Adega
INICIO Últimas novas Xestión de especies protexidas: moitas "recomendacións" e poucos compromisos reais de conservación
Xestión de especies protexidas: moitas "recomendacións" e poucos compromisos reais de conservación PDF Imprimir Correo-e
Envia Xestión de especies protexidas: moitas "recomendacións" e poucos compromisos reais de conservación a FaceBookEnvia Xestión de especies protexidas: moitas "recomendacións" e poucos compromisos reais de conservación a Twitter

9 de abril de 2012. Nestes intres atópanse a exposición pública os planos de conservación/recuperación de 3 especies, das máis 200, incluidas no catálogo Galego de Especies Ameazadas. Tivemos que agardar 5 anos para que a Xunta decidira por fin aprobar estes instrumentos, básicos para garantir o futuro da nosa biodiversidade máis fráxil. De seguirmos este ritmo, a administración cumprirá coa obriga legal de protexer efectivamente especies dentro de 243 anos! ADEGA ten constancia que dende 2007, licitáronse, elaboráronse e entregáronse ducias de Planos de Conservación; cal é o motivo para telos gardados dende aquela nun caixón?  Agora por fin a Xunta apresenta o do sapoconcho galego (réptil), a píllara das dunas (ave), e a escribenta das canaveiras (ave), mais o seu contido non recolle medidas efectivas para a conservación destas especies e os seus hábitats: son só un compendio de "recomendacións" e polo mesmo, carentes de forza legal, que por desgraza ninguén vai cumprir.

Estes documentos deberían definir claramente as actividades que poden ser autorizadas, estar prohibidas ou reguladas, atendendo ao estado das poboacións e ás necesidades de conservación da especie. No entanto, os decretos están inzados de "recomendacións" que como sabemos, raras veces se cumpren.

Por exemplo, no caso da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) está comprobado o dano das limpadoras motorizadas para o peneirado dos areais, maquinaria pesada e demáis inventos para "limpar" as praias, sobre a cría da especie. Ademais, é unha realidade que a limpeza limpeza manual non encarece o procedemento con respecto á mecánica. Tal se fai en praias como Corrubedo, mais non noutras nas que aniña esta especie como a de A Lanzada. Recomendar a limpeza manual, se fica só nunha recomendación, non servirá para nada. Compre, particularmente nas zonas da Rede Natura onde aniña esta especie, proibir a limpeza mecánica e a retirada de algas de forma xenérica. Outra "recomendación" fai referenza aos cans: son demostrados predadores das niñadas de píllara e a súa presenza nas praias en tempada de cría non pode resolverse cunha "recomendación" para que estén presos. O dereito a pasear un can polo hábitat da píllara (podendo deambular por calquera outro sitio) non pode prevalecer sobre a obriga legal de protexer a unha especie amezada.

Resulta tamén curioso que o Decreto da píllara (Anexo II Sección 2ª 2.1) recolla "Medidas para a eliminación de aparcadoiros non autorizados en zona dunar"??? Se non están autorizados e están en zona dunar, alguén está incumprindo a lei porque estas actividades non están permitidas nestes hábitats, estremadamente fráxiles, e máis en Rede Natura. Como é que a Xunta ten coñecemento destas prácticas e non actúa?

No caso da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica) a medida estrela é propoñer cortas de carrizais, sen ter en conta que nestes espazos pode haber hábitats prioritarios como as Turbeiras calcáreas de Cladium mariscus. A conservación dunha especie non debería provocar afeccións a outras especies nin a hábitats. Mesmo estas cortas e clarexos pódense autorizar en plena en tempada de cría da especie!! (Anexo IV)). Ademais, "a frecuencia das cortas debe adaptarse ás necesidades da especie e ás necesidades dos agricultores locais". Tendo en conta que moitas destas cortas faríanse no Dominio Público Marítimo-Terrestre, a necesidade dun agricultor que quere cortar un carrizal público para aproveitamento privado non pode prevalecer sobre a obriga legal de conservar o hábitat da escribenta e doutras especies e hábitats protexidas.

En definitiva, uns documentos que a Xunta apresenta cun escandaloso retraso, nun número ridículo a teor das especies necesitadas de protección, e cuns contidos "descafeinados", por veces contraditorios ou sorprendentes, para, outra volta, fuxir da súa obriga legal de conservar este patrimonio natural.

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA