Adega
INICIO Últimas novas Proxectos de Iberdrola no Sil: insulto á intelixencia, mentiras, e desfeita ambiental
Proxectos de Iberdrola no Sil: insulto á intelixencia, mentiras, e desfeita ambiental PDF Imprimir Correo-e
Envia Proxectos de Iberdrola no Sil: insulto á intelixencia, mentiras, e desfeita ambiental a FaceBookEnvia Proxectos de Iberdrola no Sil: insulto á intelixencia, mentiras, e desfeita ambiental a Twitter
obrassiltn12 de setembro de 2011. Os proxectos de santo Estevo II e especialmente o de Santa Cristina "no suponen menoscabo para los valores naturales del entorno" segundo a empresa. É lóxico: se no estudo de impacto Iberdrola non valora a "alternativa 0"; se non estuda a afección sobre o LIC Canón do Sil; se non fai caso das recomendacións do ministerio de localizar a presenza de especies ameazadas tan importantes como a aguia real ou a aguia pescadora; se non avalía o impacto das liñas eléctricas de evacuación; e se non cuantifica nin se di que facer cos millóns de m3 de entullos das escavacións, considerando compatíbel deixar o río prácticamente seco durante 8 anos, o proxecto de Santa Cristina é unha marabilla e Iberdrola unha entidade filantrópica. O único certo entre o feixe de omisións, inexactitudes, e mentiras descaradas do estudo de impacto é a inmensa desvergoña e a prepotencia de Iberdrola que pensa que o Sil é da súa propiedade, e a cidadanía galega, parva.

PlanoStaCristinaNas alegacións recentemente apresentadas, ADEGA chama a atención sobre estas e outras irregularidades, omisións e mentiras descaradas feitas para xustificar o inxustificábel: a desfeita total dun río e dunha paisaxe única para satisfacer a cobiza dunha empresa que apoiándose en concesións franquistas, persiste en seguir tendo dereito de pernada sobre o noso patrimonio natural.

Mais a administración hidráulica do estado tamén está a ser cómplice necesaria desta desfeita: primeiro, por tramitar este e outros proxectos (Os Peares III e Belesar III) que no seu conxunto suman 2227 páxinas de información técnica, para consultar en apenas 30 días durante as vacacións de verán. Este feito contradí o espírito da Lei 27/2006 sobre o dereito de acceso á información en materia de ambiente, e produce unha clara indefensión da cidadanía ante planos e proxectos que poden conlevar graves danos para o ambiente e as persoas. Segundo, por aplicar criterios farisaicos á hora de considerar o que é un novo aproveitamento ou unha simples modificación da concesión: de ningún xeito estes proxectos poden considerarse "repotenciamentos" e sí novos aproveitamentos, posto que se ben non requiren da construción dun novo vaso, sí implican faraónicas obras de infraestrutura (centrais en caverna, lago elevado, novas tubarías de presión...) e detraen máis caudal ao río. Portanto, as administracións, tanto galega como estatal deberían rexeitalos dacordo coas propostas da nova planificación hidrolóxica actualmente en tramitación.

Mais os principais agravios neste asunto veñen de Iberdrola:

-Como é posíbel que, malia a ser preceptivo por lei, no EIA (Estudo de Impacto Ambiental) non se avalíe a "alternativa 0", isto é, os pros e os contras de non perpetrar esta desfeita?
-Como é posíbel que en ningunha parte do EIA, un documento oficial de carácter técnico, quede claramente constatado se o proxecto afecta ao LIC Canón do Sil?
-Como é posíbel que o EIA omita toda mención aos hábitats naturais afectados polas infraestruturas do proxecto (toma de auga, escavacións, balsa de almacenamento...), apesar de que si se fai para as liñas de evacuación? E a respeito destas, como é posíbel que non recollan os impactos sobre a avifauna e os quirópteros?
-Como é posíbel que se faga caso omiso das recomendacións do Ministerio de Medio Ambiente (2007) de estudar a presenza de especies protexidas tan importantes como a aguia real ou a aguia pescadora, ambas en perigo de extinción e presentes na área de estudo?

E finalmente, como é posíbel que nun proxecto que vai requerir de 8 anos de obras, voaduras e escavacións coa xeracións de millóns de toneladas de entullo, non se cuantifique nen a cantidade de residuos nen a localización dos seus lugares de depósito?

ADEGA considera que este delirante proxecto, que non resiste nin unha mínima análise dende o punto de vista do rigor científico, supón unha burla á lexislación e a cidadanía. A administración hidráulica estatal e os seus dirixentes non deberían ser cómplices nin un minuto máis desta chafallada. Polo que respeita á Xunta, e apesar de que non ten competencia sobre o río, si a ten sobre o ambiente e o patrimonio afectado. En consecuencia, debería posicionarse claramente en contra e rexeitar de plano e publicamente este proxecto. Ou é que detrás da aperta de Galán a Feijóo no Obradoiro e dos efusivos parabéns houbo ademáis algún tipo de amaño?
Joomla Templates and Joomla Extensions by ZooTemplate.Com
 

Redes sociais

adegafacebook

twittergal



ADEGA