Concentracion en defensa do Umia: auga para a vida e non para o negocio |
Este sábado 2 de outubro, ducias de persoas concentrámonos no muro do encoro do Umia, en Caldas, nun acto de desagravio en defensa do río e da veciñanza. A preocupante situación pola que atravesa o abastecemento de auga de Caldas debido á proliferación da alga Microcystis no vaso do encoro, é consecuencia do despropósito que supuxo esta obra. Todo un río sacrificado aos intereses privados pola prepotencia e soberbia duns políticos que hoxe, paradoxalmente, voltan a ter a responsabilidade de garantir a saúde ambiental e cidadá. No entanto, e coma daquela, seguen mentindo e prometendo custosas -e ineficaces- solucións "técnicas" para tapar a súa vergoñenta xestión. Esiximos respecto polas leis e dignidade para o Umia: ENCORO, DEMOLICIÓN!
Un verán máis, temos aquí unha auga de Caldas que non serve para beber; Un verán máis, temos aquí unha presa morta e un río, -augas abaixo desta presa-, que pouco a pouco vaise envelenando. Amigas e amigos, Á vista destes graves problemas do río; Á vista destes graves problemas da auga; Á vista desta grave contaminación que, un verán máis, ten obrigado ás nosas autoridades municipais a interromper o subministro de auga potable dende a captación de Segade para, como en veráns anteriores, a sermos abastecidos dende os depósitos da ETAP de Vilagarcía, convocámonos hoxe aquí, apesar das ameazas do tempo, -Non para imitar a carreira mediática do Conselleiro e demais autoridades da Xunta que esta semana estiveron de actividade recreativa por aquí para asegurarnos que a auga de Caldas é totalmente de fiar; -Nin tampouco nos convocamos para lucir ante os medios de comunicación e ante a opinión pública unha preocupación pola auga e polo río que nunca se demostrou ter. Convocámonos hoxe aquí, neste acto reivindicativo, para, antes de nada, chamar a atención das autoridades da Xunta de Galicia e das nosas autoridades municipais sobre a gravidade, -para a vida do río e para a saúde da xente-, desta contaminación por cianobacterias que, verán tras verán, prolifera de forma cada ano máis explosiva nas augas desta presa e que, dende aquí, está a ir, pouco a pouco, colonizando todo o río augas abaixo do encoro; Convocámonos hoxe aquí para chamar a atención da xente de Caldas (e de toda a que, augas abaixo, se abastece do río Umia) sobre os graves perigos para a saúde desta contaminación do río por cianobacterias e sobre a urxencia de esixir da Xunta de Galicia unha solución definitiva a estes problemas do río e da auga. porque é urxente chamar a atención de toda a poboación que se abastece do río Umia augas abaixo desta presa de que estamos ante un reiterado episodio de contaminación por cianobacterias que a Organización Mundial da Saúde considera altamente preocupante para a saúde humana e para a vida do río. Efectivamente, estamos ante unha contaminación por cianobacterias do xénero Microcystis que, como vedes, ten convertido a toda a lámina de auga desta presa nunha espesa capa mucilaxinosa de materia orgánica en descomposición e que, augas abaixo do encoro, é facilmente recoñecible pola cor verdosa da auga. Non é, porén, esta cor verde o máis preocupante desta contaminación: o mesmo para a saúde de todas e todos nós que para a saúde do río-, o máis preocupante non está tanto nesta elevada poboación de cianobacterias como na elevada e extremadamente grave toxicidade da cianotoxina, -coñecida co nome de microcistina-, que estas cianobacterias liberan ao morrer, pois trátase dunha toxina, perfectamente soluble, que inmediatamente se incorpora á corrente de auga, -agora xa sen cor verde-, sen que poda ser retida por ningún método de filtración nin tampouco totalmente destruída polos máis eficientes sistemas de oxidación usados na estacións de tratamento de auga potable. Os veciños e veciñas de Caldas, deben saber que estamos ante unha toxina, de graves efectos para a saúde humana, aínda recén descubertos, e da que é moito o que falta por estudar. Aínda así os informes da Organización Mundial da Saúde (OMS), incorporados á última edición da súa Guía de calidade da Auga Potable (non o dicen, pois, uns ecoloxistas radicais con ganas de meterse co encoro), teñen demostrado que a microcistina, -xa a doses extremadamente pequenas-, provoca importantes danos no fígado e sistema hepático en xeral; importantes problemas intestinais e aparato dixestivo e graves efectos neurotóxicos sobre o sistema nervioso central. Advirte así mesmo a OMS de que hai probas sobre o papel da microcistina como indutora ou desencadeante de procesos tumorales e de que, ademais, poden presentarse efectos acumulativos no organismo o que implica que non haxa para estas microcistinas unha dose mínima de seguridade. Esta intoxicación por inxestión é a máis coñecida e perigosa vía de intoxicación destas toxinas, pero están tamén documentadas outras vías de intoxicación: tanto por inhalación a través das vías respiratorias como por vía cutánea ao terse bañado en augas contaminadas. A todo o dito, a maiores desta toxicidade, hai aínda que engadir dous aspectos que son tamén motivo de preocupación para a Organización Mundial da Saúde: o primeiro refírese a que estas microcistinas non presentan unha sintomatoloxía específica, co cal é doado que moitos casos de intoxicación pasen totalmente desapercibidos; o segundo refírese á dificultade de detección, -por métodos analíticos rutinarios-de concentracións de microcistina por debaixo de 1 microgramo/L, co cal queda moi limitado o marxe de seguridade que, na práctica, se lle pode esixir á auga potable. Estamos, en resume, ante unha contaminación altamente preocupante para a nosa saúde e para a vida do río. Unha contaminación ademais que mesmo se agrava nas Estacións de tratamento de Auga Potable e que, como dixemos, resulta moi difícil de eliminar aínda cos máis esixentes métodos de depuración. En efecto, -En primeiro lugar é evidente que non hai tratamento de depuración capaz de funcionar adecuadamente con tan elevada carga de materia orgánica pois, -como ben saben as autoridades municipais-, os filtros acaban ben pronto por saturarse e hai que estar continuamente repoñéndoos; -Pero ademais, toda esta masa de cianobacterias retida nos filtros de depuración acaba ben pronto por morrer e por liberar, a continuación, toda a súa carga de microcistina á corrente de auga. E de aquí veñen outros problemas: -Dados os efectos acumulativos desta microcistina dos que nos fala a Organización Mundial da Saúde, hai que eliminar toda esta carga tóxica da corrente de auga e é doado de entender que, nin os máis eficientes sistemas oxidativos de depuración (nin cloro, nin ozono) podan funcionar adecuadamente con tal carga contaminante; -Pero aínda hai mais: non só ocorre que os sistemas oxidativos de depuración non dan degradado tal carga tóxica de microcistina, senón que desta degradación resultan a súa vez outros compostos non menos preocupantes polo seu alto poder canceríxeno: -Se se utiliza cloro ou hipoclorito como oxidante porque, coa materia orgánica, da lugar a todo tipo de cloroderivados, todos eles canceríxenos. (Deberan, pois, as autoridades municipais e veciños de Vilagarcia non sentirse demasiado tranquilos coa auga que toman dende o Umia); -Se se utiliza ozono, porque, no proceso de oxidación, se libera na corrente de auga o benceno ligado na molécula de microcistina, que é un composto de ben estudado e comprobado poder canceríxeno, de efectos acumulativos, para o cal, pois, non se poden dar doses mínimas de seguridade. SON, POIS, DEMASIADOS OS RISCOS DESTA CONTAMINACIÓN PARA A SAÚDE DA XENTE E MOITA A POBOACIÓN POTENCIALMENTE AFECTADA. Mais esta contaminación por cianobacterias non é só un preocupante problema para a calidade da auga potable; é tamén un gravísimo problema para a vida do río, en primeiro lugar, porque, -con independencia da toxicidade da microcistina-, a proliferación bacteriana priva de luz e de osíxeno á toda a columna de auga facendo inviable calquera outra forma de vida. Pero a maiores a presenza de microcistina na auga do río vai ter un efecto selectivo sobre o conxunto da fauna fluvial, -vertebrados ou invertebrados-, subsistindo só aquelas especies resistentes a ela co que vai ter lugar un efecto de bioconcentración e biomagnificación ao longo da cadea trófica que, tarde ou cedo, tamén acabará por chegar ata nós.
Amigas e amigos, -Ante este problema de contaminación que se repite ano tras ano; -Ante o grave risco que esta contaminación representa para a nosa saúde e para a saúde do río; -E, así mesmo, ante a perda de calquera oportunidade recreativa e de ocio no río e nas súas beiras; -E, por suposto, ante o encarecemento innecesario da factura da auga debido aos incrementos de custos na depuración, nas análises e no transporte de auga potable, é necesario concienciar á poboación de Caldas e a toda a que se abastece do Umia augas abaixo desta presa de que NADA HAI, AO RESPECTO, MÁIS URXENTE QUE ESIXIR DA XUNTA DE GALICIA UNHA SOLUCIÓN DEFINITIVA AOS PROBLEMAS DO RÍO E DA AUGA POTABLE. QUE SOLUCIÓN? PODEN SER, DENDE LOGO, MOITOS OS CAMIÑOS ….. UN….O DE SEGUIR, COMO NOS PROPUXO O CONSELLEIRO DE MEDIO AMBIENTE, NA INSENSATEZ DO NEGOCIO... Pensando en incrementar o negocio da auga, son moitas as solucións que cabe propoñer. No que á auga potable se refire, -Pode propoñerse buscar outra captación dende outras canles de auga ou dende outros mananciais: para así alimentar o negocio das obras de abastecemento e depuración; -Pode propoñerse, tamén, -con maior negocio aínda-, a construción dunha batería de depuradoras en serie, cos máis eficientes sistemas de depuración, nas que auga, pasando dunha depuradora a outra, acabe finalmente por ter unha aparencia máis saudable, e dicimos unha aparencia máis saudable, porque, nunca de malas uvas se fixo bo viño e é imposible asegurar unha completa depuración dunha auga con tal carga de toxicidade. Mais que facer co río? Para unha cabeza tan imaxinativa coma a que, na súa visita a Caldas, demostrou ter o Sr. Conselleiro, non resulta difícil propoñer alternativas. E nós querémolo axudar. Resolto o problema da auga potable, -Pode alguén pensar, por exemplo, en impedir a entrada de nutrientes na auga do encoro. Podería pensarse, por tanto, en prohibir a pouca agricultura que queda hoxe na cunca do Umia e en talar toda a vexetación de ribeira das beiras do río augas arriba do encoro, para acabar, -dado que se trata de cianobacterias tan austeras que mesmo pode metabolizar recursos do solo-, cimentando o vaso do encoro. -Tamén poderíase, -porque non?-, pensar en refrixerar a auga do encoro, impedindo así a proliferación bacteriana -Ou en cubrir toda a lámina de auga do encoro (actualmente xa morto) cunha lona opaca facendo imposible a función fotosintética e impedindo así eficazmente a supervivencia de todo tipo de cianobacterias. Pode haber, como vedes, moitas propostas. Mais, por suposto, todo financiado a conta dos veciños e veciñas da poboación de Caldas, por térselles ocorrido poñer a súa captación de abastecemento augas abaixo dun encoro que estaba xa previsto na natureza, cando menos, dende que os romanos tiveron a idea de recrear o seu corpo nos mananciais de “AQUAS CALDAS” que aquí temos. A OUTRA SOLUCIÓN? A DO SENTIDO COMÚN... - Se esta proliferación explosiva de cianobacterias ten a súa orixe e o seu hábitat idóneo na auga encorada desta presa de Baxe; - Se na auga que circula libremente non hai lugar a ningunha floración deste tipo, Quen non teña o seu sentido común atrofiado polas corruptelas e fraudes que conduciron a construción deste encoro non pode menos que propoñer a DEMOLICIÓN dunha presa que non só non ten servido nin nunca vai poder servir para ningún dos usos que se nos dicía con motivo da declaración de utilidade pública; que non só non aporta ningún dos beneficios con que se xustificou a declaración de impacto ambiental senón que ademais está a envelenar o río, a poñer en grave risco a saúde da xente e a impedir calque uso recreativo do río e das súas beiras. Para calquera sentido común, -É IMPRESCENDIBLE… Non podemos seguir consentindo na morte do río e no envelenamento de todas e todos nós. -É DE XUSTIZA… Ou é que acaso o negocio hidroeléctrico é de maior valor que a nosa saúde e a saúde do río? Ou é acaso xusto que, para non tocar ao negocio hidroeléctrico de Hidroeléctricas Cortizo, os veciños e veciñas de Caldas teñamos que pagar uns sobrecustos por un abastecemento de auga, que ademais non pode ofrecer garantías de salubridade? -É DE LEI: Así o mandan a Directiva Marco da auga que pon a prioridade na defensa da calidade das masas de auga e na recuperación dos ecosistemas fluviais. Así o manda a vixente Lei de Augas que da absoluta prioridade ao abastecemento público por riba de calquera outro uso. -E ADEMAIS É DE SENTIDO COMÚN… -Os que antes, dende o 1996 ao 2001, coa única finalidade de entregarlle un negocio hidroeléctrico aos amigos de Hidroeléctricas Cortizo, non tiveron reparos en inventar unha utilidade pública que non había e que nunca vai poder haber; -Os que antes non tiveron reparo en falsear todo o proceso de avaliación ambiental cun estudo de impactos para Puebla de Guzmán na cunca do Guadiana; -Os que entón non tiveron reparos en cometer todo tipo de irregularidades administrativas e mesmo desacato á autoridade xudicial, Teñen agora a oportunidade de rectificar e teñen nestes reiterados episodios de contaminación toda a lexitimación xurídica para facelo. Non hai excusas. Non pode haber excusas que fagan prevalecer o negocio hidroeléctrico por riba do abastecemento público e da saúde da xente e do río. e sería completamente ilexítimo que os veciños de caldas seguiramos a pagar uns sobrecustos de depuración por unha auga que sequera pode ofrecer garantías de salubridade. É tempo de rectificar. É tempo de que todos os veciños e veciñas de Caldas, empezando polo alcalde e a corporación municipal, empecemos a esixir de AUGAS DE GALICIA e das autoridades sanitarias da Xunta unha solución definitiva para os problemas da auga e do río. Agora que as choivas e o frío do inverno teñen por diante a complicada tarefa de recuperar a saúde da auga e do río, é tempo de que as autoridades da Xunta poñan da súa parte todos os esforzos e todos os medios para lograr que estes episodios de contaminación non se sigan repetindo verán tras verán E compre esixir que se faga con sentido común… con maior razón nestes tempos de crise… porque sería igualmente ilexítimo terse inventado unha lei de augas (actualmente en tramite parlamentar) pola que se nos obriga a todas e a todos a pagar un canon de saneamento para financiar obras de captación e outras infraestruturas de depuración mentras negocios coma os deste encoro poden seguir matando o río e poñendo en grave risco a saúde de todas e todos nós. Os que estamos aquí comprometémonos en non deixar de insistir ata logralo: -Porque é imprescindible, -Porque é de xustiza, -Porque é de lei, -E porque é de sentido común. Moitas grazas
En nome de ADEGA, en nome da Coordinadora antiencoro, en nome do Colectivo Ecoloxista do Salnés, en nome do río |