Adega
INICIO Últimas novas Alerta sanitaria: A traída de Caldas acada níveis récord de toxina pola contaminación do encoro do Umia
Alerta sanitaria: A traída de Caldas acada níveis récord de toxina pola contaminación do encoro do Umia PDF Imprimir Correo-e
Envia Alerta sanitaria: A traída de Caldas acada níveis récord de toxina pola contaminación do encoro do Umia a FaceBookEnvia Alerta sanitaria: A traída de Caldas acada níveis récord de toxina pola contaminación do encoro do Umia a Twitter

EUmia5b231 de outubro de 2012. ADEGA vén de coñecer que a concentración de microcistina na auga potábel de Caldas acadou de novo valores récord: 0,58µg/l o 28 de setembro e 0,7µg/l o 19 de outubro.  Malia a que o valor límite de referenza é 1µg/l (RD 140/2003), hai que ter en conta que esta toxina ten efectos acumulativos, polo que a presenza na auga de calquera cantidade xa é preocupante. Neste senso, a OMS recomenda unha inxesta diaria tolerábel (IDT) de 0,04µg/kg/día. Isto significa que coa concentración de toxina da traída Caldas o 19 de outubro (0,7µg/l) todas as crianzas de menos de 17,5 kg de peso que beban 1l desta auga ao día xa superarían a IDT recomendada. O concello de Caldas tentou ocultar esta información á veciñanza, xa que na web municipal que informa da calidade da auga só se publicaron 2 análises dende xuño pasado, e a poboación debería saber que a súa saúde está en risco para tomar medidas. Para ADEGA queda demostrada a ineficacia do tratamento con cortiza e dos sistemas de potabilización para eliminar a toxina. A única solución para reducir o risco a cero é abrir o encoro e liberar o Umia para evitar a proliferación da microcystis. pdfAnálises auga Caldas 28-9 e 19-10 (1.81MB)

Os 300.000€ investidos no tratamento con cortiza das augas do encoro; os 700.000€ da nova captación; os 34.000€ do proxecto para a redución da eutrofización e o que se leva gastado xa nos sistemas de tratamento da auga potábel, están sendo inúteis. E os 20 millllóns que até o 2015 está previsto gastar no "Plan Umia" serán tamén un desbaldimento de cartos públicos. Todo para manter o negocio hidroeléctrico do Sr. Cortizo e que o conselleiro Hernández non teña que admitir o inmenso erro, os atropelos e as corruptelas que acompañaron á construción do encoro de Caldas, no que tivo destacadas responsabilidades.

Acontece que apesar do eucalipto as algas non dan desaparecido do encoro, e apesar dos tratamentos a toxina non só non se elimina da auga potábel senón que está a acadar os valores máis altos dende que se fan medidas. Este feito debería preocupar ás autoridades, por canto estase a poñer en risco á poboación que consuma esta auga.

A veciñanza de Caldas debe saber que están bebendo auga cunha toxina de graves consecuencias para a saúde. As investigacións da OMS teñen demostrado que a microcistina, xa a doses extremadamente pequenas, provoca importantes danos no sistema hepático; problemas do aparello dixestivo e graves efectos neurotóxicos sobre o sistema nervioso central. Advirte tamén a OMS de que hai probas sobre o papel da microcistina como indutora ou desencadeante de procesos tumorais e de que, ademais, presenta efectos acumulativos no organismo o que implica que non haxa unha dose mínima de seguridade.

Dados estes efectos acumulativos, habería que eliminar toda carga tóxica da corrente de auga. Os sistemas oxidativos de depuración non dan degradado totalmente a microcistina. É máis, nestes procesos poden producirse outros compostos con alto poder canceríxeno: O cloro ou hipoclorito da lugar a cloroderivados, todos eles canceríxenos. E co ozono, libérase o benceno ligado na molécula de microcistina, que é tamén un composto de comprobado poder canceríxeno e efectos acumulativos.

A solución máis efectiva, barata, respectuosa coa lexislación e xusta para coa cidadanía e o ambiente é pois a apertura do encoro e a liberación do río. O conselleiro Hernández debería asumir os seus erros e deixar de facer o xogo a Cortizo, en lugar de seguir desbaldindo cartos públicos e experimentando coa saúde da poboación que se abastece do Umia.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA