30 de agosto de 2013. Esta mañá representantes dos colectivos asinantes do documento "Por unha Asemblea Galega contra o Lume: 10 medidas de país contra a desfeita", presentamos no rexistro xeral da Xunta máis de 2.500 sinaturas recollidas en poucos días avalando o texto. Para ADEGA, as causas estruturais dos incendios forestais están xa suficientemente diagnosticadas dende hai anos, e as medidas precisas para reducir a súa incidencia son tamén coñecidas. A pregunta é como unha administración que ten a capacidade técnica e xurídica para poñelas en marcha, alén de non o facer, mesmo lexisla en sentido contrario para seguir permitindo o deterioro do mundo rural abocado ao abandono, o lume e os eucaliptos. Nula prevención, recurtes de medios, máis superficie de pirófitas, menos franxas de protección, forestación de terras agrarias, cultivos enerxéticos, privatización encoberta das CCMM, uso do lume como ferramenta... Moitos dos lumes que arrasan arestora o país prendéronse tamén nos despachos.
Por unha Asemblea Galega contra o Lume. 10 medidas “de país” contra a desfeita
As organizacións e persoas asinantes do presente documento entendemos que os recentes lumes non foron máis que o inicio da campaña de incendios que ano tras ano esnaquizan Galiza enteira. As accións de prevención e extinción que tras máis de 25 anos se veñen tomando polos distintos gobernos, case que sempre do Partido Popular, demostráronse e demóstranse insuficientes e sobre todo erradas. Proba disto é que non hai ano no que as lapas non sexan portada dos medios de comunicación, arrasen grandes extensións de monte baixo e arborado, acaben co mellores entornos ecolóxicos do noso pais como sucedeu estes días pasados en Chandrexa de Queixa espazo da Rede Natura e non poñan en perigo ou acaben coa vida de veciños e veciñas de Galiza.
Dende 1988 até hoxe en Galiza, e segundo datos oficiais, téñense producido máis de 100.000 incendios forestais que queimaron máis de 500.000 has. de monte, das que preto de 200.000 has. eran de arboredo. Desde 1995, hai uns 10.000 incendios ao ano, un incendio por cada 2 Km2 de superficie forestal –a media estatal é dun incendio por cada 25 Km2. En Galiza, co 7,7 % da superficie forestal estatal, acontecen o 45% de todos os incendios, estando un 30% da superficie forestal afectada.
O monte é un sector estratéxico para a sustentabilidade ecolóxica e social do país noso. Os incendios causan graves prexuízos ambientais, sociais e económicos. Seguen a ser un dos principais problemas da nosa terra. Non é posíbel avanzarmos na solución deste problema que nos atinxe a todos e todas sen información, educación ambiental e participación social.
As persoas e organizacións abaixo asinantes emprazamos ao goberno da Xunta a tomar en consideracións as medidas que abaixo se enumeran. Alertamos a todos os galegos e galegas de ben para que o pobo na súa totalidade funcione como o servizo de alerta, posta en coñecemento e denuncia diante das autoridades competentes de todos os datos e informacións relativas a existencia de lumes, ás causas do inicio dos mesmos e ás posíbeis faltas de operatividade na súa prevención e extinción.
Do mesmo xeito, quedamos emprazados e emprazadas, como Asemblea Galega Contra o Lume, para esixir das distintas administracións con competencia as medidas correctoras necesarias nas políticas de prevención e extinción que se están a aplicar, para rematar dunha vez por todas coa lacra dos incendios que ano tras ano producen o dano ecolóxico máis importante ao territorio galego, e empregando se fose preciso a mobilización dos galegos e das galegas para a consecución deste fin.
DEZ MEDIDAS PARA LOITAR EFICAZMENTE CONTRA OS LUMES
1. Un ordenamento territorial acorde coas características do noso país, no que o monte ocupa uns 2/3 do territorio e coa maior densidade de núcleos de poboación de Europa. Evitar o despoboamento, o abandono dos usos tradicionais e a forestación de terras agrarias ao tempo que se fomentan alternativas produtivas sustentábeis para o medio rural.
2. Unha nova política forestal que promova a multifuncionalidade do monte e protexa as súas funcións ecosistémicas (regulación do ciclo hídrico, sumidoiro de carbono, reserva de biodiversidade) e sociais.
3. Un novo Plano Forestal que contemple os montes como algo máis que subministradores de madeira barata para triturar ou queimar, que limite a expansión das especies pirófitas e alóctonas e que promova unha silvicultura preventiva e sustentábel.
4. Incrementar os esforzos e os investimentos en prevención, que deberían ser superiores aos de extinción. Os labores de prevención, vixilancia, loita contra o lume e rexeneración deben desenvolverse durante todo o ano.
5. Planificar e desenvolver programas de rexeneración hidrolóxico-forestal nos montes queimados para evitar a perda de solo e a erosión, prohibindo a mudanza de usos e a especulación nestes terreos.
6. Labores de rexeneración da vexetación natural nas zonas queimadas.
7. Promover o incremento dos montes públicos e reforzar o papel das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común, impedindo a súa privatización e a entrada de capital especulativo no monte.
8. Profesionalizar os equipos de prevención, detección, extinción e rexeneración nos incendios, que deben estar baixo un mando único dependente da Xunta de Galicia, evitando privatizar os seus servizos.
9. Rapidez e transparencia no acceso á información sobre os lumes, poñendo a disposición da cidadanía as ferramentas informáticas e de comunicación precisas.
10. Fomentar a Educación Ambiental a todos os niveis para promover na sociedade valores e comportamentos compatíbeis coa preservación do medio. Formar e informar especialmente ás Comunidades e propietarios de montes, para promover o sentimento de vencello e identidade positiva entre a veciñanza e o monte.
CODA: Os incendios deberían tratarse como un “asunto de país”, fuxindo da utilización partidista, a demagoxia e o curtopracismo. Ningún goberno pode resolver os lumes nunha lexislatura. Cómpre pois un amplo consenso político e social na loita contra os lumes.
Sinaturas:
ADEGA, ALTERMUNDO, AMARANTE, ANAGACI, ASOCIACION PETÓN DO LOBO DE CORCOESTO, COLECTIVO ARTABRA 21, FEDERACION ECOLOXISTA GALEGA, FORO SOCIAL DE CANGAS, FUCO BUXAN, PLATAFORMA FRAGAS DO EUME, PLATAFORMA POLA DEFENSA DE CORCOESTO E BERGANTIÑOS, SLG, VERDEGAIA
A petición en change.org, dirixida ao Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo (por unha nova política forestal que evite os incendios), conta xa con máis dun milleiro de sinaturas: http://www.change.org/es/peticiones/presidente-da-xunta-de-galicia-alberto-n%C3%BA%C3%B1ez-feij%C3%B3o-unha-nova-pol%C3%ADtica-forestal-que-evite-os-incendios
|