Adega
INICIO Últimas novas Leña ás alimañas: caza "preventiva" do xabarín, do raposo por "danos" e agora batidas de lobo
Leña ás alimañas: caza "preventiva" do xabarín, do raposo por "danos" e agora batidas de lobo PDF Imprimir Correo-e
Envia Leña ás alimañas: caza "preventiva" do xabarín, do raposo por "danos" e agora batidas de lobo a FaceBookEnvia Leña ás alimañas: caza "preventiva" do xabarín, do raposo por "danos" e agora batidas de lobo a Twitter

Cromo dunha batida1 de xullo de 2011. Logo de que a recente orde de vedas permita cazar practicamente todo o ano, mesmo en espazos protexidos, Juárez e Borregón volven apretar o lazo sobre os pescozos da nosa fauna emblemática. Desta volta tócalle ao lobo, unha especie que en Galiza segue sendo cazábel malia ás voces que reclaman a súa protección, como acontece ao sur do Douro. A Xunta autorizou batidas de lobo esta fin de semana (día 2) e para o 9 de xullo nos montes do Barbanza en plena época de cría. ADEGA lembra á administración que, como establece o Plano de Xestión do Lobo, a caza desta especie debe ser o último recurso, de fallaren as medidas preventivas e compensatorias. Claro que cunha redución do 66% dos cartos destinados a prevención e danos, a opción da Xunta está clara: chumbo para o lobo! Folleto LOBO-ADEGA (PDF 591 Kb)

Apesar de que, como está contemplado no Plano de Xestión do Lobo (Decreto 297/2008, do 30 de decembro) a Serra do Barbanza está catalogada como “zona 2” na que o lobo pode ser obxecto de control cinexético, existen importantes incertidumes que desaconsellan a adopción dunha medida tan drástica como é unha batida coa eliminación física dos individuos:

1. Descoñécese o número exacto de animais potencialmente afectados por esta medida.

2. Na nosa opinión, o Servizo da Conservación da Natureza da Consellería de Medio Rural non dispón de medios humanos suficientes para controlar o correcto desenvolvemento da batida. Este estremo foi xa posto de manifesto por diversos expertos no decurso das I e II Xornadas do Lobo organizadas por ADEGA e o CEIDA.

3. Os datos científicos sobre o número de lobos nesta serra non están actualizados, existindo importantes incertezas respecto ao número de mandas, individuos reprodutores, ubicación, distribución e mobilidade xeográfica.

4. Non hai datos fiábeis sobre a mortalidade ilegal (atropelos intencionados, envelenamentos, caza furtiva, lazos e outras trampas), e descoñécese o seu impacto nas poboacións lobeiras do Barbanza.

5. O Plano de Xestión do Lobo establece entre as súas directrices (punto 10.3) evitar realizar controis durante a época de cría (de maio a outubro).

6. A medida de eliminación física de individuos de lobo debería ser o último recurso de fallaren as medidas preventivas e disuasorias. Resulta preocupante que Conservación da Natureza, malia a que no Plano de Xestión do Lobo faise fincapé na prevención e na educación ambiental, teña reducido o orzamento adicado a subvencionar medidas preventivas como mastíns e pastores eléctricos e os cartos para compensar danos.

 
Moitas zonas lobeiras reúnen grandes potencialidades para levar adiante iniciativas de desenvolvemento sustentábel que garantan a conservación do patrimonio natural, nomeadamente dunha xoia faunística como é o lobo. Temos a certeza de que actuando intelixentemente e aproveitando adecuadamente a enorme potencialidade do territorio, dende as bestas bravas até o lobo, pasando polos hábitats de interese e a paisaxe, e orientando a participación da veciñanza cara actividades respetuosas co medio, poderíase acadar unha melloría significativa na calidade de vida e abriríanse novas perspectivas de futuro para moitas comarcas.

Un aspeito non menos importante é a rapidez da administración en indemnizar xustamente as perdas causadas por esta especie, para desactivar as actitudes negativas criadas pola lentitude da burocracia.

Finalmente, queremos insistir na nosa esixencia á Xunta de Galiza para que non autorice ningunha batida. O control das poboacións de lobo debe ser levado a cabo pola administración en base a estudos científicos fiábeis tal como sucede en Asturias e outras comunidades e non polos cazadores ou atendendo ás demandas de este ou aquel colectivo. Para ADEGA, conservar o lobo debería estar por riba dos intereses políticos ou gremiais e ser un obxectivo de interese nacional, transversal a todas as actuacións administrativas.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA