Paripé da Xunta con Corcoesto: Pide a Edgewater garantías económicas e técnicas mais dos impactos nin chío |
10 de xullo de 2013. O recente anuncio da "paralisación" da tramitación da mina de Corcoesto, lonxe de significar unha volta atrás nos planos Xunta de entregar o país ás mineiras (o PSAEG segue en marcha, con máis "Corcoestos" dentro) evidencia a mesquindade dunha administración que pide máis "garantías económicas" a Edgewater mentres obvia os riscos ambientais e de saúde dun proxecto delirante. En ADEGA queremos advertir fronte a este anuncio da Xunta, acurralada pola presión social e as evidencias científicas dunha desfeita anunciada. En realidad, só lle pedíu a Edgewater que puxera máis cartos e apresentara máis papeis, algo que despois de ter aprobado unha vergoñenta declaración de impacto, non supón máis que un pequeno trámite para empresa. Se a Xunta fora imparcial neste asunto, tería anulado a DIA, documento chave para aprobar o proxecto, hai xa semanas. E por certo: Qué foi das ducias de proxectos mineiros neo-coloniais que nestes intres estanse a tramitar por todo o país e que evidencian "carencias" similares ao de Corcoesto? Resulta lamentábel que fronte ás cada vez maiores evidencias de que o proxecto mineiro de Corcoesto vai supoñer un inasumíbel impacto para o medio e a saúde e unha inmensa hipoteca ambiental e económica para moitas comarcas, a Xunta obvie estes riscos e se limite a "pedir máis papeis" a Edgewater. Que hai da DIA fraudulenta que bendice o uso do cianuro, despreza a contaminación arsénico, obvia os riscos sísmicos, cataloga incorrectamente os refugallos, minimiza as afeccións ao patrimonio natural e aos sectores produtivos... Por que a Xunta non anulou sen máis a fraudulenta DIA e pedíu a Edgewater unha nova avaliación ambiental? Na súa nota, a Xunta pídelle á empresa un "compromiso firme" de financiamento e máis "capacidade técnica" mais, que hai da obriga de subscribir un seguro contra os danos causados o peor accidente posíbel, habida conta das enormes cantidades de velenos que manexa o proxecto? Nada, só un silenzo cómplice. Para ADEGA esta manobra de "paralisación temporal" decretada pola Xunta responde á presión social e ás cada vez máis numerosas evidencias científicas que poñen de relevo as omisións e miserias dun proxecto que a Xunta xa tiña declarado in péctore como industrial estratéxico, como revelou a documentación do Plano da MInaría (PSAEG) que por certo, segue o seu curso. E que hai das ducias de proxectos que en diversas fases, ameazan co mesmo modelo de minaría insustentábel de Corcoesto a moitas comarcas do país, e aos que a Xunta do PP abriulles as portas coa consigna de "Galicia é unha mina"? Que hai do PSAEG, a ferramenta coa que Feijóo quere laminar os trámites e as garantías ambientais e legais que protexen o territorio? Dende ADEGA non imos esquecer as ameazas que aínda pairan sobre O Galiñeiro, Castrelo de Miño, Xinzo, Cartelle, A Terra Chá, O Iribio, Santa Comba, Zas, Pinzás, A Penouta... E facemos esta reflexión: Mentres o actual marco normativo non peche a porta á megaminaría contaminante nen estableza garantías para salvagardar ao ambiente, a saúde e os sectores produtivos fronte a un modelo mineiro neocolonial e depredador, ningún lugar estará a salvo doutro Corcoesto. |