Adega
INICIO Últimas novas Milleiros de persoas saimos á rúa en defensa do noso patrimonio natural
Milleiros de persoas saimos á rúa en defensa do noso patrimonio natural PDF Imprimir Correo-e
Envia Milleiros de persoas saimos á rúa en defensa do noso patrimonio natural a FaceBookEnvia Milleiros de persoas saimos á rúa en defensa do noso patrimonio natural a Twitter
maniseume

3 de abril de 2012. En resposta á catástrofe ecolóxica que está a sufrir un dos nosos símbolos naturais, as Fragas do Eume, milleiros de persoas saímos ás rúas e prazas das principais cidades e vilas para reclamar máis medios e medidas de protección para o noso patrimonio natural. Fronte á incompetencia e o desleixo da administración no coidado dos nosos espazos protexidos, dos que xa levan ardidos máis de 15.000 ha dende o outono (Macizo Central, Limia-Xurés, Ancares-Courel...), ADEGA esixe responsabilidades á Xunta por unha política forestal suicida, un ordeamento do territorio cómplice e unha xestión ambiental orientada a desmontar a protección e a boicotar a conservación do millor da nosa natureza.

COMUNICADO EN DEFENSA DAS FRAGAS DO EUME E CONTRA A RAPINA DO NOSO PATRIMONIO NATURAL

Pontedeume1As organizacións, colectivos e persoas aquí presentes queremos amosar en primeiro lugar a nosa solidariedade coa veciñanza dos Concellos de A Capela, As Pontes e Monfero que están a padecer as consecuencias directas dos lumes que afectan ás Fragas do Eume. Enviamos tamén o noso apoio aos efectivos e persoas voluntarias que están a traballar nos labores de extinción.

O incendio das Fragas do Eume é a consecuencia directa das políticas baseadas na falta de planificación e de xestión forestal e do desleixo pola conservación dos nosos espazos naturais protexidos. Aínda que os responsables políticos, nomeadamente Alberto Núñez Feijoó, destacan xunto a intencionalidade do incendio as condicións climatolóxicas de vento e escaseza de humidade, queremos denunciar que as dimensións desta catástrofe non poden entenderse sen considerar outros factores referentes as políticas forestais e ambientais da Xunta de Galiza:

Retranca e deseño galegoA declaración das Fragas como Parque Natural en 1997 non trouxo consigo as medidas necesarias para garantir a súa conservación. 15 anos despois aínda non conta co obrigado Plano Reitor de Usos e Xestión (PRUX) o que favoreceu que as Fragas sufran un paulatino proceso de eucaliptización e invasión de especies alóctonas. No mesmo estado de abandono atópanse a práctica totalidade dos nosos espazos naturais protexidos.

A administración galega primou a extinción en detrimento da prevención. Se a isto sumamos a precariedade laboral das brigadas e a falta de medios coa que traballan, ademais da decisión de recortar os medios para o coidado dos espazos naturais, resulta unha situación de grave perigo para os nosos montes. Así, dende o outono pasado os nosos espazos protexidos están a sufrir unha catástrofe sen precedentes: ardeu o Macizo Central, A Limia, a Reserva da Biosfera de Allariz, Ancares-Courel, e agora as Fragas do Eume.

Encol da política forestal, a cidadanía merece que a Xunta resposte a estas cuestións:

Por que recortou en 20 millóns de € os orzamentos para prevención e 2 millóns de € para extinción? Por que promove unha Lei de Montes que reduce as faixas de protección, o tempo para aproveitar os terreos queimados e permite masas monoespecíficas (eucaliptos, por exemplo) de máis de 50 ha continuas? Por que se reduciu significativamente e precarizou os operativos de loita contra o lume, eliminouse o Voluntariado do Monte, suspendéronse as BIIF (Brigadas de Investigación dos Incendios Forestais), paralizáronse as UXFOR e abriuse a porta á especulación do monte coas SOFOR?

Xa que logo, á hora de avaliar as causas desta catástrofe, a Xunta de Galiza por acción ou omisión ten tanta responsabilidade como os incendiarios.

Perante a gravidade dos acontecementos, as organizacións, colectivos e persoas aquí presentes esiximos que a Xunta dedique todos os medios técnicos, materiais e humanos para extinguir as chamas e protexer as zonas máis sensíbeis do Parque Natural. Despois, deben investigarse as orixes, as causas e as intencións desta catástrofe, en particular a posíbel relación co proxecto de mina de andalucita. A seguir, é urxente a elaboración e posta en marcha de planos de restauración para recuperar a biodiversidade afectada e a impedir a erosión e a especulación das zonas queimadas. Unha administración ten que estar para algo máis que para facer unha foto o día da árbore, mentres os nosos bosques arden!

LUMES, NUNCA MÁIS!!!

2 de abril de 2012

 

Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA