Adega
INICIO Últimas novas Semana Europea da Prevención de Residuos: Ante o fracaso de SOGAMA, a Xunta considera a crise un "avance"
Semana Europea da Prevención de Residuos: Ante o fracaso de SOGAMA, a Xunta considera a crise un "avance" PDF Imprimir Correo-e
Envia Semana Europea da Prevención de Residuos: Ante o fracaso de SOGAMA, a Xunta considera a crise un "avance" a FaceBookEnvia Semana Europea da Prevención de Residuos: Ante o fracaso de SOGAMA, a Xunta considera a crise un "avance" a Twitter

semapaprev201217 a 25 de novembro de 2012. Nestas datas, celébrase a Semana Europea de Prevención de Residuos. Esta iniciativa da UE pretende concienciar sobre a necesidade de reducir a produción de residuos, incidindo en todo que se pode e debe facer antes de eliminar, para reducir os custos do tratamento e a nocividade dos residuos producidos. O millor residuo, portanto, é aquel que non se produce. Mais que acontece en Galiza? Sen que a Xunta adicara un só euro a prevención, dende 2009 a xeración de refugallos descendeu un 7,68%... pola crise. Este é, segundo a Xunta*, o principal "avance" do PXRUG 2010-2020, que fixaba o obxectivo "estratosférico" do 10% de redución... para 2020. Dende ADEGA queremos insistir na prioridade legal que a prevención, a recollida selectiva e a compostaxe teñen na xestión dos refugallos, ao contrario do que pretende o actual PXRUG e realiza SOGAMA. Participa con ADEGA nas iniciativas que promovemos para esta semana da prevención.

*Documento de inicio da modificación do PXRUG 2012-2020 (pdfdescarrégao con comentarios críticos 1,32MB)

A Xunta aprobou en xaneiro de 2011 o Plano de Xestión de Residuos Urbanos de Galiza (PXRUG) 2010-2020. Este plan cumpre só na teoría cos obxectivos das referidas leis, xa que destina á prevención de residuos só o 2,2% do orzamento total, fronte ao obxectivo de redución do 10% que pregoa. A suma de todos os investimentos dedicados no PXRUG á prevención, información, educación ambiental, recollida selectiva e outras medidas de reutilización e reciclaxe atinxe o 18,1% do total, fronte ao obxectivo mínimo do 50% de reutilización e reciclaxe. Pola contra, o 48% dos investimentos destínanse a unha nova planta de eliminación por incineración.

Todas estas previsións do PXRUG 2010-2020 son contrarias aos obxectivos teóricos da Lei 10/2008 de residuos de Galiza e da Directiva 2008/98/CE sobre os residuos, trasposta ao dereito estatal pola Lei 22/2011. Estas normas din que a prevención, a reutilización e a reciclaxe son prioritarias, mais os planos de xestión destinan a maioría dos recursos á incineración e ao vertido.

Transcorridos máis de tres anos de vixencia da Lei e da Directiva de 2008, non se adoptaron aínda medidas efectivas de prevención, recollida selectiva, reciclaxe e compostaxe. Mentres, a Xunta está a favorecer outras opcións menos prioritarias e altamente impactantes, como os continuos recrecementos do vertedoiro da Areosa e a instalación dunha nova incineradora, accións incompatíbeis co obxectivo de redución do 10% e reutilización e reciclado do 50% dos residuos domésticos.

Nesta Semana Europea da Prevención, ADEGA organiza unha serie de actividades para subliñar a importancia da prevención e o tratamento ecolóxico dos refugallos:

-Obradoiro de libretas na UDC: Este mércores 21 de novembro ás 17:00 a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da UDC coa que colabora ADEGA, organiza un Obradoiro de fabricación de libretas a partir de papel xa usado. A actividade realizarase no edificio Xoana Capdeville e ten como obxectivo a reutilización do papel e polo tanto o seu mellor aproveitamento e enmárcase dentro do "Proxecto Re-utilizando". Máis info no blog da OMA

-Visitas de Compostaxe en Pontevedra: O mércores 21 e xoves 22 realizaremos a terceira e última visita aos composteiros instalados nas vivendas do concello de Pontevedra. 7 meses despois da súa instalación poderemos ver os resultados. comprobaremos como os restos orgánicos das 30 vivendas participantes foron transformados en compost, contribuindo a reducir en máis dun 50% o volume de refugallos a xestionar por SOGAMA e pechando o ciclo da materia orgánica.

-Charla sobre as oportunidades de emprego vencelladas á compostaxe: Xoves 22 ás 20h no restaurante "O Túnel" de Ordes. Ante a instalación dunha segunda incineradora na comarca de Ordes-Cerceda, ADEGA quere expoñer á veciñanza as vantaxes do tratamento ecolóxico (compostaxe) dos refugallos fronte a incineración que promove a Xunta-SOGAMA. Tamén en termos de emprego, a compostaxe gaña por goleada á incineración.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA