Adega
INICIO Últimas novas O encoro do Umia continúa matando a vida do río e poñendo en risco a saúde
O encoro do Umia continúa matando a vida do río e poñendo en risco a saúde PDF Imprimir Correo-e
Envia O encoro do Umia continúa matando a vida do río e poñendo en risco a saúde a FaceBookEnvia O encoro do Umia continúa matando a vida do río e poñendo en risco a saúde a Twitter

Preme para ampliar27 de setembro de 2010. Un verán máis o subministro de auga de Caldas vese alterado pola mala calidade das augas do Umia. As causas están no encoro de Caldas, que outra volta tense convertido, debido á proliferación explosiva de cianobacterias, nunha sopa verde, cheirenta e tóxica imposíbel de depurar nin coas máis esixentes técnicas. Dacordo cos estudos da USC e da propia OMS, un exceso de Microcystis na auga é extremadamente perigoso para a saúde porque estas malia a seren destruidas, liberan unha cianotoxina -a microcistina- de efectos acumulativos, que ataca ao fígado, pode provocar problemas intestinais e neurolóxicos e mesmo funcionar como indutora ou desencadeante de tumores. Por iso, agora máis ca nunca ADEGA volta a pedir a demolición do encoro, única medida efectiva para garantir a saúde da poboación e a do río.

Trátase, ademais, dunha contaminación que os sistemas de depuración non só non dan eliminado, senón que mesmo chegan a incrementar. En efecto, aínda que os filtros de carbono activado podan reter (con enormes dificultades) toda a poboación bacteriana quitándolle á auga a cor verdosa da clorofila, a morte das células da lugar á liberación das toxinas que ningún filtro é capaz de reter. Outro tanto ocorre cos sistemas de oxidación, xa sexan por cloro ou por ozono: esta oxidación conduce á morte celular e á consecuente liberación de microcistina, perfectamente soluble na auga e estes sistemas non son capaces de combater eficientemente.
Mais, esta contaminación do río pola proliferación das cianobacterias na auga do encoro, non só representa un perigo recoñecido e inaceptábel para o consumo humano. Ten matado xa toda outra forma de vida no encoro, que xa non é máis que unha charca cheirenta en descomposición, e está pouco a pouco a estenderse río abaixo como xa demostran as análises da propia Xunta, ameazando, en primeiro lugar, a toda a riqueza piscícola e demais fauna fluvial do río, e a todas as poboacións que como a de Portas ou Vilagarcía, teñen a súas captacións de auga abaixo da presa de Caldas.
Para ADEGA é de novo evidente que a construción do encoro de Caldas non ten producido ningún dos supostos beneficios que serviron para xustificar no seu día a declaración de utilidade pública:
-En canto ao abastecemento de auga potábel: non só é inexistente o proxecto de abastecer de auga ás poboacións de Caldas, Vilagarcía e de todo o Salnés, senón que xa dende o 2006, o encoro representa unha grave ameaza para toda a poboación que se abastece augas abaixo da presa.
-En canto aos usos recreativos: non só é inviable calquera aproveitamento recreativo da lámina de auga da presa, senón que está a impedir a pesca e o baño augas abaixo;
-En canto á posibilidade de rega: nen nunca houbo tal proxecto, nen pode consentirse ningunha suposta rega con tal nível de contaminación;
-Regulación das enchentas e diminución dos riscos de inundación: as enchentas do 2006 demostraron que nen sequera para isto é útil o encoro. Ben ao contrario, sen contar co perigo que representa unha presa asentada sobre unha zona de demostrada inestabilidade xeolóxica (como puxeron de manifesto informes da U. de Vigo), dende ADEGA estamos seguros que o encoro pode representar unha ameaza engadida no caso de avenidas como as que este verán aconteceron na Mariña de Lugo, e que o encoro teña que desembalsar por falta de capacidade.
Hoxe resulta obvio que para garantir a salubridade da auga e das poboacións que dela se abastecen, para conservar a saúde e a vida do río e os usos pesqueiros e recreativos, non hai outra opción que a da facer efectiva a DEMOLICIÓN do encoro que o Pleno de Caldas ten solicitado por unanimidade dende o 2007. Esta é a petición que ADEGA, xunto coa coordinadora antiencoro e veciños de Caldas, quere trasladarlle aos responsábeis da Xunta de Galiza. É o momento de rectificar as moitas irregularidades que, dende unha avaliación de impacto ambiental disparatada (estaba feita para un río de Huelva) e unha declaración de utilidade pública totalmente infundada e fraudulenta, conduciron á construción do encoro de Caldas. É o momento de facer prevalecer a saúde da poboación e a do río por riba do negocio hidroeléctrico. Non pode haber escusas, ou é que acaso a saúde da xente de Caldas e a vida do río valen menos que un negocio privado do Sr. Cortizo?

AUGA PARA A VIDA E NON PARA O NEGOCIO !

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA