Adega
INICIO Últimas novas A insustentabilidade da acuicultura industrial: criando leóns con lobos (e metais pesados)
A insustentabilidade da acuicultura industrial: criando leóns con lobos (e metais pesados) PDF Imprimir Correo-e
Envia A insustentabilidade da acuicultura industrial: criando leóns con lobos (e metais pesados) a FaceBookEnvia A insustentabilidade da acuicultura industrial: criando leóns con lobos (e metais pesados) a Twitter

26 de maio de 2012. O mito da acuicultura industrial como alternativa á sobreexplotación das pesquerías, fai augas (e nunca millor dito). Aos impactos das macropiscifatorías terrestres e mariñas sobre o ambiente (desfeitas paisaxísticas, verteduras, uso masivo de antibióticos e químicos...), hai que engadir a ineficiencia enerxética e ecolóxica de cultivar peixes carnívoros como salmóns e rodaballos. É como ter granxas para criar leóns, que precisan proteína animal, en lugar de granxas de herbívoros. Agora un recente estudo aponta que os pensos que consumen os peixes de granxa conteñen proteínas doutros peixes situados en níveis altos da cadea trófica (tamén depredadores) algúns provintes da pesca extractiva: é como criar leóns dándolles de comer lobos! A maiores, os pensos e aditivos (antibióticos, pinturas "antifouling", etc.) da acuicultura conteñen metais pesados... Vaites coa panacea para alimentar á humanidade!

A respeito da orixe das proteínas animais que conteñen os pensos dos peixes cultivados en instalacións acuícolas, un recente estudo de investigadores/as do Departamento de Bioloxía Funcional da Universidade de Oviedo revela a pegada xenética de 6 especies de peixes situadas en níveis altos da cadea trófica oceánica: a anchoveta peruana (Engraulis ringens), o espadín (Sprattus sprattus), o bacallau do Pacífico (Gadus macrocephalus), o merlán (Merlangius merlangus), o xurelo (Trachurus symmetricus) e a xarda austral (Scomber australasicus). Ademáis destes peixes, que poden proceder de descartes e subprodutos e refugallos da industria pesqueira, atopáronse outras dúas especies, o arenque común (Clupea harengus) e o lanzón do Pacífico (Ammodytes personatus) que mesmo se comercializan en fresco para consumo humano e cuxa orixe é case con seguridade a pesca extractiva.

Alén da ineficiencia enerxética que supón criar peixes carnívoros con outros peixes carnívoros en lugar de proteína vexetal, o feito de que algunhas especies usadas nos pensos proveñan de pesquerías extractivas fai que a acuicultura industrial deixe de ser unha solución á sobrepesca e ao esgotamento dos caladoiros e pase a agravar o proceso, converténdose nun risco para o ecosistema mariño.

E a respeito da presenza dunha ampla gama de metais pesados tanto nos pensos (Zn, Cu, Cd, Fe, Mn, Co, Ni, Pb, Mg, Se e Hg) como nos aditivos (produtos terapéuticos, antifúnxicos, plaguicidas, produtos antifouling, que achegan Zn, Pb, Cd e Cu) profusamente usados nas granxas acuícolas, numerosos estudos apontan ao proceso industrial de "fabricación" dos peixes como orixe destes contaminantes:

Estas publicacións científicas e informes veñen de ser achegados como proba no proceso xudicial aberto contra Stolt Sea Farm por contaminación con metais pesados das terras da Cooperativa Rainha Lupa de Quilmas (Carnota). Estes estudos demostran que tanto nos pensos como noutros elementos e aditivos usados no proceso industrial de cría e engorde están presentes fontes de metais pesados que poden ser a orixe dos atopados nas terras da cooperativa veciñas á piscifatoría de Stolt Sea Farm. Contrariamente ao que sostén a empresa, que a contaminación é allea ás súas instalacións e procede dos adubos químicos das terras (en agricultura ecolóxica prohíbese o uso destas substancias!!) fica demostrado que a fonte de contaminación procede con toda probabilidade da piscifatoría.

Podemos concluir pois que a acuicultura industrial ademais de causar enormes impactos paisaxísticos, contaminar o mar e a terra, contribúe tamén de xeito substancial á sobreexplotación dos caladoiros e á degradación dos ecosistemas mariños.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA