Plataforma galega pola reciclaxe: por unha nova política de xestión dos residuos sen incineración |
Ourense, 6 de febreiro de 2012. Neste día, constituiuse en Ourense a Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe, co obxectivo de unir os esforzos de todos os colectivos, organizacións, plataformas e persoas que rexeitamos a incineración como sistema para o tratamento dos residuos e defendemos as alternativas baseadas na redución, a reciclaxe e a compostaxe. Inicialmente promovida polas principais organizacións ecoloxistas galegas (ADEGA, Amigos da Terra, a FEG -18 organizacións-, SGHN e Verdegaia) a Plataforma está aberta a todos os colectivos sociais, dende partidos politicos e sindicatos a organizacións sectoriais, profesionais e por suposto ás plataformas locais que asinen o Manifesto fundacional.
MANIFESTO da Plataforma Galega contra a Incineración e pola Reciclaxe Por unha nova política na xestión dos residuos sen incineración As organizacións e movementos sociais asinantes deste documento entendemos que as políticas públicas de xestión dos residuos afectan ás nosas vidas de forma directa: A xestión inadecuada dos residuos, xerados en cantidades crecentes, contamina a atmosfera, o solo e as augas, causa o desbaldimento de enerxía e materias primas, deteriora a paisaxe, provoca enfermidades, destrúe emprego… Estas consecuencias son ben coñecidas no noso país, onde despois de 12 anos co modelo SOGAMA estamos lonxe de aplicar solucións compatibles coa protección do ambiente e co uso racional dos recursos, sendo imprescindíble un cambio de orientación nas políticas de xestión dos residuos. Entendemos que a cultura do usar e tirar non ten futuro a longo prazo e que é preciso trocar con urxencia tanto estas políticas como o actual modelo de consumo para acadarmos unha xestión dos residuos inocua para a nosa saúde, sustentable a nivel medio ambiental, viable economicamente e xeradora de emprego que nos permita superar a actual crise económica e ambiental.
Os poderes públicos deberían promover unha axeitada xestión e tratamento dos residuos mediante solucións non nocivas para a saúde, respectuosas co ambiente e compatibles co uso racional e sustentábel dos recursos. A este respecto, entendemos que o actual modelo SOGAMA baseado na incineración supón un obstáculo para o desenvolvemento de sistemas de produción limpa e para o establecemento dunha estratexia baseada nos 3 “R” (Redución, Reutilización e Reciclaxe). Portanto, os colectivos asinantes documento rexeitamos a incineración como sistema para o tratamento dos residuos porque é: Contraria á lexislación europea, estatal e galega: O actual modelo SOGAMA promovido pola Xunta de Galicia subverte a prioridade na xerarquía de tratamento consagrada nestas lexislacións, que é por esta orde:
-Prevención da xeración de residuos e da súa perigosidade (onde se considerarían a Redución e a Reutilización) Perigosa para a saúde: A incineración aumenta a perigosidade dos residuos, emitindo no proceso substancias tóxicas (dioxinas, furanos, PCBs, metais pesados, partículas…) que contaminan o aire, o solo e a auga. Numerosos estudos científicos demostran a perigosidade destas substancias para a saúde ambiental e cidadá, de xeito que polo carácter persistente e bioacumulativo de moitas delas, non existe un umbral mínimo de protección. As instalacións de incineración, coa tecnoloxía actual máis avanzada, non son quen de garantir unha emisión cero destas substancias, polo que incumpren tamén o Principio de Precaución e o de Mínima Exposición, incorporados en numerosos tratados internacionais, ao existiren tecnoloxías alternativas máis limpas e inocuas. Insustentable ambientalmente: A incineración supón un desbaldimento das materias primas contidas nos residuos, incrementa a súa toxicidade ambiental e non reduce a necesidade de vertedoiros. É tamén unha das fontes máis importantes de emisión directa e indirecta (transporte) de gases de efecto invernadoiro (CO2, e ) causantes da mudanza climática, e tamén de NOx, causantes da chuvia ácida. As emisións sólidas, líquidas e gasosas contaminan o medio, as terras de cultivo e os alimentos producidos nun radio de 10 km 1están afectados pola emisión de compostos químicos perigosos , así como partículas e micropartículas persistentes no ser humano, nos solos agrícolas e nos alimentosen moitos quilómetros arredor das incineradoras. Ademáis, requiren de macrovertedoiros asociados nos que depositar os refugallos non tratados (máis do 50% no caso de SOGAMA) e doutros vertedoiros especiais para depositar os residuos tóxicos e perigosos (cinsas, lixiviados, etc.). Fraude, ruína económica e exemplo de ineficiencia: O alto custo de construción dunha incineradora (SOGAMA orzamentouse inicialmente en 143 millóns de €, e actualmente abeira os 400) e o caro do seu mantemento, acaba sendo sufragado polos concellos, ficando moitos afogados polas débedas. Dende o principio a Xunta decretou unhas tarifas políticas para facer menos custosa a incineración: a día de hoxe, incinerar custa uns 120€ por tonelada, pero verter só 15€. SOGAMA cobra 60€ pero non está a cumprir o acordado cos concellos: estes pagan polo transporte e tratamento (incineración) pero a maior parte do lixo vai directamente a vertedoiro: velaí o negocio. A isto hai que engadir a ineficiencia enerxética da queima do lixo: SOGAMA consume máis enerxía da que produce (xerou en 2008 459.867 Mw e consumiu 507.914 Mw segundo a última memoria de actividade da compañía publicada) fundamentalmente pola queima de gas natural (subministrado por GN-Fenosa, operadora da incineradora de Cerceda). Miserable na xeración de empregos: Nas 10 incineradoras do estado traballan entre 560 e 1000 persoas. Estes empregos son absoluta e porcentualmente máis baixos que os xerados por unha planta de compostaxe, por exemplo a do Barbanza. Así en SOGAMA traballan 91 persoas, mentres que na planta de compostaxe de Lousame fanno 150. Os empregos que xera SOGAMA por cada 100.000 toneladas tratadas son 14, o ratio máis baixo de todas as incineradoras do estado. En comparación, a planta do Barbanza ten 150 empregados/as e trata 34.000 Tm/ano. Para 100.000 Tm, xeraría 438 postos de traballo. Mais as incineradoras tamén destrúen emprego: na agricultura, gandería, turismo, termalismo… sectores que veranse perxudicados polo impacto ambiental das emisións. Á vista desta realidade, e tendo en conta o orzamento da nova incineradora do Irixo (200 millóns de €) e os supostos empregos creados (200), resultaríaun investimento de 1 millón de € por posto de traballo: outra das mentiras da incineración e unha das meirandes estafas que se pretenden facer á cidadanía galega. Os asinantes deste manifesto acreditamos que outro modelo de xestión dos residuos é posible, e comprometémonos a dar pulo a outros sistemas baseados na xerarquía de tratamento que marca a directiva de residuos, orientados á redución, á reutilización, á reciclaxe e á compostaxe, e que hoxe son xa unha realidade no noso país. Calquera nova instalación ou sistema para xestionar os residuos debería basearse en: Fomentar a participación activa da cidadanía: Os asinantes deste manifesto consideramos que o éxito na implantación de calquera sistema de xestión depende da colaboración e do grao de participación real da cidadanía. O público non só debe estar informado senón tamén poder avaliar a participar activamente no proceso dende o inicio, achegando propostas, avaliando resultados e contribuíndo a solucionar os problemas que vaian xurdindo. Priorizar a redución en orixe e a reutilización, fomentando a cultura do “residuo 0". Os obxectivos de prevención deben ser máis ambiciosos que a redución do 10% con respecto aos níveis de 1990 comprometido pola Xunta no Plano de Residuos para 2020. Medidas como a prohibición das bolsas dun só uso, o establecemento de medidas fiscais que penalicen o sobreenvasado e a xeración de envases perigosos e custosos de reciclar, a implantación de sistemas de devolución, depósito e retorno (SDDR), a educación ambiental e a prevención de residuos a nível domiciliario facilitando e premiando a mudanza de hábitos, o fomento da venda a granel no comercio, etc. son algunhas destas propostas. Potenciar novos modelos de recollida selectiva: Baseados no sistema “Húmido/Seco” fronte o actual modelo da “bolsa negra”, para permitir unha correcta separación en orixe dos distintos compoñentes do lixo, en especial da materia orgánica; e aplicar esquemas de recollida selectiva porta a porta que permiten acadar níveis de recuperación material de até o 80%. Convertir a compostaxe no motor principal da redución: Co 50% de materia orgánica en cada bolsa do lixo, a compostaxe doméstica, comunitaria, comarcal e descentralizada debe ser un dos principais sistemas para reducir a cantidade dos residuos a tratar no sistema público e converter os residuos orgánicos en fertilizante natural para o agro e os montes galegos, devolvendo os nutrintes e a fertilidade á terra. Desevolver industrias da reciclaxe para a fracción non compostable, especialmente o vidro, metais e papel-cartón que permitan aproveitar a maior cantidade da fracción resto e nos afaste do raquítico 6,8% de valorización material de SOGAMA, aproximándonos aos obxectivo do 50% que fixa a directiva para 2020. Establecer un sistema descentralizado de xestión que minimice o absurdo desbaldimento enerxético e o custo económico do transporte de residuos e implante a lóxica (e a obriga legal) de tratar o residuo preto de onde se produce (Principio de Proximidade) As organizacións e movementos sociais asinantes deste documento acreditamos na necesidade dunha nova cultura na xestión dos nosos residuos que nos permita velos como valiosos recursos que aproveitar antes que como problema: Coas correctas políticas de xestión e tratamento, os residuos poden converterse nunha fonte de fertilidade para a terra e unha ferramenta máis para a conservación dun ambiente saudable. Poden ser tamén unha oportunidade para xerar emprego e un importante pulo para camiñarmos cara unha economía máis ecolóxica e respectuosa cos recursos naturais do país. NON Á INCINERACIÓN, SÍ Á RECICLAXE Ourense, 6 de febreiro de 2011 Asinan: ADEGA, Amigos da Terra, Feferación Ecoloxista Galega (formada polos grupos ADEGA, ADENCO, APDR, Asemblea do Suído, CES, Coto do Frade, GN Hábitat, Guerrilleiros das Fragas, Luita Verde, MEL, Naturviva, Néboa, Niño do Azor, Oureol, Vaipolorío, Verboxido, e Xevale), Sociedade Galega de historia Natural e Verdegaia. |