A Xunta a piques de conquerir o seu obxectivo de exterminar o lobo no Barbanza |
3 de agosto de 2012. Coa excusa dos danos primeiro e dos híbridos despois, a Xunta levou a cabo no Barbanza unha auténtica campaña de exterminio do lobo perfectamente planificada e orquestada, que tivo como resultado a eliminación case completa desta especie. Coa axuda inestimábel de cazadores e gandeiros sen escrúpulos e a complicidade dalgúns funcionarios que por veces actúan máis como "secretarios" ao estilo das monterías franquistas que como valedores da nosa fauna, estimamos que entre 2011 e 2012 foron abatidos entre 25 e 30 lobos, a gran maioría exemplares puros. Porén, a Xunta só recoñeceu no Barbanza 4 mortes en 2011 e ningunha en 2012, logo de 3 batidas "oficiais" (e ducias de agardos "extraoficiais") segundo informou o Valedor ao que acudíu ADEGA en amparo polo escurantismo da Xunta. O balanzo: Lobatos de 3 e 4 meses masacrados, lobos decapitados e tráfico de trofeos, lazos ilegais, corrupción, desleixo e incompetencia institucional... Mentres, ducias de poldros morrerán de fame este ano nos montes do Barbanza ou liquidados polos concellos se os gandeiros non os sanean e identifican co microchip. O lobo do Barbanza, unha xoia do noso patrimonio natural, non era para a Xunta máis que un molesto problema que compría "solucionar" co mínimo gasto. Danos á cabana gandeira que habería que pagar (sempre tarde e mal) e protestas de certos sectores, escopeteiros e gandeiros sen escrúpulos, que coidan que o monte é un patrimonio ao seu servizo e fuxen de calquera responsabilidade na súa correcta xestión, puxeron ao lobo no ponto de mira. A solución escollida pola administración pareceuse moito á "solución final" argallada polo nazismo ou ás limpezas étinicas de conflitos pasados e recentes. Primeiro, a estigmatización social e a propaganda negativa: Novas recurrentes de ataques e masacres de gando nos medios subvencionados apresentan unha vez máis ao lobo como o malo da película, unha alimaña perigosa que hai que eliminar, en troques dun patrimonio natural que hai que conservar. O resultado: A proliferación de condutas delictivas, como a caza furtiva (4 exemplares) ou os lazos asasinos (outros 3 máis), por parte dos irresponsábeis que sentíndose lexitimados pola sociedade e logo de aberta a veda pola administración, deciden actuar pola súa conta. Nesta conxuntura, faise preciso tamén controlar e ter localizadas ás mandas: Para iso, nada como capturar un exemplar, colocarlle un colar localizador coa excusa do "estudo científico" e ceibalo no monte. Deste xeito, a administración (e tamén os colectivos interesados en suprimir o "problema" dos lobos) xa saben onde están e por onde se moven. Foi casualidade que o exemplar co GPS fora abatido en 2011 xunta outros dous nunha batida ilegal? Por último, precísase xustificar legalmente o exterminio, para o que o problema da hibridación ven ao pelo. A suposta presenza de exemplares híbridos (a Xunta non publicou aínda as análises xenéticas que o confirman), de existiren, é un problema residual que ademais pode ser abordado con criterios conservacionistas e métodos incruentos. Pero magnificando o problema, críase a excusa perfecta para autorizar aos exterminadores batidas e agardas con escaso ou nulo control por parte da administración: O resultado, matáronse moitos máis lobos ibéricos puros que (supostos) híbridos. É como poñer ao raposo a "xestionar" o galiñeiro! Ao cabo, quen gañou con estas tácticas? A sociedade galega, que veu desaparecer á poboación de lobo máis occidental de Europa? Os gandeiros, reacios a afrontar os custos dunha explotación gandeira ordenada (saneamento, identificación e permisos) e que este ano vense con máis poldros que nunca que non van poder xestionar? Iso sí, a Xunta aforrou uns euros en indemnizacións e algúns privilexiados amigos teñen agora a cabeza disecada dun lobo ibérico decorando o seu salón. Finalmente, ADEGA quere facer unha reflexión sobre como e quen xestiona a fauna salvaxe no noso país. Na información do Valedor (1,44 MB), a Xunta recoñexe que en 2011 autorizou 14.720 batidas de xabarín en Galiza, unha media de 40 batidas diarias!!! Unha administración ambiental que fai dos cazadores o seu instrumento principal e do chumbo o seu sisrtema para xestionar a nosa biodiversidade, ademais de incompetente é aberrante.
|