, e pedimos que se retire a sanción. De calquera xeito e de confirmarse a multa, Lois Baúlo, socio de ADEGA, non a terá que pagar do seu peto. Defender a nosa Terra non é delicto!

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA