Axudas para contaminar: A cementeira de COSMOS volverá a emitir dioxinas cunha subvención da Xunta |
29 de agosto de 2012. A cementeira COSMOS no Oural (Sarria) pretende voltar a queimar pneumáticos logo de que hai 6 anos, unha sentenza do TSXG tras denuncias da veciñanza e ADEGA, prohibira esta práctica por molesta, insalubre, nociva e perigosa. A derrogación do RAMINP e a súa substitución polo Decreto 133/2008 de Incidencia Ambiental suprimíu a distancia cautelar de 2000m das instalacións contaminantes aos núcleos habitados, principal argumento do TSXG para impedir a COSMOS queimar rodas e outros plásticos. Quedou ao abeiro da Xunta decidir se esta actividade debe someterse ao trámitre de incidencia ambiental e, no seu caso, emitir autorización. Malia a que non figura publicada ningunha resolución neste sentido (COSMOS aínda ten pendente a renovación da Avaliación Ambiental Integrada), a empresa anunciou a súa intención (non sabemos se xa o fai) de voltar a queimar pneumáticos, fonte de dioxinas, furanos, PCBs e HAPs, substancias altamente canceríxenas. Curiosamente, a excusa de COSMOS é millorar a "eficiencia enerxética", xusto para o que a Xunta acaba de concederlle unha subvención de 18.000€. Na súa sentenza de 2006, o TSXG recoñecía a actividade de incineración de pneumáticos e outros plásticos como molesta, insalubre, nociva e perigosa, e que portanto, non podía efectuarse e menos de 2000 m dos núcleos habitados. Mais ao ser derrogado o RAMINP en 2008 e substituido polo Decreto 133/2008, desapareceu a principal fundamentación do TSXG, isto é, as distancias mínimas. A nova norma faculta á Xunta para decidir se unha actividade debe ser sometida a Incidencia Ambiental, emitir o ditame preceitivo e mesmo nalgúns casos, ceder aos concellos esta potestade. Malia a que non apareceu publicada resolución algunha autorizando a COSMOS a voltar a queimar pneumáticos e outros restos plásticos (residuos lixeiros de fragmentadora de veículos fóra de uso), a empresa parece contar coa aquiescencia da Xunta e, segundo varios medios de comunicación, comezouno a facer xa este mes. Independentemente das vicisitudes administrativo-xudiciais deste cheirento caso, dende ADEGA preguntámonos: É que a queima de pneumáticos e outros residuos plásticos non segue a ser unha das principais fontes de emisións industriais de dioxinas, furanos, PCBs (PoliCloroBifenilos) e HAPs (Hidrocarburos Aromáticos Policíclicos), todas elas substancias altamenmte tóxicas, canceríxenas e mutaxénicas? É que a fatoría de COSMOS non segue a estar no centro da vila do Oural e a poucos metros das vivendas, garderías...? É que para menter os beneficios empresariais agora a cidadanía temos que soportar o dereito de pernada de determinadas empresas que usan os postos de traballo como escudos humanos e o ambiente como vertedoiro? Ulos os principios de Precaución e ¡de Mínima Exposición consagrados nos tratados da UE, habida conta que para estas substancias as Directivas Europeas recoñecen que non hai límites de seguridade? Estes foron hai 6 anos e seguen a ser hoxe os nosos argumentos. E dende ADEGA queremos deixar moi claro que non estamos en contra da fatoría, senón destas prácticas contaminantes movidas pola avaricia que poñen en risco a saúde dos traballadores, da veciñanza do Oural e a salubridade do ambiente. Hai alternativas á incineración de pneumáticos usados (reciclado como superficies deportiva, aditivo para o recubrimento asfáltico das estradas, etc.) e outros xeitos de millorar a eficiencia enerxética das cementreiras (novas técnicas, enerxías renovábeis...). O que xa resulta de todo punto escandaloso, é a actitude da Xunta neste asunto: A administración, que debería velar pola seguridade e a saúde das persoas e o ambiente, parece máis preocupada por darlle gusto á empresa. Tanto é así que, coa Avaliación Ambiental Integrada en revisión, COSMOS dá por concedidos os permisos, e mesmo xa pode estar queimando rodas. Incluso a Xunta concedeulle en xuño unha subvención de 18.001,50€ para "proxectos de aforro e eficiencia enerxética", xusto a excusa que COSMOS pon agora para voltar a queimar rodas!
|