Este San Xoán, celebra o Lume Novo sen queimar o ambiente! |
21 de xuño de 2013. Coa chegada do solsticio de verán (e agardemos que tamén o bo tempo) toda Galiza disponse a celebrar a antiga festa do Lume Novo, da purificación e a fertilidade, cristianizada como o San Xoán. Milleiros de cacharelas arderán por todo o país, nunha festa de lume, música, sardiñas, queimada... E por suposto, milleiros de toneladas de lixo. Dende ADEGA facemos un chamado para que estas festas de San Xoán sexan máis ecolóxicas, a evitarmos o risco de lumes e outras desfeitas en espazos de alto valor natural, e a que praias e carballeiras non rematen estradas de todo tipo de refugallos. Este Lume Novo, non queimes o teu ambiente!
Alén de instar á veciñanza, comisións de festas e concellos para que teñan previsto medidas de seguridade ambiental e cidadá nas cacharelas, coidando que a súa ubicación non xere riscos para as persoas e impactos no medio, non é menos importante ter en conta a enorme cantidade de refugallos que se produce esta noite, que con frecuencia rematan cubrindo praias, campos da festa e rúas. Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión.
Eis algún consellos para facer desta festa unha celebración máis ecolóxica: -Acotar os espazos das celebracións é importante sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais. Evitaremos riscos de lumes, danos á fauna e flora sensíbel, ao patrimonio, e accidentes ás persoas. -É importante ter previsto e sinalizado as zonas de aparcamento e contar con servizos hixiénicos, e se é posíbel un posto de información permanentemente atendido. Un bo consello que pode evitar problemas á hora de voltar é achegarse andando ou en bici á cacharela máis próxima á túa casa, sen esquecer levar o chaleque reflectante. -Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. Mais tede en conta que mesmo nunha praia urbana, por moi humanizada que pareza, pode albergar unha rica biodiversidade, mesmo especies ameazadas ou en periodo de cría, como a píllara das dunas. -Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsábel de velar polo bo desenvolvemento da festa e con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen: Queimaduras, pequenos lumes, caídas, intoxicacións... -Para reducir o volume de refugallos xerados polos consumidores e os postos da festa, unha boa medida é usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornábeis, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza. Logo, ao retornalos, seralles devolta a fianza se non queren ficar con eles. Tentaremos evitar, na medida do posíbel, o uso de vaixelas de usar e tirar, e de ter que facelo, que sexan preferibelmente de papel/cartón e non de plástico. -Debería haber suficientes contentores para a recollida selectiva dos refugallos, cando menos de orgánico, papel-cartón, vidro e envases lixeiros, e a recollida dos materiais da festa e dos contentores debería facerse logo de rematada esta. Os refugallos estrados en carballeiras e praias durante días ou o lixo acumulado nos contentores sen recoller, degradan moitas paisaxes singulares e contaminan o ambiente. Finalmente e non menos importante, non esquezades desfrutar do Lume Novo, do verán, da festa e do ambiente... E escorrentar os meigallos saltando as cacharelas ou tomando as nove ondas!
|