Adega
INICIO Áreas temáticas Pacifismo Impacto medioambiental da guerra: outra forma de violencia contra os pobos.
Impacto medioambiental da guerra: outra forma de violencia contra os pobos. PDF Imprimir Correo-e
Envia Impacto medioambiental da guerra: outra forma de violencia contra os pobos. a FaceBookEnvia Impacto medioambiental da guerra: outra forma de violencia contra os pobos. a Twitter

A primeira guerra do Golfo nos anos 90 e 91 tivo un impacto ambiental desmedido sobre o territorio de Kuwait así como nas augas do Golfo pérsico. Calcúlase que máis do 90% da superficie desértica de Kuwait está seriamente impactada polas actividades militares polo que os procesos de desertificación vense gravemente acelerados; neste senso, hai que considerar que é un erro conceptual considerar os desertos como lugares completamente baleiros de vida; antes ben, conteñen hábitats de extraordinario interese e moi delicados que acollen unha interesante vida vexetal e animal e son o soporte da supervivencia dos pobos que viven no deserto.

Por outra banda, o impacto sobre o medio mariño foi moi grave pois considérase que o Golfo Pérsico sufriu o maior verquido de cru da historia con un total de 6 a 8 millóns de barrelos derramados, que contaminaron severamente 560 km de costa, destruíndo totalmente os ecosistemas intermareais; calcúlase que morreron máis de 30.000 aves acuáticas e mariñas. O impacto sobre a atmosfera, o queimarse de xeito accidental ou provocado os pozos petrolíferas foi desmedido (hai que lembrar que Kuwait permaneceu meses baixo a sombra do fume); contribuíuse de xeito dramático ó efecto invernadoiro e púxose en circulación inxentes cantidades de contaminantes. Incluso tivo efectos imprevisíbeis: o fume impediu a chegada de luz suficiente ás augas do Golfo co que a productividade primaria viuse severamente mermada colapsando os caladoiros.

Os movementos da maquinaria de guerra: avións, helicópteros, vehículos, etc. provoca un desmedido incremento do consumo de combustible o que tamén contribúe á contaminación atmosférica grave e o efecto invernadoiro.

Finalmente, o delta dos ríos Tigris e Eufrates constitúe unha das zonas húmidas máis importantes da rexión onde invernan miles de aves acuáticas procedentes de Siberia especialmente, e onde se desenvolve a cría de especies de peixes que constitúen as pesquerías maioritarias das augas dos golfo, cuxos caladoiros víronse severamente reducidos nos últimos anos; o delta viuse danado severamente por activiades físicas e verquidos de petróleo así como pola contaminación que o Tigris e o Eufrates arrastran.

O uso das armas provoca unha gran contaminación química difusa que trae graves consecuencias para a vida silvestre e para as poboacións.

Mención aparte merece o emprego de mísiles que conteñen uranio empobrecido, esto é cunha baixa actividade e vida media, pero que nembargantes contaminan radiolóxicamente de xeito grave e deixaron moitas áreas fortemente contaminadas con afeccións directas a poboación (cancros, leucemia, malformacións) mesmo para os soldados norteamericanos. Posteriormente este tipo de armas empregouse na década seguinte contra a poboación iraquí dando lugar a unha gran mortalidade infantil por cancros.

Na pasada guerra de Afganistán, asistimos a impactos semellantes inda que con elementos novos: nas montañas do norte existen grandes áreas boscosas que albergan unha gran biodiversidade; víronse danados polos constantes bombardeos e incendios que se produciron.

Na actual Guerra contra Irak produciranse danos similares sobre a flora, a fauna, os ecosistemas, a auga, a terra e a atmósfera. Tamén hai que ter en conta que ó longo dos ríos Tigris e Eufrates existen unha serie de humedais, denominados ‘humedais mesopotámicos’, dos máis importantes de Eurasia, que na última década víronse radicalmente destruídos e que coa actual guerra poderían desaparecer. Hai que ter en conta que nestes humedais viven diferentes especies endémicas que, poderían simplemente, extinguirse. Tamén ó longo das bacías destes ríos están a maior parte das terras de cultivo que se verán danadas, ben por ser contaminadas ben por procesos erosivos (logo virán co programa alimentos por petróleo o que enriquecerá a grandes corporacións agrícolas en occidente tamén cun impacto ambiental importante agravado polo emprego de alimentos transxénicos). O desprazamento das tropas ó longo do país xenera temen unha importante contaminación posto que, por exemplo, toda a comida consumida ven empaquetada en envases plásticos que moito nos tememos non son recollidos e moito menos reciclados.

No norte de Irak, no Kurdistán, existen áreas montañosas tamén con superficies boscosas de gran interese para a conservación da biodiversidade biolóxica que corren o risco de destruírse por incendios e impactos diversos.

Só hai que agardar a que nin os Estados Unidos empreguen armas nucleares (tal e como anunciaron que o mellor facían) nin Sadam empregue armas químicas ou biolóxicas (se aínda posúe algunha) pois os danos serían moi superiores. No caso de extensión do conflicto ou accidente, hai que lembrar o perigo constante que supón que buques e portaavións norteamericanos levan reactores nucleares como motor, que no caso de seren alcanzados a catástrofe resulta evidente.

No caso de movemento masivos de refuxiados a lugares concretos, prodúcese un gran impacto ambiental nos lugares de paso e de asento, pois hai unha gran contaminación local, destrucción directa de hábitats e un incremento do consumo de leña como combustíbel, que pode ter un gran impacto en áreas de mato ou bosque contribuíndo á perda de diversidade biolóxica e a erosión.

O impacto ambiental das guerras está lonxe de ser un problema secundario. Supón roubar ó conxunto da humanidade un dos seus patrimonios máis valiosos: a diversidade biolóxica, a auga e a terra, dos que depende a propia supervivencia do planeta. Por outra banda supón a hipoteca definitiva dos pobos que teñen que sufrir a guerra pois os seus recursos naturais ó verse tan mermados impiden o desenvolvemento normal das poboacións, forzadas á emigración, á precariedade, a falla de saúde e a dependencia externa -inda que esto, seguro que aleda a máis dalgún gobernante e empresario occidental ligados a potentes conglomerados económicos-.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 


ADEGA