Adega
INICIO Últimas novas No Día Mundial da Auga, ADEGA coas reivindicacións da Rede Auga Pública e contra a privatización da auga en Europa
No Día Mundial da Auga, ADEGA coas reivindicacións da Rede Auga Pública e contra a privatización da auga en Europa PDF Imprimir Correo-e
Envia No Día Mundial da Auga, ADEGA coas reivindicacións da Rede Auga Pública e contra a privatización da auga en Europa a FaceBookEnvia No Día Mundial da Auga, ADEGA coas reivindicacións da Rede Auga Pública e contra a privatización da auga en Europa a Twitter

augadereito22 de marzo, Día Mundial da Auga. Malia que as Nacións Unidas proclamou que o acceso aos servizos básicos de auga potábel e saneamento é un Dereito Humano, os nosos governantes están transformando os nosos servizos públicos en negocios privados. A nova Lei de Réxime Local que impón o governo do estado, máis que promover políticas de auténtica austeridade, o que pretende é desmontar a autonomía municipal para privatizar servizos públicos, como os da auga e o saneamento. ADEGA adire as reivindicacións da Rede Auga Pública para que a xestión da auga non fique ao abeiro dos mercados. Escríbese AUGA, lese DEMOCRACIA. Texto do comunicado da Rede Auga Pública.

Estes procesos de privatización fanse, a miúdo, através do chamado “modelo francés”, de pretendida colaboración público-privada, a través de empresas mixtas nas que as institucións públicas conservan o 51% das accións. Con todo, o controlo exérceno os operadores transnacionais, monopolizando a información, mediante cláusulas que lles adxudican a competencia exclusiva na xestión da empresa mixta, así como en asuntos de subcontratacións, contratacións e compras. Desaparecen así os concursos públicos e asegúranse grandes beneficios por compra-venta de servizos e tecnoloxía a empresas do grupo, con adxudicación directa. Desta forma, en plena crise, os beneficios directos e indirectos destas multinacionais cárganse sobre os recibos da auga que a ciudadanía paga cada día máis caros, abríndose un proceso de sabotaxe das economías familiares e de descapitalización das administracións públicas, que agudizan a crise social e económica.

Trátase doutra banda, de contratos por 30 ou 40 anos, irreversíbeis na práctica ao establecerse indemnizacións de reversión impagábeis que deben compensar, non só o investimento feito pola concesión, senón os beneficios esperados durante ese periodo. Así, unha Corporación Municipal ou un Governo, nomeados para 4 anos, toman decisións irreversíbeis que afectan a cuestións chave durante 40 anos, hipotecando a democracia e a soberanía cidadá. Por iso, ante dinámicas abertas de privatización, esiximos, cando menos, amplos procesos de información e debate público que culminen en referéndum ou consultas populares.

Para rematar chamamos a atención sobre a necesidade de recuperar os nosos ríos, contaminados, sobre-explotados e na práctica privatizados por grupos de poder. Conseguir o bo estado das masas de auga que esixe a Directiva Marco do Auga, non só é unha obrigación legal, senón unha necesidade urxente para preservar a vida na natureza e o benestar na nosa sociedade.

Facemos un chamado a asinar a Iniciativa Cidadá Europea que promove o recoñecemento do Dereito Humano á Auga e ao Saneamento, así como a exclusión do espazo do mercado deste tipo de servizos públicos na UE, promovendo novos modelos de xestión pública participativa e transparente.

Austeridade e Bo Goberno = Xestión Pública, Participativa e Transparente

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA