"Esta asociación, ademais, preocupada polos riscos da militarización da sociedade e do territorio, propiciará o estudo e a conscienciación da populación ante as ameazas á Paz Mundial e as consecuencias da carreira de armamentos."
Coa introdución, en 1984, deste parágrafo no Título I dos seus Estatutos, a organización ecoloxista ADEGA, legalizada en 1976, integrou o pacifismo no seu ideario.
Eran tempos de mobilización contra a OTAN e a carreira de armamentos. Desde aquela, a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza non deixou de apostar pola construción da paz: a meio da nonviolencia, apoiando a un movimento antimilitarista que logrou pór fin ao Servizo Militar Obrigatorio no Estado español, mobilizándose contra a Guerra do Golfo, opóndose tanto á OTAN como a Milosevic, rexeitando os bombardeamentos do Afganistán, denunciando a guerra de ocupación do Iraque, denunciando a invasión do Líbano e o terrorismo, respaldando a Obxección Fiscal aos Gastos Militares…
Máis de vinte anos despois, ADEGA mantén vivo o seu compromiso ecopacifista e desexa reforzar o seu traballo neste campo, a situación do mundo non é para menos.
Hoxe o planeta xa non está dominado pola Guerra Fría, senon polo resultado do desenlace desta cunha vitoria da versión capitalista do industrialismo: a globalización neoliberal, un sistema ecoloxicamente insustentábel construído sobre a extensión da inxustiza social, a degradación da democracia e o recrudecimento de políticas represivas, militarista e belicistas, unha opción apresentada como a única posíbel.
A alternativa ecopacifista é a da procura dunha saída emancipatória á actual crise ecolóxica global, dunha superación do actual sistema baseada na construción dun mundo ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto no que podermos (con)viver en paz, humanos e non-humanos de hoxe e de mañá. Ese outro mundo, para alén de desexábel, si é posíbel: está na nosa mao.
QUE FACER?
Con pequenos actos aparentemente insignificantes, desde o noso día a día, estamos xa a mudar o mundo, mais… cara onde? A alternativa ao modo de vida que levou o planeta ao seu actual estado, pasa polo desenvolvemento de hábitos favorecedores da sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e a cultura de paz:
* Practica o consumo responsábel (non consumista, de produtos locais, de comercio xusto e/ou produción biolóxica, na procura do máximo aforro enerxético e do residuo cero…)
* Exerce como cidadá(n) libre, recorre á non violencia e á desobediencia civil (presiona a gobernos e empresas, participa, organízate, mobilízate, fai Obxección Fiscal aos Gastos Militares…);
|
|
No Estado español os gastos militares para 2005 son de 15.695 millons de euros, 43 millons de euros diários. |
|
ADEGA desenvolveu accións para se opor ao campo de tiro do exército en Doniños (Ferrol), que afecta unha zona de grande valor ecolóxico |
|
O ataque criminal ao Iraq e a última mostra da maridaxe entre guerras e resultados económicos das empresas transnacionais |
|
Recentemente, ADEGA celebrou os 20 anos de ecopacifismo galego
|
|