Adega
INICIO Últimas novas SOGAMA II: a Xunta, facendo política-ficción coa xestión do lixo
SOGAMA II: a Xunta, facendo política-ficción coa xestión do lixo PDF Imprimir Correo-e
Envia SOGAMA II: a Xunta, facendo política-ficción coa xestión do lixo a FaceBookEnvia SOGAMA II: a Xunta, facendo política-ficción coa xestión do lixo a Twitter
5 de decembro de 2011. O recente anuncio de que a incineradora da SOGAMA do sur irá no concello do Irixo da man de Estela Eólica, non por agardado deixa de sorprender. Sorprende que a Xunta siga apostando pola incineración e o vertido, contrariamente ao recomendado nas directivas europeas e nas leis de residuos estatal e galega. Sorprende que a unha empresa eólica se lle adxudique "a dedo" un servizo público sen mediar concurso. Sorprende que un recurso de todos/as, os residuos urbanos, vaian ser privatizados para lucro dunha empresa. Sorprende... ou non? O que está claro é que despois de meses de indefinición, escurantismo e cálculos eleitoralistas, a Xunta insiste en continuar coa farsa da incineradora do sur: no actual contexto económico e cun horizonte de forte redución das primas eólicas, que empresa vai adiantar 230 millóns de € para que en 2014 funcione a incineradora do Irixo sen ter seguros os ingresos dos muíños?

O Plano de Xestión dos Residuos Urbanos de Galiza (PXRUG) 2010-2020 aprobado pola Xunta do PP aposta pola incineración á que adica o 60% do investimento en infraestruturas e o 48% do orzamento total. Porén, segundo datos do propio PXRUG, de todo o lixo que chega a SOGAMA (900.000 Tm anuais) e logo de descontar a perda de auga no proceso de secado (para o que se queiman medio millón de megawatios de gas natural ao ano), preto do 72% vai directamente a vertedoiro. Precisamente hai un par de meses a Xunta aprobou un investimento de 10,3 millóns de € para alongar o vertedoiro de SOGAMA para seguir recibindo lixo cando menos até 2013 (ano eleitoral).

Este é o modelo que Feijóo e Hernández pretenden reproducir agora no concello d'O Irixo coa segunda incineradora. Un modelo caduco, ruinoso para os concellos e insolidario coa cidadanía que se esforza en separar para que a Xunta remate botando case todo ao vertedoiro. SOGAMA, un sistema supostamente creado para evitar a contaminación dos residuos urbanos resulta que é unha das empresas que máis contaminan en Galiza. Ela soa é a responsábel de afundir os índices de reciclaxe galegos a níveis terceiro-mundistas malia aos bos resultados en separación e compostaxe de Nostián e sobre todo Lousame.

Tendo en conta que a incineradora de SOGAMA segue a consumir máis enerxía da que produce (xerou 459.867 Mw e consumiu 507.914 Mw en 2008) onde está pois o negocio? Pois nas cuotas cada vez máis caras que se cobran aos concellos polo transporte e "tratamento" (aínda que máis da metade do recollido vaia directamente a vertedoiro); nas consultorías e contratos de servizos paralelos coas empresas vencelladas a GN-Fenosa que ademáis cobra polo gas queimado para secar o lixo e pola electricidade que xenera a planta...

Para Estela Eólica o ruinoso "negocio" de montar unha incineradora complementariase co ingresado polos parques eólicos adxudicados (186 Mw). Mais esta previsión está en risco: as primas á electricidade eólica están á baixa, mesmo perigan para os parques con máis de 1500 h de vento ao ano, isto é, todos os galegos. Nesta tesitura, que bancos van conceder os cretos necesarios (1 millón de € por Mw) para unhas instalacións cuxa rendibilidade vai ser pasado mañán moito menor do que é hoxe? Se hoxe un parque eólico galego de 30Mw ingresa anualmente uns 1,5 millóns de € en primas, a partir de xaneiro de 2013 só serían 375.000 € cun tope de 12 anos e non os 20 actuais. De onde van saír pois os 230 millóns de € que Estela Eólica ten que poñer xa enriba da mesa para que en 2014 estea rematada a SOGAMA II, ... do IGAPE?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA