En SOGAMA falsificáronse analíticas e informes para ocultar a contaminación do vertedoiro da Areosa |
26 de abril de 2012. ADEGA vén de coñecer que dúas sentenzas do TSXG que en 2009 declaraban improcedentes os despedimentos de dous técnicos de SOGAMA, poden ser determinantes para probar a responsabilidade da empresa no falseamento sistemático e continuado de análises dende 2003 a 2008, e así ocultar a contaminación producida polo vertedoiro da Areosa. Nestas sentenzas, que obrigaban a SOGAMA a readmitir ao ex-xefe da área técnica e ao ex-xefe de control técnico, cítase un informe da empresa para xustificar os despedimentos. Nel relátanse prácticas de alteración de analíticas, ocultación de información e falsificación documental, poñendo de manifesto o "risco ambiental" -di o informe- do vertedoiro da Areosa. O tribunal recoñece que "existíu unha ocultación das analíticas que estaban fóra dos parámetros esixidos" mais a súa redacción non era responsabilidade destes técnicos. Daquela, de quen é a responsabilidade de estar 6 anos falsificando documentos, ocultando datos á administración e poñendo en risco a saúde e o medio ambiente? Sentenza 1 Sentenza 2
Para ADEGA estes feitos supoñen a constatación, certificada cos informes da propia SOGAMA e recoñecida polo TSXG nestas sentenzas, do inmenso monte de lixo, fraude e corrupción no que se foi transformando SOGAMA dende a súa posta en funcionamento. Un enorme buraco negro ambiental e unha xigantesca fraude social e económica á cidadanía galega que agora a Xunta tenta reproducir, como unha metástase maligna, no sur de Galiza. ADEGA lembra ademais que hai aberta unha causa penal polas verteduras de SOGAMA ao río Lengüelle, que a finais de 2009 causaron a morte de máis de 3.000 troitas, e na que están imputados técnicos e responsábeis da empresa. A nosa asociación vai poñer en coñecemento do xulgado que entende esta causa (o de Instrución nº1 da Coruña) e da Fiscalía Ambiental do TSXG estes datos e feitos, que poderían ser constitutivos duns delictos continuados de falsidade documental e prevaricación, e como consecuencia, dun delicto continuado contra o medio ambiente e a saúde das persoas. Cómpre lembrar que o río Lengüelle, o receptor das verteduras piratas de SOGAMA, é afluente do Tambre, que fornece auga potábel á comarca N de Compostela e á propia cidade. E se pasou isto cos lixiviados do vertedoiro, que acontecería realmente coas emisións tóxicas (dioxinas, furanos...) da incineradora?
|