Adega
INICIO Organización Estatutos de ADEGA
Estatutos de ADEGA
Envia Estatutos de ADEGA a FaceBookEnvia Estatutos de ADEGA a Twitter
As principais normas que rexen ADEGA:

ASOCIACIÓN PARA A DEFENSA ECOLÓXICA DE GALIZA, (ADEGA)

ESTATUTOS

 

TITULO I

DENOMINACIONS E FINS

Artigo 1.  Esta Asociación é unha entidade sen ánimo de lucro que se rexerá polos presentes Estatutos e pola Lei orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do Dereito de Asociacións e pola demais lexislación existente en materia de Asociacións que lle sexa aplicábel.

Denomínase ASOCIACION PARA A DEFENSA ECOLOXICA DE GALIZA. A súa sigla será ADEGA. Esta Asociación asume o galego como idioma oficial da mesma. O símbolo desta Asociación está composto por un conxunto, que representa a auga, un peixe e unha árbore e a sigla ADEGA.

Artigo 2.  Esta Asociación promoverá e fomentará o estudo e defensa do equilibrio ecolóxico de Galiza, tanto na súa fauna e a súa flora como no ambiente que a sustenta.

Asimesmo, e como esixencia inmediata da ecoloxía humana e, polo tanto, da saúde e benestar do home e da muller galegos, esta Asociación velará porque en Galiza se aseguren as condicións idóneas, obxectivas e ambientais para o desenvolvimento integral da poboación.

A defensa do patrimonio e a cultura galegas, como expresión da interacción secular entre o territorio e os seus habitantes, será tamén obxecto de defensa e promoción por parte desta Asociación.

Esta Asociación, ademais, preocupada polos riscos da militarización da sociedade e do territorio, propiciará o estudo e a concienciación da poboación perante as ameazas á Paz Mundial e as consecuencias da carreira de armamentos.

ADEGA tamén poderá promover actuacións en países menos desenvolvidos ou que posúan partes da súa sociedade con situación de necesidade e desestruturación. Neste ámbito promoverase un desenvolvemento autosostible, respectando o medio e a biodiversidade. Para iso tentarase mobilizar os seus propios recursos, promovendo deste xeito un desenvolvemento non dependente, que se apoiará na participación e educación das comunidades do lugar.

Como Asociación sen ánimo de lucro destinarase aos devanditos fins polo menos o setenta por cento das rendas netas e outros ingresos que se obteñan por calquera concepto exceptuándose as contribucións efectuadas en concepto de dotación patrimonial. Os asociados e familiares non serán os destinatarios das actividades realizadas pola Asociación.

Artigo 3.  Esta Asociación áchase facultada para entablar toda clase de accións legais que teñan relación cos seus fins. Procurará a colaboración con todas as entidades e institucións de carácter público ou privado, tanto galegas como estatais, incluíndo tamén na súa esfera de participación aos organismos internacionais constituídos con idénticos ou semellantes fins.

Artigo 4.  Compréndense igualmente que dentro dos obxectivos propios da Asociación está a realización de estudos científicos, traballos de campo e de industrias e inventarios ecolóxicos, contando a tal fin co asesoramento e contratación de persoal preciso para tais fins.

A Asociación poderá organizar tamén cursos e participar en actividades de formación do profesorado, parados/as, e colectivos con diferenzas funcionais físicas e psicolóxicas, así como sectores con risco de exclusión social.

A Asociación desenvolverá tamén actividades relacionadas coa Educación Ambiental formal e non formal, con especial atención á mocidade e parados/as como poboación obxectivo.

Poderá, asimesmo, a Asociación celebrar conferencias, proxeccións cinematográficas, excursións, certames e concursos relacionados co cumprimento dos seus fins. En tal sentido, poderá editar e publicar boletíns, folletos informativos ou traballos científicos na forma que libremente se acorde dentro dos límites legais e regulamentarios.

 

TITULO II

DIRECCION E AMBITO TERRITORIAL

Artigo 5.  O enderezo social é Santiago de Compostela, Travesa dos Basquiños 9, baixo, Código Postal 15704. O enderezo do sitio web é www.adega.gal.

Son, asimesmo, enderezos sociais da Asociación os das distintas Delegacións locais unha vez recoñecidos pola Xunta Directiva ou pola Asemblea Xeral.

Artigo 6.  O ámbito de acción previsto esténdese a toda Galiza. A Xunta Directiva fica facultada para acordar a apertura de locais ou delegacións en calquer lugar dentro de Galiza.

Asemade, contémplase a posibilidade de pertencer a esta Asociación estando fóra de Galiza e organizándose do mesmo xeito que a nivel local (Delegacións), e a súa finalidade primordial será as relacións internacionais e manter contactos con outras organizacións de defensa ecolóxica similares en Europa e dar a coñecer a nosa actuación no estranxeiro.

Artigo 7.  Poderán constituírse Delegacións locais en calquera punto do territorio galego sempre e cando se acorde tal cousa por cinco persoas que se comprometan a defender e estender os obxectivos e fins que persigue ADEGA.

Dita constitución farase legalmente por acta asinada por todos e cada unha/un das/os membros, que elixirán unha Directiva mínima de Presidencia, Secretaría Xeral e Tesouraría, notificando os nomeamentos á Xunta Directiva a nivel galego para o seu coñecemento.

Artigo 8.  As Delegacións locais levarán os seus propios libros de actas, asociadas/os e contabilidade, sen prexuízo dos que leva a Xunta Directiva a nivel galego. Os acordos adoptaranse de conformidade co establecido ao efecto nos presentes Estatutos e os cargos terán semellante duración, de modo que se convoquen as eleccións cadrando coas correspondentes da Xunta Directiva a nivel de Galiza.

Artigo 9.  Para sufragaren os seus gastos, as Delegacións locais disporán da metade da cuota que ingrese a Asociación polas/os socias/os da respectiva localidade, unha vez descontada a parte que a Asemblea Xeral asigne á Revista promovida pola Asociación. Estes ingresos serán transferidos anualmente á conta local pola Tesourería de ADEGA a nivel galego. As Xuntas Directiva Locais renderán contas a tal efeito nas súas Asembleas Locais e na Asemblea Xeral, prevista no Capítulo I dos presentes Estatutos.

Artigo 10.  As Delegacións locais, que se rexerán polos presentes Estatutos na medida en que lle sexan aplicábeis, obríganse a ter asesoramento técnico e científico para emitir calquera dictame sobre problemas do medio e poderán levar a termo aqueles estudos e actividades que sexan necesarios e procedentes en relación aos fins que persegue ADEGA.

Artigo 11.  As Delegacións locais terán faculdades para propor á Xunta Directiva a nivel galego o relativo á condición das/os asociadas/os, solicitar a apertura de expedientes en caso de incumprimento, etc..., de acordo co estabelecido nos presentes Estatutos no Título IV, podendo enviar representantes á Asemblea Xeral con votos delegados e por escrito, a fin de facer as suxestións precisas.

Artigo 12.  Calquera dúbida relativa ao funcionamento das Delegacións será resolta pola Xunta Directiva a nivel galego, así como cantos problemas se poidan derivar da interpretación dos presentes Estatutos, da competencia das Delegacións no seu ámbito de influencia e das súas faculdades.

Artigo 13.  A duración da Asociación é ilimitada e só se disolverá conforme a estes Estatutos, pola vontade dos/as asociados/as expresada en Asemblea Xeral extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

 

TITULO III

ÓRGANOS DIRECTIVOS

Artigo 14.  Os órganos de goberno da Asociación compóñense da Asemblea Xeral, da Xunta Directiva e da Comisión Permanente. A Asemblea Xeral é o supremo órgano de goberno da Asociación e integránna todas as socias numerarias e os socios numerarios. Terá faculdades decisorias en asuntos de trascendencia social e económica ou naqueles que pola sua importancia merezan ser tratados en Asemblea Xeral

En ningún caso estes órganos de goberno poderán tomar acordos de carácter científico ou técnico sen escoitar previamente o ditame que emita ao respeito calquera das secretarías correspondentes e ás que se refire o artigo XV.

Artigo 15.  A Xunta Directiva estructurará, determinará e porá en funcionamento as secretarías, seccións ou comisións de traballo (de información, divulgación científica, técnica, xurídica, financeira ou calquera outra) que crea necesarias ao cumprimento dos fins da Asociación, designando ás/aos responsábeis das mesmas, debendo dar conta de todo isto á Asemblea Xeral.

Artigo 16.  Estructurarase e poñerase en funcionamento para os traballos de confección e edición da Revista promovida pola Asociación un Consello de Redacción, que poderá nomear un Director/ra, un Xefe/a de Redacción, un Responsábel de Publicidade ou de calquera outra área técnica que se considere, e no que poderán participar socias/os e simpatizantes. O Consello de Redacción é un órgano vinculado á Xunta Directiva, pero que poderá actuar con autonomía no seu cometido específico, dando conta da súa actividade anualmente á Asemblea Xeral.


CAPITULO I

DA ASEMBLEA XERAL

Artigo 17.  Dentro do segundo semestre de cada ano a Xunta Directiva áchase obrigada a convocar a Asemblea Xeral ordinaria de todas/os as/os asociadas/os na que presentará para a súa aprobación a memoria anual da súa actuación, as contas e orzamentos anuais e o programa de traballo para o novo exercicio. Estas asembleas serán convocadas con quince días de antelación, por medio da oportuna circular ou outro medio de comunicación

En primeira convocatoria, os acordos serán válidos se os adoptan máis da metade dos membros da Asociación. En segunda convocatoria, media hora despois, os acordos adoptados terán validez, calquera que sexa o número de asociadas/os asistentes.

Artigo 18.  Poderanse, ademais, celebrar Asembleas Extraordinarias, cando o estime procedente a Directiva, se o asunto a tratar o require ou o solicitan por escrito un mínimo do 15% das/os asociadas/os expresando o obxecto da convocatoria.

Artigo 19.  Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos. As votacións poderán ser públicas ou secretas.

Requerirán maioría cualificada, que resultará cando os votos afirmativos representen os 2/3 do total, os acordos relativos a disolución da asociación, modificación dos Estatutos, disposición ou enaxenación de bens e remuneración dos membros do órgano de representación.

O voto poderá delegarse noutras/os asociadas/os, aínda que só con carácter expreso e para cada reunión.


CAPITULO II

DA XUNTA DIRECTIVA XERAL

Artigo 20.  Os cargos da Xunta Directiva Xeral serán elixidos en Asemblea Xeral ordinaria e renovados cada dous anos. Poderán ser reelixidos. Cando por demisión, auséncia, baixa ou outra causa se producisen na Xunta Directiva máis de cinco vacantes, no prazo de trinta dias convocarase a Asemblea Xeral Extraordinaria para cubrilas.

Artigo 21.  A Xunta Directiva integránna os seguintes cargos: Presidencia, Vice-Presidencia, Secretaría Xeral, Vice Secretaría Xeral, Tesouraría e as Vocalías.

Os membros da Xunta Directiva serán cargos gratuítos sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados. En todo caso, por acordo tomado en Asemblea Xeral, por maioría cualificada, poderá determinarse o carácter remunerado dalgún deles, cando as circunstancias así o esixan.

Artigo 22.  A Xunta Directiva reunirase cando o estime a Presidencia ou o soliciten máis de tres das/dos membros. Para a adopción de acordos acharanse presentes máis de 1/3 das/dos componentes e as decisións tomaranse por maioría das/dos presentes na reunión.

Artigo 23.  Unha vez coberto o mandato estabelecido no artigo XX dos presentes Estatutos para os cargos da Xunta Directiva, renovarase un máximo do 75 % dos mesmos.

Artigo 24.  Con carácter xeral, son faculdades da Xunta Directiva:

a) Entender e ditaminar en asuntos concernentes ao seu réxime interno.

b) Convocar Asembleas Xerais ordinarias e extraordinarias.

c) Executar os acordos das mesmas.

d) Decidir o exercicio das accións legais previstas no Artigo III.

e) Realizar contratos de adquisición de bens móbeis e imóbeis, asi como dispor dos fundos depositados en conta corrente.

f) Admitir ou rexeitar as solicitudes que formulen quen desexen ser socias/socios numerarias/numerarios ou protectoras/ protectores.

g) A apertura de procedementos de investigación e sanción de posíbeis incumprimentos dos presentes estatutos

Artigo 25.- Ten dereito a presentarse como candidato/a aos cargos da Xunta Directiva Xeral calquera socio/a ao corrente no pagamento das súas cotas.

Artigo 26.- A elección realizarase cada dous anos en Asemblea Xeral ordinaria, ou en Asemblea Xeral extraordinaria cando as circunstancias o esixan (moción de censura ou retirada de máis de 4 membros da Comisión Permanente).

Artigo 27.- Elixiranse de forma separada a Comisión permanente e as Vocalías sectoriais da Xunta Directiva Xeral.

As candidaturas para a Comisión Permanente estarán compostas por 8 membros e nelas deberán indicarse os cargos aos que optaría cada candidato/a. Poderán designarse suplentes sen especificación de cargo.

As Vocalías sectoriais elixiranse de forma aberta.

Artigo 28.- As candidaturas deberán presentarse diante da Comisión Permanente cun mínimo de 7 días naturais antes da data da asemblea. A Secretaría Xeral certificará a situación administrativa como socio/a dos/as candidatos/as.

Artigo 29.- Os/as candidatos terán dereito a enviar unha comunicación dun máximo de 4 páxinas aos membros da Asociación informando da súa candidatura e expoñendo o seu programa. A comunicación será enviada pola Secretaría Técnica da Asociación. Os custos do envío correrán a cargo da Asociación. As candidaturas terán acceso ao listado de socios e socias cos seus datos de contacto, previa sinatura dunha carta das persoas que a encabecen na que se comprometan a facer unha utilización dos datos limitada ao proceso electoral.

Artigo 30.- Após a constitución da Asemblea Xeral procederase á selección da Mesa Electoral.

Estará formada polo/a socio/a de maior idade e polo/a de menor idade (maiores de 18 anos), dos que un actuará como Secretario da Mesa e que non poderán concorrer a cargo algún nese proceso electoral. Asemade, formara parte da mesa electoral un membro de cada candidatura.

Artigo 31.- Serán funcións da Mesa Electoral:

-Moderar a presentación oral das candidaturas. Cada candidatura terá dereito a expor o seu programa. Á exposición dos programas dedicarase un tempo máximo dunha hora que se distribuirá entre as candidaturas de forma proporcional.

- Guiar o procedemento electoral, realizar o reconto e levantar acta do procedemento, que será incorporada á acta da Asemblea Xeral

Artigo 32.- As votacións serán secretas e mediante papeletas que facilitará a Mesa Electoral

Artigo 33.- No caso de concorreren varias candidaturas para a Comisión Permanente, da máis votada elixiranse o/a presidente/a, o/a secretario/a xeral, o/a vicesecretario/a xeral e o tesoureiro/a. Do resto das candidaturas incorporarase un membro á Comisión Permanente, comezando pola persoa que encabece a candidatura, por cada 15% de votos obtidos.

Artigo 34.- A Comisión Permanente estará formada polo/a Presidente/a, a Vicepresidente/a, a/o Secretario/a Xeral, o/a Vicesecretario/a Xeral, o/a Tesoureiro/a e mínimo de 3 de Vocais, todos eles membros da Xunta Directiva. Todos os seus membros serán elixidos simultaneamente coa Xunta Directiva pola Asemblea Xeral por un período de dous anos.

Artigo 35.- Con carácter xeral, son faculdades da Comisión Permanente:

a) Executar os acordos da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva.

b) Entender e ditaminar en asuntos relativos ao goberno ordinario da Asociación, dando conta á Xunta Directiva de cantas accións teña emprendido.

c) Realizar contratos de adquisición de bens móbeis e imóbeis, asi como dispor dos fondos depositados en conta corrente, cando a súa cuantía sexa inferior ao 5% do orzamento anual da asociación.

d) Acordar e presentar proxectos así como solicitudes de financiamento para os mesmos perante as convocatorias cando o considere oportuno.

Artigo 36.  Corresponde á Presidencia:

Primeiro.Presidir as Asembleas Xerais e as Xuntas Directivas, así como as reunións da Comisión Permanente, e a faculdade de convocalas, autorizando coa sua sinatura, en unión da Secretaría, as actas e acordos que se tomen, comunicacións e correspondencia.

Segundo.Exercer a superior inspección e observancia dos presentes Estatutos e resolver as dificuldades urxentes e imprevistas que poidan xurdir, informando á Directiva.

Terceiro.Ser portavoz e ostentar a lexítima representación da Asociación en cantos casos oficiais, extraoficiais ou xudiciais sexa preciso.

Cuarto.Decidir co seu voto de calidade, en caso de empate, todo debate en Asemblea Xeral ou Xunta Directiva, sempre que as votacións non se refiran ao nomeamento de cargos.

A Presidencia será substituída pola Vice Presidencia no exercicio do seu cargo nos casos de ausencia, enfermidade ou renuncia.

Artigo 37.  Corresponde á Secretaría Xeral:

Primeiro.Dar conta nas Asembleas Xerais e Xuntas Directivas de todos os temas a tratar no día, comezando pola acta anterior para a sua aprobación, consignando os acordos coa sua sinatura no libro correspondente. Expedir certificacións de actas e de acordos tomados polos órganos de goberno e representación da asociación co visto e prace do presidente. Estender títulos, ofícios, comunicacións e convocatorias da Asemblea Xeral e da Xunta Directiva e despachar correspondencia.

Segundo.Levar o libro rexisto e o ficheiro das/dos membros en activo da Asociación, asi como das/dos que foran dadas/os de baixa.

Terceiro.Redactar a Memoria Anual que a Xunta Directiva presentará á aprobación da Asemblea Xeral.

Cuarto.Ser portavoz e ostentar a lexítima representación da Asociación en cantos casos oficiais, extraoficiais ou xudiciais sexa preciso.

A Vice Secretaría complementará o labor da Secretaría na forma que se determine, substituíndoa en caso de enfermidade, ausencia ou renuncia.

Artigo 38.- O/A Secretario/a Executivo/a de ADEGA será unha persoa contratada, nomeada e, no seu caso, cesada, pola Xunta Directiva Xeral, a proposta da Comisión Permanente.

Artigo 39.- Corresponde ao Secretario/a Executivo/a:

Primeiro. Coordenar o traballo da Comisión Permanente, da que formará parte sen dereito a voto, realizando as tarefas que lle asigne a Comisión Permanente en cada momento de acordo coas necesidades da Asociación.

Segundo. Asistir ao/á Presidente e ao/á Secretario/a Xeral nas súas funcións de dirección da Asociación.

Artigo 40.  As funcións da Tesouraría son:

Primeiro.Recibir todas as cantidades que por calquera concepto pertenzan aos fondos da sociedade, efectuando os pagos correspondentes. Levará un Libro de Caixa, onde sentará os libramentos que expida visados pola Presidencia, sen cuxos requisitos será responsábel do que pague.

Segundo.Presentar con periodicidade ou a petición da Directiva un estado dos ingresos e gastos, alén do estado actual que figurará na memoria para a súa aprobación. Asinará, ademais, os recibos das/dos asociadas/os.

Artigo 41.  As Vocalías desempeñarán aquelas funcións específicas que lles sexan encomendadas.

As secretarías, comisións de traballo ou seccións estarán integradas e dirixidas por unha directora ou un director e as/os especialistas que sexan necesarias/os para o desenvolvemento da Asociación.

 

TITULO IV

DAS/DOS ASOCIADAS/OS

Artigo 42.  As socias e os socios, persoas físicas ou xurídicas con plena capacidade de obraren, poderán ser numerarias/os, protectoras/es e honorarias/os.

Primeiro.Adquirirán a condición de socias/os numerarias/os cantas persoas o desexen e soliciten por escrito e ratifique a Asemblea Xeral, declarando a súa identidade e dando a súa conformidade aos principios sustentados por ADEGA. Como primeiro punto da orde do día, cada Asemblea Xeral ratificará a condición de socios/as de todas as persoas que o teñan solicitado con anterioridade á data de convocatoria da Asemblea, podendo denegar a condición de socio/a a calquera persoa que na súa actuación contradiga os principios sustentados por ADEGA. Na mesma reunión da Xunta Directiva na que se convoque a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva estabelecerá os listados de socias/os numerarias/os e o listado de novas e novos solicitantes a ratificar pola Asemblea Xeral. Este listado estará a disposición de todas/os as/os asociadas/os na sede nacional da Asociación.

A participación das/os socias/os numerarias/os consiste no seu dereito de asistencia ás actividades da Asociación, ás Asembleas Xerais con expresión do seu voto e ofrecendo ou denunciando cuestións en relación cos fins da Asociación. Son electoras/es e elixíbeis para todos os cargos da Asociación. Teñen dereito a ser informados acerca da composición dos órganos de goberno e representación da Asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.

As/os socias/os numerarias/os cotizarán unha cuota trimestral ou anual, na contía que estipule para cada momento a Xunta Directiva e ratifique a Asemblea Xeral, e que poderá ser diferente para as persoas físicas ou xurídicas. Cumprirán os acordos da Asemblea Xeral e o contido dos Estatutos.

Segundo. A Xunta Directiva poderá designar socias/os protectoras/es sen solicitude escrita de estas/es e salvo os precisos dados de nome, apelidos e enderezo. Terán dereito a participaren en todos os actos da Asociación ao igual que as/os socias/os numerarias/os, coa excepción das Asembleas Xerais. Non serán, polo tanto, electoras/es nin elixíbeis.

As/os socias/os protectoras/es cotizarán unha cuota anual, na contía que estipule para cada momento a Xunta Directiva e ratifique a Asemblea Xeral.

Terceiro.A Xunta Directiva poderá nomear as/os socias/os honorarias/os que estime conveniente, sempre que as persoas ou colectividades nas que recaia tal nomeamento acrediten méritos suficientes para isto. Terán os mesmos direitos e deberes das/os socias/socios protectoras/protectores, se ben nos actos públicos da Asociación se lles outorgará lugar preferente. Cando os socios/as honorarios/as sexan ademais socios/as numerarios/as, manterán todos os dereitos correspondentes a estes últimos.

Cuarto. As/os subscritoras/es á Revista promovida pola Asociación que non sexan socias/os de ADEGA abonarán unha cuota anual pola cuantía que estipule o Consello de Redacción e ratifique a Xunta Directiva. Todos os socios e socias de ADEGA terán dereito a recibir a Revista promovida pola Asociación sen necesidade de abonar cuantía adicional algunha. O Consello de Redacción proporá á Xunta Directiva a cantidade ou fracción da cuota de socia/o que se destinará a sufragar os gastos de edición da Revista

Quinto. As Delegacións locais poderán ter socias/os xuvenís exclusivos das mesmas, sempre menores de 18 anos e contando co permiso ou consentimento dos seus pais ou titores, e que terán voz pero non voto na Asemblea Xeral de ADEGA. Recibirán un carnet coa denominación que se estime oportuna. As Delegacións locais estabelecerán un rexistro e numeración propia para estas/es socias/os xuvenís locais, que se rexerán polos regulamentos que aproben en cada caso as Asembleas Locais. Cumpridos os 18 anos, as/os socias/os xuvenís locais perderán a condición de tal, podendo solicitar seren socias/os numerarias/os de ADEGA. As Delegacións locais informarán de todo o relativo a este apartado quinto á Xunta Directiva.

Artigo 43.  Cando, a xuízo de calquera asociada/o, unha/un ou varias/os delas/deles, sexan numerarias/os, protectoras/es ou honorarias/os, incumpra a letra e o espírito dos presentes Estatutos, formaraselles expediente individual no que terá audiencia a/o socia/o interesada/o, decidindo en cada caso a Xunta Directiva por maioría dos dous tercios das/os súas/seus membros/as presentes a procedencia da perda da condición de socia/o. A/o socia/o interesada/o poderá presentar recurso por escrito contra a resolución da Xunta Directiva. A Xunta Directiva incluirá nun punto específico da orde do día da próxima Asemblea Xeral todos os recursos que se presenten con anterioridade á convocatória da Asemblea Xeral para que as/os asociadas/os refrenden ou non o acordo da Directiva polo que se determina a expulsión da/o asociada/o. Para esta decisión bastará o voto da maioría das/dos asociadas/os presentes na Axemblea Xeral.

 

TITULO V

PATRIMONIO SOCIAL E RECURSOS ECONOMICOS

Artigo 44.  O patrimonio fundacional da Asociación valórase en 1.800 euros.

Os fondos que para os seus fins recadará a Asociación procederán de:

a) Cuotas trimestrais ou anuais e de entrada, estabelecidas pola Xunta Directiva con carácter xeral.

b) Todo tipo de doazóns materiais ou económicas provenientes de entidades públicas, privadas ou persoas físicas.

c) De subvencións e de calquera outra clase de ingresos.

d) As Delegacións e ou socias/os que, actuando en nome da Asociación, participen en actos públicos ou privados e/ou promovan actividades remuneradas aportarán, segundo as cantidades percibidas, un mínimo do 10% á conta nacional da Asociación. A Xunta Directiva regulará en máis detalle este asunto para cada tipo de actividade, dentro do aquí estabelecido.

Artigo 45.  O orzamento da asociación será o que se determine a principios de cada ano pola Asemblea Xeral.

Artigo 46.- A asociación funcionará en réxime de orzamento anual. Anualmente con referencia ao último día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria que será posta a disposición dos asociados/as e que a Asemblea Xeral aprobará ou censurará. A Asemblea Xeral ordinaria aprobará o orzamento anual.

Artigo 47.- Para a disposición de fondos das entidades bancarias onde a Asociación teña depositados os mesmos, terán recoñecidas as sinaturas na entidade bancaria correspondente o/a Presidente e o/a Tesoureiro, para a utilización conxunta deles. Isto tamén se aplicará no caso das contas propias das Delegacións.

Artigo 48.- Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola Asociación.

 

TÍTULO VI

DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 49.- O Regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nos presentes Estatutos, non podendo ir en ningún caso en contra do estipulado nos mesmos. En todo caso o funcionamento interno da Asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

 

TITULO VII

DA MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCION DA ASOCIACIÓN

Artigo 50.- Os presentes Estatutos poderán ser modificados a proposta da Xunta Directiva ou ¼ dos socios/as en Asemblea Xeral Extraordinaria. Para ser aprobada a reforma dos Estatutos será necesario o voto favorábel dos 2/3 dos membros da Asemblea Xeral de socios/as.

Artigo 51.  A disolución da Asociación só compete á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada ao efecto e o acordo da disolución haberá de se tomar polos dous tercios das/os asistentes. A teor do decidido nesa Asemblea, a Xunta Directiva tomará as medidas precisas para levar a efecto a tal disolución. Os fondos achegados que restan serán transferidos a outras entidades que persigan idénticos fins ou, no seu defecto, a institucións públicas de ámeto galego, unha vez obtida a necesaria autorización legal. O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da Asociación.

Artigo 52 .- Acordada a disolución, a Asemblea Xeral extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a Presidente e o/a Tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

DILIXENCIA: Para facer constar que os presentes estatutos foron modificados para os adaptar ás previsións da Lei Orgánica 1/2002, de 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, por acordo tomado pola Asemblea Xeral Extraordinaria do 28 de marzo de 2004.

DILIXENCIA: Faise constar que os presentes estatutos foron modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria do 27 de novembro de 2010.

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA