Adega
INICIO Últimas novas Proxecto Ríos no 4º congreso estatal de especies exóticas invasoras
Proxecto Ríos no 4º congreso estatal de especies exóticas invasoras PDF Imprimir Correo-e
Envia Proxecto Ríos no 4º congreso estatal de especies exóticas invasoras a FaceBookEnvia Proxecto Ríos no 4º congreso estatal de especies exóticas invasoras a Twitter

cartelneobiota112 de setembro 2012. ADEGA-Proxecto Ríos ven de participar no Congreso Estatal de Especies Exóticas Invasoras. O congreso celebrouse en Pontevedra os pasados días 10 e 11 de setembro, dando paso a partir de hoxe ao Neobiota 2012 (sétima conferencia europea en invasións biolóxicas). Foron numerosas as charlas que se sucederon durante estes dous días centradas nas invasións tanto de fauna como de flora na península ibérica e en países americanos. Destacouse a importancia das labores de seguimento de calquera acción de eliminación de invasoras, e a necesidade de previsión de medios para tal fin neste tipo de actuacións.

Diferentes proxectos ao longo da península (e do planeta) loitan contra esta ameaza que despraza e extingue especies, sendo a segunda causa da perda de biodiversidade. Son moitos os esforzos que dende algunhas administracións, universidades e organizacións como ADEGA-Proxecto Ríos se realizan día a día, e son moitos os fondos públicos empregados neste tipo de accións. Porén, Proxecto Ríos lamenta que alén do póster presentado non houbo ningunha comunicación centrada na importancia da divulgación á cidadanía, nin do voluntariado ambiental, deixando de lado unha vez máis a importancia da educación ambiental como ferramenta ante as especies invasoras.

Dende ADEGA-Proxecto Ríos desenvólvense  dende o 2007 proxectos de divulgación, educación e voluntariado ambiental centrados nesta problemática, nos que levan participado varios centos de persoas en todo o país. A participación cidadá neste tipo de actuacións consigue informar e concienciar sobre as especies invasoras. Aínda así é necesario un maior esforzo, as iniciativas de educación e voluntariado son fundamentais para informar do problema  así como para capacitar a persoas no seu manexo e xestión.

As especies invasoras supoñen ao ano un gasto de millóns de euros que poderían aforrarse con programas efectivos de divulgación, alerta e eliminación de pequenas invasións antes de que se convertan nun problema maior.

Por outra banda é necesario que o Catálogo de Especies invasoras sexa unha realidade e que estea baseado en criterios científicos e non en intereses económicos, como está hoxe en día. Deste catalogo téñense eliminado numerosas especies moi prexudiciais para os ecosistemas por intereses económicos (exemplo: eliminación de especies piscícolas por intereses das compañías de acuicultura ou pescadores). Alén diso a falta de comunicación entre as diferentes administracións do estado fai difícil moitas veces unha actuación rápida e efectiva ante este problema.

ADEGA denuncia a falta de implicación e preocupación por parte da nosa administración galega en programas tanto de divulgación, alerta, seguimento como de eliminación de especies invasoras, e alerta da necesidade de seguir informando e divulgando este problema tanto en congresos como en calquera outro ámbito. Sen un coñecemento real da cidadanía non se lograrán avances na loita contra as EEI.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA