Adega
INICIO Últimas novas Lumes máis rápidos, máis altos e máis fortes coa nova Lei de Montes do PP
Lumes máis rápidos, máis altos e máis fortes coa nova Lei de Montes do PP PDF Imprimir Correo-e
Envia Lumes máis rápidos, máis altos e máis fortes coa nova Lei de Montes do PP a FaceBookEnvia Lumes máis rápidos, máis altos e máis fortes coa nova Lei de Montes do PP a Twitter
EFFIS-valdeorras13 de agosto de 2012. A recente Lei de Montes de Galiza aprobada en solitario polo PP sen consenso e contra o criterio do Consello Económico e Social, pon as bases para que os incendios sexan máis frecuentes, extensos, intensos e perigosos en Galiza. Ao modificar pola porta de atrás a lei de prevención contra os lumes de 2007, facilitar a extensión das pirófitas, introducir a especulación no monte e reducir ao mínimo o papel da administración, a Feijóo xa só lle queda o populismo das medidas penais e... confiar na meteoroloxía e na providencia. O desleixo e o pasotismo olímpico da Xunta co noso medio rural provocarán lumes de récord: máis rápidos, altos e fortes. Porque os montes tamén arden cando as institucións os abandonan, a Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo convoca unha CONCENTRACIÓN este mércores 15 de agosto ás 12h no Barco de Valdeorras diante da casa Grande de Viloria.  censuraxuntatn

A Lei de Montes aprobada polo PP, ten como un dos seus principais obxectivos modificar pola porta de atrás a lei 3/2007 Lei de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, deixándoa practicamente baleira de contido. Con nada menos que 43 importantes modificacións  e sen  base técnica que o xustifique (como indica o informe do Consello Económico e Social) Feijóo diminuiu as distancias de salvagarda da vexetación ás vivendas (de 50 a 30 metros); reduciu os anos nos que se limita o aproveitamento dos terreos queimados (de 3 a 2 anos); eliminou o mosaico de parcelas e a prohibición de establecer masas monoespecíficas de máis de 25 hectáreas continuas; abreu a posibilidade de forestar terras agrarias e desviou cara os concellos parte das responsabilidades de control. Estes cambios normativos, xunto coas accións conxunturais como os recortes en persoal de extinción e a ausencia de orzamentos para prevención, deixa aos montes galegos e á poboación veciña nunha situación de risco, da que sen dúbida poderían derivaranse lamentábeis consecuencias, como acabou de acontecer no Barco de Valdeorras.

E por se isto  fora pouco, esta lei pretende desmontar a protección do monte veciñal e introducir ferramentas especulativas ao servizo da gran industria forestal e enerxética, rebaixando de paso a capacidade de intervención da Administración para entregar aos mercados a xestión dos nosos montes. tampouco é unha lei de carácter integral, tal como predica, ao esquecer as conexións con aspectos agrarios, sociais e ambientais. Óbvianse tamén aspectos novidosos para xestión do monte como a participación pública efectiva (que é algo máis que o trámite de consulta), a custodia do territorio e a multifuncionalidade do monte.

Tampouco aparecen temas fundamentais que deberían incorporarse na xestión do monte como os valores culturais, etnográficos, paisaxísticos, a restauración de terreos queimados, os vieiros ecolóxicos, a conservación dos hábitats e especies ameazadas ou a prevención de pragas e doenzas que están a proliferar nos nosos montes (gorgullo do eucalipto, nematodo do piñeiro, a pulga do carballo).

Dende ADEGA e a Alianza por un Mundo Rural Galego Vivo (integrada tamén pola CIG, a FRUGA e a ORGACCMM) apostamos por un monte con futuro que pasa por unha xestión sustentábel, integral, activa e participativa. A pesar da visión interesadamente miope e anticuada da Lei de Montes do PP, exemplificada nas verbas do ex-conselleiro Juárez "o rural galego está condenado a desaparecer", dende a Alianza insistimos en que os nosos montes teñen futuro, e que os lumes poden combaterse con algo máis que represión policial se se aposta pola prevención e por poñer en valor con intelixencia todas as potencialidades da nosa terra.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA