Crónica da xornada de voluntariado en Porto do Son |
O pasado 19 de xullo trinta voluntarias e voluntarios chegados de diferentes lugares de Galiza déronse cita unha vez máis no concello de Porto do Son para participar na eliminación de plantas exóticas invasoras. A Fundación Biodiversidad seleccionou esta proposta de ADEGA dentro do seu programa “Playas, voluntariado y custodia del territorio”, co lema “Conservando as nosas dunas”. A Actuación en Porto do Son foi a segunda e última deste programa. A primeira que se realizou foi unha actividade similar na Praia da Corna (Pobra do Caramiñal). Podes ver as fotos da xornada en Porto do Son. A xornada comezou no centro de interpretación das lagoas de Xuño e Muro onde se fixo unha presentación das actividades e da problemática das plantas invasoras. Despois de ver un video divulgativo sobre o as lagoas, dirixímonos ata o inicio da Praia de Xuño-Muro-Basoña para facer o roteiro entre as dunas que leva á lagoa de Xuño e tamén a de San Pedro de Muro, onde se fixo identificación de flora dunar. Tras o roteiro o voluntariado dividiuse en tres grupos para realizar os traballos de eliminación. Dous grupos estiveron centrados na especie invasora chamada cana (Arundo donax) e traballaron en dúas manchas. Unha localizada nun cruce de camiños, e outra na lingua da lagoa de San Pedro de Muro moi preto da Praia. A presencia desta especie neste lugar débese a vertidos de entullos ilegais, xa que ao remexer o sustrado onde se atopaban as plantas localizáronse ladrillos, azulexos, outros restos de obras, plásticos… etc, entre os cales habería algunha raíz desta especie que deste xeito se espalla polas dunas deste lugar protexido. O terceiro grupo, foi camiñando polo roteiro das lagoas eliminando coniza (Conyza candensis) unha planta asociada á mesma colocación das pasarelas de madeira ou as balizas de sinalización (moi típica tamén nas beiras das autoestradas). Os traballos continuaron todo o día, e o voluntariado realizou moi bo traballo. Ao rematar fíxose un reconto das plantas eliminadas. En total contabilizáronse uns 80 kg de Coniza (C. candensis), 20 kg de Tritonia (T. x crocosmiflora) e máis dunha tonelada de Cana (A. donax). Foi a terceira vez que se eliminan invasoras neste lugar e o traballo continuado vai dando os seus resultados xa que algunhas destas plantas están disminuindo a súa área e outras non volveron a aparecer. Porén, os traballos de eliminación de invasoras deben ter unha continuidade no tempo mínima de 3 a 5 anos, polo que dende ADEGA seguiremos promovendo iniciativas para traballar neste lugar. Alén de eliminar especies invasoras estes campos de voluntariado axudan á divulgación entre a sociedade desta problemática ambiental, que é a segunda causa a nivel planetario da extinción de especies. |