Adega
INICIO Últimas novas O TSXG rexeita 3 minicentrais no Deza froito da corrupción hidroeléctrica na era Fraga
O TSXG rexeita 3 minicentrais no Deza froito da corrupción hidroeléctrica na era Fraga PDF Imprimir Correo-e
Envia O TSXG rexeita 3 minicentrais no Deza froito da corrupción hidroeléctrica na era Fraga a FaceBookEnvia O TSXG rexeita 3 minicentrais no Deza froito da corrupción hidroeléctrica na era Fraga a Twitter
13 de setembro de 2011. O tribunal vén de desestimar o recurso de  "Energías del Deza, SL." contra a anulación de tres minicentrais neste río en plena Rede Natura. A empresa é propiedade de Luis Castro Valdivia (cuñado do ex-director xeral de Industria Ordás Badía) imputado pola Fiscalía na trama das minicentrais, e un dos principais beneficiarios da enxurrada de concesións hidroeléctricas feitas en 2005 polo governo Fraga en funcións. Estas instalacións foran anuladas polo bipartito por graves irregularidades nas declaracións de impacto ambiental asinadas polo governo do que Núñez Feijóo era vicepresidente. Agora o TSXG, ao desestimar o recurso da empresa como fixera coa piscifatoría de Rinlo, pon novamente en evidencia a corrupción e a chafallada administrativa de quen autorizou sen base legal ducias proxectos de alto impacto para beneficiar aos amigos. Sentenza_TSXG_ENCOROS_DEZA

ADEGA, que no seu momento apresentou alegacións (e recurso de alzada) contra estas e outras moitas minicentrais tramitadas de xeito "express" durante a era Fraga, quere transmitir os parabéns á veciñanza de Merza, que ao igual que a de Caldas e outras moitas poboacións, comprometéronse na loita contra as minicentrais adicando tempo e recursos a salvagardar os nosos ríos.

A sentenza deixa ben claro cal foi o proceder duns e doutros: mentres a Xunta aprobaba Declaracións de Impacto Ambiental fraudulentas para beneficiar aos amigos, veciños e ecoloxistas asumían a tarefa de defender co seu propio patrimonio a integridade dos espazos protexidos galegos.

O TSXG fundamenta, o rexeitamento do recurso de Energías del Deza S.L. en que a devandita DIA asinada polo governo Fraga:

-“(...) non inclúe un estudo de sinerxias onde se avalíen os efectos da instalación destes novos aproveitamentos en relación aos xa existentes, tal e como sinala no artigo 3.b) 1 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galiza, sendo esta cuestión dunha importancia indubidable neste procedemento por canto existen numerosas concesións outorgadas e en trámite no Sistema Fluvial Ulla-Deza (...)”

-“(...) Non contén tampouco a descripción dos métodos en orde a coñecer a repulsa ou aceptación social deste proxecto, contido esixido polo apartado 6 do artigo 3.c) do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galiza, (...)

-(...) Tampouco inclúe, tal e como alegan os recorrentes, o estudo comparado de situación ambiental actual e futura esixido no apartado 5 do artigo 3b) do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galiza. (...)”

-(...) a DIA emitida supedita a viabilidade dos aproveitamentos a que se acredite en estudos posteriores a non causación de impactos, entre eles o causado ao Sistema Fluvial Ulla-Deza, tratando de cubrir a través destes estudos as carencias e lagoas detectadas nos estudos ambientais, polo que, en definitiva, se está admitindo que se outorgue a concesión ser ter avaliado cal é a opoción máis conveniente dende o punto de vista ambiental, incluída a non realización dos proxectos.

-A irregularidade descrita acentúase aínda máis se se ten en conta que a DIA foi modificada o 9 de agosto de 2005 a solicitude do organismo autónomo Augas de Galicia [governo bipartito] aos efectos de substituir na realidade a avaliación de viabilidade ambiental dos aproveitamentos, xa irregularmente posposta ao trámite de aprobación do proxecto constructivo segundo se acaba de expoñer, á fase de previo inicio de obra, co que resulta que a decisión final do órgano ambiental realízase unha vez outorgada a concesión para o aproveitamento hidroeléctrico e unha vez autorizado o proxecto constructivo, circunstancia coa que se desvirtúa aínda máis o procedemento legalmente establecido (...)"

Son estes argumentos de peso, compartidos nas alegacións e recursos de alzada, recoñecidos pola Consellería de Medio Ambiente logo da chegada do bipartito e avalados agora polo TSXG, que deixan en evidencia as chafalladas, irregularidades e tratos de favor de Augas de Galicia e a dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental durante a administración Fraga.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA