Máis de 700 persoas nas praias galegas en defensa dos océanos |
Limpeza simultánea de praias. Día Mundial dos Océanos. Dende as 9 da mañá as limpezas fóronse desenvolvendo por todo o litoral galego. Houbo centros de ensino, escolas de surf, ONG ecoloxistas, asociacións culturais, asociacións de mulleres rurais e até mergulladores. Todas e todos tiñan a mesmo fin: limpar a praia e crear conciencia. Foron milleiros de kilos os que se retiraron das praias a maioría de orixe plástico. Cordas de todo tipo, aparellos de pesca, caixas, botellas, tapóns, e outros tantos restos que rematan cada día no mar. Alén da limpeza nalgúns lugares a xornada tamén serviu para dar a coñecer a importancia e biodiversidade dos areais e dos ecosistemas dunares; fixéronse tarefas de identificación dun pequeno golfiño riscado (Stenella coeruleoalba), aparecido na praia de Queiruga, e localizáronse niños de pillara das dunas (Charadrius alexandrinus) que se sinalaron para evitar o seu pisoteo, observándose tamén os adultos desta pequena, bulideira e ameazada ave. A todos/as, moitas grazas polo voso compromiso co ambiente!
Podes ver as fotos enviadas polos participantes e o mapa das limpezas O plástico nos océanos afecta á flora e fauna mariña, nomeadamente para algunhas especies ameazadas como cetáceos, tartarugas ou aves mariñas, xa que inxiren plásticos confundíndoos con alimento. Tamén poden acabar enredados en bolsas, sacos ou redes que lles provocan graves lesións, dificultades para moverse e, finalmente, poden causar a súa morte. Outro dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos que son inxeridos por peixes que poden rematar nos nosos pratos. Isto fai que os compoñentes tóxicos e perigosos dos plásticos pasen aos seres humanos, afectando directamente á nosa saúde. Moito do plástico que se atopa nas praias e nos océanos do mundo chega alí despois de ser usado por calquera de nós. É por iso que debemos reducir o noso consumo de plástico para evitar que de un xeito ou outro remate nos océanos. Moitos dos envases que utilizamos cada día son innecesarios e prescindibles. É posible mercar os nosos produtos a granel, escoller os recipientes de vidro e retornables, rexeitar as bandexas de poliestileno, etc. pequenos xestos que axudan a que o noso planeta non sufra tanto. ADEGA quere subliñar que as limpezas de praias no día dos océanos non debe ser un feito aillado, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida. A limpeza de praias debe facerse de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita. Deste xeito poderemos reflexionar sobre a orixe dos nosos residuos e evitar que rematen nos estómagos de animais.
ADEGA editou para esta actividade un protocolo de actuación para unha limpeza de praias “ecolóxica” descargable en pdf ou que se pode recoller en papel no local nacional.
|