Adega
INICIO Áreas temáticas Pacifismo Manifesto da Coordenadora Galega pola Paz en relación á Gerra do Iraque
Manifesto da Coordenadora Galega pola Paz en relación á Gerra do Iraque PDF Imprimir Correo-e
Envia Manifesto da Coordenadora Galega pola Paz en relación á Gerra do Iraque a FaceBookEnvia Manifesto da Coordenadora Galega pola Paz en relación á Gerra do Iraque a Twitter
A Coordinadora Galega pola Paz, formada por numerosas organizacións da nosa sociedade civil (partidos políticos da oposición, centrais sindicais, ONGs, asociacións profesionais, estudiantís, da mocidade, ecoloxistas, pacifistas, humanitarias, de crentes, feministas, fundacións...) convocante en Galicia das multitudinarias mobilizacións pola paz mundial e contra da guerra de Iraq, quere hoxe reiterar algunhas das cuestións máis relevantes en relación con este conflicto e coa paz e coa seguridade no mundo, particularmente, no que se refire á división internacional, do Consello de Seguridade e da propia Asemblea Xeral de Nacións Unidas ou da Unión Europea sobre a reconstrucción e a devolución da soberanía ó pobo iraquí.

1º.- Todas e cada unha das peores previsións que desde a Coordinadora Galega pola Paz realizamos, nos meses previos á intervención militar en Iraq, protagonizada polas tropas angloamericanas sen mandato expreso de Nacións Unidas, veñen de cumprirse lamentablemente.

Logo dunha guerra inxusta, desigual e desproporcionada, que vulnerou drasticamente o dereito internacional e o papel dos organismos supranacionais, que provocou miles de víctimas, entre elas a do xornalista galego, Xosé Couso, baseada en mentiras e en falsidades, con obxectivos espurios..., atopámonos hoxe cunha ocupación militar, na que participa o Estado Español con forzas militares propias, de moi dubidosa legalidade, de novo á marxe da ONU, e cunha administración títere, a modo de anacrónico protectorado, ó servicio dos intereses exclusivos do goberno norteamericano.

2º.- A situación actual en Iraq, en Afganistán (e en toda a rexión) non é nin máis segura nin ocasionou un maior benestar ós seus respectivos pobos. Todo o contrario. Tal e como temos indicado, non podemos confundir a paz coa victoria nin tampouco a paz coa ocupación militar e a vulneración sistemática dos dereitos humanos, a humillación e a rapiña neocolonial.

A Administración Bush, sen dúbida, derrocou ó réxime tiránico de Sadam Hussein, gañou militarmente unha guerra inxusta e ilegal, pero está sendo incapaz de garantir a paz e a seguridade nunha rexión que segue a vivir incendiada pola violencia, o terrorismo e o rancor, esnaquizada económica e medioambientalmente, degradada en tódolos sensos, con secuelas visibles e que persistirán durante moitos anos (como consecuencia do emprego masivo de bombas de racimo, uranio empobrecido, etc.) facendo que a reconstrucción sexa, ademais de extraordinariamente custosa, moi lenta.

3º.- O papel seguidista e dependente do goberno español, aliñado coas teses máis belicosas da administración norteamericana, motivou o envío de tropas, sen declaración de guerra, sen mandato expreso do Parlamento, que están actuando como auténticas forzas de ocupación, en zona de combate, con grave risco para a súa propia vida, e sen a cobertura legal das Nacións Unidas.

Por outra parte, esta mesma actuación político-militar de Aznar e de Blair os está distanciando, aínda máis, do eixe franco-alemán, que con Rusia e China, manteñen unha posición abertamente contraria á presencia de tropas sen mandato expreso da ONU e baixo mando norteamericano, e defenden a inmediata devolución da soberanía ó pobo iraquí coa retirada das tropas estranxeiras e a súa substitución por cascos azuis ou unha forza multilateral da propia ONU.

4º.- Como sabemos, a intervención e posterior ocupación militar de Iraq, respondía a intereses políticos, económicos, militares e xeoestratéxicos da administración Bush, e entre eles estaba, como non, a lexitimación e o robustecemento do poder militar do estado de Israel na rexión, a xustificación do terrorismo de estado practicado polo goberno de Ariel Sharon contra o pobo palestino, vetando mesmo no Consello de Seguridade calquera resolución condenatoria ou ignorando que Israel aí conta con armas de destrucción masiva, mesmo nucleares.

5º.- A violencia e o terrorismo, individual ou de estado, non son a maneira de resolver un conflicto que enche de sangue e sufrimento o territorio de Oriente Medio desde fai demasiados anos. A procura dunha solución xusta e democrática pasa polo remate da violencia, do terrorismo e dos asasinatos selectivos, polo recoñecemento dos dereitos nacionais do pobo palestino, polas garantías para a súas autoridades, especialmente para Arafat, tal e como a Asemblea Xeral das Nacións Unidas ven de aprobar por práctica unanimidade.

Para o vindeiro 27 de Setembro, Sábado, o Foro Social Europeo e numerosas organizacións, veñen de convocar distintas mobilizacións en contra da ocupación de Iraq, pola retirada das forzas ocupantes, polo regreso das tropas españolas, contra o terrorismo e pola solución pacífica dos conflictos, nun marco de respecto pola legalidade e os organismos internacionais.

A Coordinadora Galega pola Paz quere sumarse a esta iniciativa e fai un chamamento á cidadanía galega para que exprese, por tódolos medios pacíficos e democráticos posibles, a súa aposta decidida pola paz, a xustiza e os dereitos humanos, ó tempo que anuncia a convocatoria de novas mobilizacións no mes de Outubro, concretamente, o 25 de Outubro, en coincidencia coa Marcha sobre Washington contra a ocupación e pola retirada das tropas estranxeiras de Iraq.

 

COORDINADORA GALEGA POLA PAZ

 

Adega, AS-PG, Asociación Chambo, Asociación Pola Esquerda, BNG, CAE, CAF, CIG, Coordinadora de Crentes Galegos, Coordinadora Galega de ONGs para o Desenvolvemento, SN de CC.OO de Galicia, EU-IU, Federación Ecoloxista Galega, Fundación Araguaney, Fundación para a Igualdade María Xosé Arcos, Galiza Nova, InteRed- Galicia, Intermon- Oxfam, Mulleres Cristiás Galegas, PSdG- PSOE, Seminario Galego de Educación para a Paz, UGT- Galicia, Voluntariado Social ROGAS, STEG, Xustiza e Sociedade, Xuventude Comunista Galega, Xuventudes Socialistas de Galicia.


Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA